[28-05-2015] As bibliotecas municipais de Ames desenvolveron durante este curso un nutrido programa de actividades para todos os públicos. Os nenos maiores de tres anos puideron participar nas sesións de contacontos gratuítas que se desenvolveron nas bibliotecas do Milladoiro e de Bertamiráns e nos locais sociais de Augapesada e de Bugallido. Nesta iniciativa que ten como obxectivo fomentar o hábito da lectura dende idades temperás participaron uns 2.800 rapaces e 1.825 pais.
O alcalde en funcións, Santiago Amor, valora “extraordinariamente” esta actividade de “convivencia familiar” entre cativos e pais arredor dos contos infantís, así como o club de lectura formado por adultos. “As nosas bibliotecas teñen un uso case completo de recursos e instalacións, con 6.600 socios, polo que este rendemento óptimo nos indica que debemos seguir coidando este tipo de actividades que conxugan formación, cultura e lecer”.
A temática destas sesións para nenos centrouse nos elementos que se poden atopar no ceo: as nubes, as estrelas, a lúa... con títulos como “O arco da vella”, “Y la luna sonrió” ou “Garoto busca unha estrela”. Tamén houbo sesións especiais da man da escritora e narradora ferrolá Charo Pita, que achegou aos máis pequenos o seu último libro titulado “Nenos e nenas”.
Para o mes de xuño hai programadas novas xornadas de animación á lectura que se celebrarán dende o luns día 1 ao xoves día 4, ás 18:00 horas, nos locais sociais de Augapesada e Bugallido e nas bibliotecas do Milladoiro e de Bertamiráns, respectivamente. Ademais, os sábados 6 e 13, ás 11:00 horas, haberá dous obradoiros para nenos de entre 6 e 12 anos impartidos pola compañía Vagalume, dentro da campaña "Ler conta moito" que promove a Xunta de Galicia. Serán nas bibliotecas do Milladoiro e de Bertamiráns.
Dez anos de club de lectura
As bibliotecas municipais de Ames tamén poñen en marcha o club de lectura, un punto de encontro arredor dos libros que se celebra cada quince días e ao que acoden preto dunha vintena de persoas. Esta actividade cumpre dez anos de vida e segundo o seu coordinador, Santiago Eirís, faino “con moita vitalidade” acollendo veciños de distintos perfís e idades.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Casi 2.800 niños fueron en Ames a las sesiones de cuentacuentos"
El Correo Gallego: "Os contacontos nas bibliotecas de Ames atraeron neste curso a 2.800 rapaces"




