Pestanas principais

Preto de 200 rapaces terán un agasallo grazas á campaña de recollida de xoguetes

Mércores, 28 de decembro de 2011

[28-12-2011] O vindeiro luns, 2 de xaneiro, remata o prazo para participar na campaña de recollida de xoguetes de Nadal posta en marcha un ano máis polo Concello de Ames. Debido a iso, dende a Concellaría de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado, a través da Oficina do Voluntariado do Concello de Ames (OVA), animan a que todas as persoas que aínda non entregaron ningún xoguete se dean présa xa que a campaña está a piques de rematar. Nesta iniciativa tamén participaron o Bertamiráns Fútbol Club, a través da segunda campaña de recollida de roupa e xoguetes, e a Asociación Barricas Folk Rock do Milladoiro, que tamén recolleu xoguetes para os nenos/as en risco de exclusión social. Ata este momento 190 pais/nais solicitaron un agasallo para poder entregárllelo aos seus fillos/as o día de Reis.

A Concellaría de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado, a través da Oficina do Voluntariado do Concello de Ames (OVA), puxo en marcha o pasado 28 de novembro a décima edición da campaña de recollida de xoguetes. Este ano, baixo o lema "En Ames todos/as xogamos", a campaña, que durará ata o 2 de xaneiro, pretende recoller un gran número de xoguetes para entregar entre a poboación máis necesitada do concello e sensibilizar a xente de que doar un xoguete non consiste en dar caridade, baleirar armarios ou reciclar obxectos que nos molestan na casa, senón que hai que poñer un pouco de xustiza e ofrecer solidariedade e xenerosidade de balde.

Para evitar que estes nenos e nenas non gocen destas datas, o Concello de Ames e o Bertamiráns Fútbol Club (que por segundo ano consecutivo e por iniciativa propia levou a cabo tamén a súa campaña de recollida de xoguetes que posteriormente entregará ao Concello para o seu reparto entre os nenos e nenas) apostaron un ano máis por realizar unha colecta de xoguetes para que os meniños e meniñas máis necesitados de Ames poidan ter un bo día de Reis. Este ano, a Oficina de Voluntariado tamén contou coa colaboración da Asociación Barricas Folk Rock do Milladoiro, que recolleu os seus propios xoguetes para posteriormente entregarllos ao Concello.

Ata o día 2 de xaneiro os xoguetes poden ser entregados nas Casas da Cultura do Milladoiro e de Bertamiráns, de luns a venres, en horario de 10:00 h. a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas. Dende a Oficina de Voluntariado de Ames inciden en que os xoguetes teñen que ser novos ou atoparse en bo estado e non poden ter carácter sexista nin carácter bélico. Cinco voluntario/as están realizando a selección dos xoguetes que se atopan en bo estado e empaquétanos con papel de agasallo. Tamén se encargan de ordenalos segundo a idade do neno/a ao que vai dirixido cada xoguete. Nestas tarefas tamén colabora o persoal das bibliotecas municipais. A entrega de agasallos ás familias realizarase o día 3 de xaneiro na Casa da Cultura de Bertamiráns e o día 4 na casa da Cultura do Milladoiro.

Finalmente, os agasallos acabarán o 6 de xaneiro baixo a árbore de Nadal de preto de 200 rapaces e rapazas que debido aos seus diversos problemas son usuarios frecuentes dos servizos sociais do Concello e contan cun seguimento persoal por parte destes servizos. As persoas que desexen obter máis información deberán dirixirse á Oficina Municipal do Voluntariado (OVA) ao teléfono 981 883 703, ou ben ás Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro.