[13-02-2013] Ao redor de 30 expositores participarán na novena edición da Feira do Comercio Val da Maía, que este ano se celebrará por primeira vez no Milladoiro os días 15, 16 e 17 de marzo. A realización deste evento, organizado coa colaboración do Concello de Ames pola Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do Milladoiro (AEMI) e no que tamén por primeira vez colaboran todas as asociacións de profesionais e comerciantes de Ames, foi aprobada pola Mesa Local de Comercio. Nesta reunión, o Concello de Ames comprometeu o seu apoio, tanto en persoal como económico, para a celebración da feira.
A Feira do Comercio Val da Maía terá lugar este ano no Pavillón do Milladoiro e os stands que participarán ocuparán unha superficie de 400 metros cadrados, repartidos entre 26 expositores de diferentes sectores do comercio amiense como o téxtil, calzado, electrónica, óptica, roupa, artesanía, fogar ou regalos. Do total de comercios participantes, 15 son establecementos asociados as catro asociacións amienses: Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do Milladoiro, Asociación de Comerciantes de Bertamiráns; Asociación de Empresarios Novo Milladoiro, e Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira Bulebar. Dos establecementos restantes, oito teñen o seu domicilio social do municipio de Ames e tres na comarca de Compostela.
Ademais de poder comprar diversos produtos aos mellores prezos, as persoas que asistan á IX Feira do Comercio Val da Maía poderán gozar dunha ampla oferta lúdica e gastronómica. Deste xeito, instalarase no recinto unha cafetería, xa que este é un servizo moi valorado polos expositores. Ademais, tamén se ofrecerá un servizo de gardería, atendido por persoal cualificado, e no exterior haberá inchables como atracción lúdica para os máis pequenos baixo a supervisión de monitores. No eido gastronómico, incluiranse varios postos de churros e rosquillas e haberá tamén un posto de venda de polbo. Para cubrir o chan do recinto do Pavillón, empregaranse uns 1.000 metros cadrados de moqueta.
Tras a reunión da Mesa Local de Comercio, o concelleiro de Promoción Económica, Bernardo Moar, destacou “a importancia de desenvolver iniciativas conxuntas, que impliquen cada vez a máis comerciantes que desenvolven o seu traballo en Ames”. O edil fixo fincapé en que neste ano a cita comercial celebrarase por primeira vez no Milladoiro “co obxectivo de cumprir o compromiso do Concello de alternar os dous núcleos urbanos de Ames como lugares de celebración dos eventos de especial relevancia no calendario do municipio”.
Mesa Local de Comercio
Na xuntanza da Mesa Local de Comercio, celebrada o 12 de febreiro e que estivo presidida polo alcalde de Ames, Santiago Amor, estiveron representadas as catro asociacións de profesionais e comerciantes do concello. A este encontro tamén asistiron Bernardo Moar, concelleiro de Comercio e Promoción Económica; Alfredo Taboada, concelleiro de Vías e Obras; Alfonso Rey, concelleiro do grupo municipal popular; Jorge Couñago, axente de emprego e desenvolvemento local do Concello de Ames; Sonia Moure, técnica municipal de turismo do Concello de Ames; María Carmen García, representante da Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia, e Óscar Porral, representante da Unión de Consumidores de Galicia.
Por parte das asociacións de profesionais e comerciantes do concello asistiron Dolores Mella, presidenta da Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do Milladoiro, e Alejandro Righi, tesoureiro desta asociación; Juan Carlos Zaera, presidente da Asociación de Comerciantes de Bertamiráns; Salomé Blanco, representante da Asociación de Empresarios Novo Milladoiro, e José Manuel Fernández, presidente da Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira Bulebar.





