[15-12-2014] O Concello de Ames puxo en marcha unha nova edición do concurso de escaparates, que se encadra dentro da programación municipal de Nadal 2014. Un ano máis a Concellería de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo puxo en marcha esta iniciativa que ten como obxectivo dinamizar o comercio amesán e estimular as compras. Os escaparates deberán estar decorados con motivos e adornos de Nadal dende este luns, 15 de decembro, ata o vindeiro luns 5 de xaneiro de 2015. Repartíranse un total de 2.000 euros entre os catro establecementos premiados.
Un total de 29 establecementos (15 de Bertamiráns e 14 do Milladoiro) competirán co engalanado dos seus escaparates para obter algún dos premios que se repartirán no IX Concurso de Escaparates do Concello de Ames. Este ano volveranse a repartir 2.000 euros en premios. O primeiro premio estará dotado de 800 euros, o segundo premio será de 600 euros e o terceiro premio dispón de 400 euros.
Ademais, por segundo ano consecutivo, estableceuse un premio especial do público que estará dotado con 200 euros. Este premio do público será elixido entre toda a veciñanza amesán. Para iso, o Concello entregará 150 boletos a cada establecemento inscrito no Concurso de Escaparates, para que sexan distribuídos entre a súa clientela.
Os boletos depositaranse, debidamente cubertos, nas urnas situadas para tal efecto tanto na Casa de Cultura e Casa do Concello, en Bertamiráns; como na Casa de Cultura e na Biblioteca municipal, do Milladoiro, entre o 15 de decembro e o 5 de xaneiro de 2015. O establecemento que reciba o maior número de votos, será o gañador deste premio especial.
Todas as persoas que emitan, polo menos, un voto participarán nun sorteo dun teléfono “iPhone 6”. O gañador ou gañadora deste regalo darase a coñecer o mesmo día en que se fagan públicos o resto dos premiados do Concurso de Escaparates Nadal 2014. Ademais, os catro establecementos premiados terán un mes de publicidade gratuíta en Ames Radio.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Case trinta establecementos de Ames compiten no concurso de escaparates"
La Voz de Galicia: "Treinta comercios amienses en el concurso de escaparates"




