Pestanas principais

Preto de 2.300 mozos beneficiáronse das actividades que a Concellaría de Mocidade desenvolveu en 2010

Mércores, 26 de xaneiro de 2011

[26-01-2011] A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) fixo balance dos servizos prestados aos mozos e mozas de Ames que, con respecto ao ano pasado, medrou en número de solicitudes de información e asesoramento, así como de participación nas actividades organizadas por esta oficina. Un total de 2.291 mozos e mozas beneficiáronse dos distintos servizos ofertados por esta oficina, destacando o amplo número de mozos e mozas que formaron parte dos programas de atención a alumnos -1.086-, os 303 beneficiarios dos cursos e actividades de formación desenvolvidos e os preto de 1.000 que asistiron á Festa da Mocidade. Os datos van en aumento cada ano, incrementándose o número de solicitudes de información e asesoramento, así como o de participantes nas actividades organizadas pola oficina a cargo da concellaría de Mocidade.

Ano a ano a Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), dependente da concellería de Mocidade, vai gañando adeptos entre a mocidade de Ames debido ao programa que imparte que recolle un amplo abano de actividades informativas e de dinamización xuvenil. O asesoramento aos mozos e mozas sobre aquelas materias que lles interesan á mocidade, así como a oferta dunha ampla programación de actividades socio-educativas e lúdicas son outros dos aspectos que aborda a OMIX.

Programas con alumnos

Entre as actividades realizadas pola OMIX destacan todos aqueles programas destinados especificamente aos alumnos do concello no que participaron un total de 1.086 mozos e mozas. Estes formaron parte de tres programas: o programa "Falamos de inserción laboral", ao que se acolleron 186 mozos e mozas que a través desta actividade recibiron formación sobre os procesos de inserción laboral, información moi importante para un colectivo como o xuvenil, con verdadeiras dificultades para incorporarse ao mercado laboral; o programa "Ames Saudable", no que participaron 135 persoas e destinado a fomentar uns usos e costumes saudables entre este colectivo social para fomentar no seu eido aspectos básicos para unha boa saúde como unha dieta alimentaria completa e saudable; e o programa do Servizo de Prevención de Drogodependencias, ao que se acolleron un total de 766 alumnos e alumnas que recibiron información básica e fundamental de prevención.

Durante o ano 2010, dentro do programa do Servizo de Prevención de Drogodependencias, fixéronse intervencións fundamentalmente no eido escolar, con programas tales como a "A saúde na escola" no que cativos de 5 anos traballaron os hábitos de saúde, hixiene e alimentación; e as "Intervencións socioeducativas nas aulas" para alumnos dende 6º de primaria ata de 4º de secundaria.

Outros obradoiros que se desenvolveron neste eido foron "O segredo da boa Vida", para alumnos de 5º e 6º de Educación primaria; o "II Certame de Prevención das drogodependencias na radio. Ti podes previr as drogas, ¿escóitate!", para alumnos dende 5º de primaria ata 2º de bacharelato; e o programa Cinensino para alumnos de 1º e 2º de ESO. Nestes programas estiveron implicados/as 35 profesores/as (directores/as, orientadores/as e docentes).

No eido deste programa, tamén se levaron a cabo intervencións coas familias a través do programa "A familia, máis que un teito" no que participaron 52 persoas coas que se traballou de forma individual e familiar e que se beneficiaron do servizo de asesoramento da OMIX.

Programas de Formación

Cun amplo sector de poboación xuvenil no total da poboación do concello e cun especial interese por parte do goberno local de fomentar a formación e capacitación dos mesmos, a concellería de Mocidade a través da OMIX puxo a disposición dos mozos e mozas do concello unha serie de programas de formación sobre diversas materias dos que se beneficiaron un total de 303 mozos e mozas.

Entre estas actividades, destacan as actividades extraescolares, no que, ata xuño, participaron 79 alumnos e, a partir de outubro, 78, supoñendo un total de 157 beneficiarios. Tamén se ofertaron outros cursos, como o de Monitor de Tempo Libre -25 mozos e mozas adquiriron os coñecementos e a formación necesaria para deseñar, programar e pór en práctica actividades para o tempo libre-; o de Asociacionismo e Voluntariado, no que se inscribiron 15 persoas, e o de Servizo de Voluntariado Europeo, ao que se acolleron 12 rapaces; o de Emancipación Xuvenil, no que participaron 35 persoas; e o de Cooperación e Desenvolvemento, no que participaron uns 20 mozos.

Outras actividades

Estas non foron as únicas actividades levadas a cabo pola OMIX durante 2010, xa que tamén se ofertaron diferentes obradoiros como o de artes escénicas, ao que asistiron 21 mozos e mozas, o obradoiro de radio no que participaron 10 rapaces e rapazas e os bailes de salón que contou con 39 inscritos. Tamén se puxo en marcha a Escola de Break Dance, na que participaron 24 alumnos e alumnas ata xuño de 2010 e na que están inscritos 30 mozos/as dende outubro. En total en 2010 inscribíronse nesta escola de baile un total de 54 usuarios.

Ademais desenvolvéronse actividades deportivas ligadas á aventura como o paintball, o hidrospeed ou o caiac de ruta nas que participaron 92 mozos e mozas. A primeira edición do programa Cinexove contou cunha participación de 50 persoas. Segundo esta liña de traballo organizouse unha exposición do curso de Cooperación e Voluntariado á que acudiron 60 interesados na cuestión. Tamén houbo tempo para a diversión durante as vacacións de verán. Así, 36 mozos e mozas foron ao campamento xuvenil organizado en Cudillero e 188 xoves participaron na organización da Festa da Mocidade á que acudiron preto de 1.000 persoas. Ademais, tramitáronse 70 carnés xove e atendéronse 321 consultas na OMIX.

Novo punto de información

Con todos estes datos, podemos dicir que o balance das actividades e servizos prestados pola OMIX é moi positivo xa que se incrementou o número de participantes, seguindo a liña dos últimos anos. Ademais, a descentralización do servizo de atención e asesoramento entre Bertamiráns e O Milladoiro resultou ser unha decisión conveniente xa que con elo se ofreceron os servizos dunha maneira máis directa sobre os interesados, o que fixo aumentar o número mozos/as que se achegaron ás oficinas que a OMIX ten neses dous núcleos. As actividades realizadas contaron cun número importante de participantes e a súa programación e contido foi moi completo.

En definitiva, a OMIX cumpriu cos obxectivos establecidos para 2010 e, ano a ano, logra melloralos cunhas cifras de participación que garanten a continuidade na prestación de servizos e na organización de actividades destinadas aos máis mozos do concello.

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Más de dos mil jóvenes amienses disfrutaron de actos de Mocidade"
La Voz de Galicia: "Más de dos mil jóvenes amienses disfrutaron de actos de Mocidade"
La Voz de Galicia: "Más de dos mil jóvenes amienses disfrutaron de actos de Mocidade"
El Correo Gallego: "La OMIX de Ames llevó las iniciativas a 2.300 jóvenes"
El Correo Gallego: "La OMIX de Ames llevó las iniciativas a 2.300 jóvenes"
El Correo Gallego: "La OMIX de Ames llevó las iniciativas a 2.300 jóvenes"