[12-11-2011] Aeróbic, ximnasia de mantemento, baloncesto, fútbol sala, natación, actividade física para discapacitados, pilates, obradoiros de teatro, xadrez ou manualidades son algunhas das actividades que se desenvolverán ao longo do curso 2011 - 2012 dentro do programa das escolas deportivas e obradoiros culturais. O deporte e os obradoiros culturais son unha boa forma de desenvolver unha vida saudable e adquirir valores tan importantes como a deportividade, o respecto e a tolerancia. Por este motivo, o Concello de Ames aposta polo desenvolvemento destas actividades que sempre acadan uns resultados positivos. Durante este curso 1.811 persoas participan nas actividades das escolas deportivas e obradoiros culturais. Dende o mes de outubro estas actividades xa se desenvolven con total normalidade en Bertamiráns, O Milladoiro, Aldea Nova e varias parroquias do rural amiense co fin de que este programa chegue a toda a veciñanza amiense.
Actividades para adultos
Por outra banda existen unha serie de actividades físicas dedicadas ás persoas adultas que tamén teñen unha gran demanda entre a cidadanía amiense. Deste xeito son moitos os veciños que acoden as clases de aeróbic; pilates; spinning, abdominais e glúteos; ou ximnasia de mantemento. A actividade máis demandada é a de pilates con 241 usuarios/as. Este adestramento físico e metal serve para corrixir problemas no lombo ou aprender a adoptar as posturas correctas e estirar adecuadamente os músculos. Ademais hai 205 persoas que asisten ás clases de ximnasia de mantemento, 185 persoas que asisten as actividades de aeróbic, e 108 que están apuntados en spinning, abdominais e glúteos.
É importante destacar que para facilitar a asistencia de todos os participantes hai grupos tanto en Bertamiráns como no Milladoiro, pero ademais a actividade de pilates impártese na urbanización de Aldea Nova e a de ximnasia de mantemento nos lugares de Aldea Nova, Aguapesada, Ameixenda, Biduído, Tapia, Trasmonte e Covas.
Obradoiros culturais
As actividades culturais ofertadas polo Concello de Ames caracterízanse pola súa diversidade e por estar pensadas para todos os grupos de idade. Así, neste curso 2011- 2012, os e as amienses poden gozar de cinco obradoiros como son o de baile e música tradicional, baile de salón, manualidades, teatro e xadrez. Estas actividades contan con 334 usuarios/as.
O obradoiro de baile e música tradicional é o que ten maior demanda con 108 usuarios/as. Este obradoiro impártese nas parroquias de Bugallido, Biduído, Trasmonte e na localidade de Bertamiráns. A Concellería de Cultura, Educación e Patrimonio de Ames asinou un contrato coa asociación cultural amiense Os Castros polo cal esa asociación asume o obradoiro municipal de baile tradicional, gaita e pandeireta. O contrato supón un aforro duns 14.000 euros con respecto ao que había con anterioridade, pero, principalmente, supón transparencia e unha clara aposta polas asociacións do propio municipio. O contrato inclúe 15 actuacións dos Castros repartidas entre o que queda de ano e durante todo o 2012.
De preto séguelle o obradoiro de manualidades que tamén esperta a paixón de moitos veciños e veciñas de Ames. Cómpre salientar que nesta actividade son maioría as mulleres. Participan un total de 94 persoas que están divididas en dous grupos. En Bertamiráns hai 43 persoas inscritas e no Milladoiro participan 51 usuarios/as.
Nos bailes de salón participan 73 persoas (en Bertamiráns 25 e no Milladoiro 48), no obradoiro de xadrez son 24 usuarios/as (en Bertamiráns 9 e no Milladoiro 15), e no obradoiro de teatro 35 inscritos (en Bertamiráns 10 e no Milladoiro 25).

O Concello de Ames ofrece un amplo abano de actividades deportivas e culturais co fin de mellorar a calidade de vida de toda a cidadanía amiense. Para iso púxose en marcha unha nova edición das escolas deportivas e obradoiros culturais, que se desenvolven nas localidades de Bertamiráns e O Milladoiro, así como en diferentes lugares do rural.
En total son 1.811 persoas as que están inscritas en algunha das preto de vinte actividades que se ofertan dentro deste programa municipal. O servizo municipal das escolas deportivas atende a un total de 1.477 usuarios/as. Este servizo non é exclusivo só para a mocidade senón que os adultos tamén dispoñen de varias actividades físicas que se imparten tanto nas localidades de Bertamiráns e O Milladoiro, así como en diferentes lugares do rural. Deste xeito, 738 son nenos e nenas que realizan algún tipo de actividade deportiva, mentres que 739 son persoas adultas que tamén practican deporte. Por outra banda nos obradoiros culturais participan 334 persoas.
A oferta de actividades deportivas que ofrece o Concello de Ames caracterízase pola súa variedade e por estar pensadas para todos os grupos de idade. Así, os e as amantes do deporte poden escoller entre trece actividades: aeróbic; ximnasia de mantemento; baloncesto; fútbol sala; natación; predeporte; pilates; tenis de mesa; spinning, abdominais e glúteos; patinaxe; tenis; voleibol e actividade física para discapacitados.
Nas escolas deportivas impártense deportes como poden ser o fútbol sala, o baloncesto, patinaxe, tenis, predeporte, tenis de mesa, voleibol e natación. Son moitos os cativos/as que asisten polas tarde aos pavillóns de Bertamiráns e do Milladoiro para practicar estes deportes. Un dos obxectivos deste servizo é iniciar aos nenos e nenas na práctica deportiva para que adquiran o hábito de realizar exercicio a miúdo. As actividades que máis rapaces atenden son a de patinaxe con 188 usuarios/as, tenis (174), baloncesto (117), predeporte (85) e fútbol sala (78). Cun menor índice de participación están as actividades de natación (46), voleibol (27) e tenis de mesa (23).
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Las escuelas deportivas y talleres culturales de Ames superan los 1.800 alumnos"
El Correo Gallego: "Preto de 2.000 persoas de Ames participan nas actividades das escolas deportivas e obradoiros culturais 2011-2012"




