Pestanas principais

Máis dun cento de persoas reuníronse para celebrar o Día da Muller en Ames

Martes, 09 de marzo de 2021

Poucas consignas berradas para evitar a propagación do virus, máscaras, pancartas e cordas violetas no chan marcando as distancias. A conmemoración do 8M neste atípico ano, comezou na praza do Concello onde o alcalde e varias concelleiras e concelleiros leron o Manifesto Institucional. Após da lectura, a celebración trasladouse á praza da Maía para presentar o monólito dedicado á amesá Filomena Fraga, unha das once “Mulleres magníficas” que conforman o roteiro 8M que quedará como lembranza do Día da Muller en Ames do 2021. O alcalde, José Miñones, presentou á escritora salientando a condición de muller adiantada ao seu tempo. Filomena dixo que estaba en débeda con este concello que tanto a valora. A celebración rematou cun acto da Plataforma Feminista de Ames na que veciñas de todas as idades leron textos de distintas mulleres comprometidas coa loita feminista ao longo da historia. Premendo nesta ligazón pódese ver a galería de imaxes completa.

A celebración comezou na praza do Concello coa lectura do Manifesto ao que lle puxeron voz o alcalde de Ames, Xosé Miñones, o concelleiro Quique Costas e as concelleiras Luísa Feijóo, Natividade González, Genma Otero e Oliva Agra. No documento, que este ano asinaron todos os membros da corporación municipal, lembrouse, entre outras cuestións, que ”este oito de marzo a ONU emprega a pandemia como claro exemplo do valor das mulleres no futuro da humanidade, pero tamén como evidencia da persistente discriminación e vulnerabilidade que sofren por mor do seu xénero”. Ao remate da lectura, a concelleira Luísa Feijóo convidou aos asistentes a achegarse á praza da Maía onde se ía presentar oficialmente o monólito dedicado á escritora amesá Filomena Fraga.

Foi o alcalde quen presentou a Filomena lembrando o carácter loitador e reivindicativo que a escritora de Agrón amosou desde moi nova: “Filomena non puido ir moito á escola e aos 14 anos foi servir ao Portanxil, aí xa se demostrou que era unha muller valente e con carácter, unha muller que foi capaz de reclamar un soldo igual ao dos homes porque ela facía o mesmo traballo que eles, e de deixar aquel traballo cando non llo concederon”. Fixo tamén alusión Miñones ao seu papel na loita a prol dunha educación mellor para os fillos e as fillas a través da  presidencia da ANPA do instituto de Negreira e o privilexio de formar co seu home un matrimonio adiantado aos seus tempos “onde todo se decidía de xeito consensuado”. Rematou a súa presentación o alcalde lembrando como aquela muller que sempre escribira chegou a publicar co apoio do Suso de Toro, profesor dos seus fillos e compañeiro de Filomena na loita pola mellora educativa dos anos setenta e oitenta, salientando que “os soños se se traballan, poden facerse realidade”.

Filomena dixo estar en débeda co concello de Ames que “sempre me valorou máis do que merecía” e lembrou que foi este concello o que lle reeditou “A Cancela”, despois de anos nos que non se podía atopar o libro. Recordou tamén a homenaxe que tamén noutro Día da Muller lle fixera o concello e a medalla de Ames que lle outorgaron o Día de Galicia de 2019. Tivo tamén palabras de agradecemento para os seus veciños e veciñas de Agrón e falando da parroquía, agromoulle a poeta que leva dentro: “alí foi onde nacín, alí onde me eu criei, alí coñecín amores, alí onde me casei”.

A escritora que adoita dicir dela mesma “eu so son unha labrega que escribiu un libro”, lembrou como as mulleres de aldea traballaban todo o día cos homes nas leiras e co gando, e cando chegaban á casa, mentres eles sentaban ou ían para a taberna, elas seguían a traballar, preparando a cea, coidando os sogros e os enfermos “eu tiven a sorte de non vivir así, pero vin moito diso e niso reflexionei tamén moito cando escribín A Cancela”.

A concelleira de Igualdade, Luisá Feijóo agradeceu a Filomena a súa presenza e todo o que nos leva ensinado ás mulleres: "Filomena é todo un referente que nos ensinou a loitar polo que creemos e hoxe está aquí presente tamén para lembrarnos que o 8M non é só un día, senón que o 8M ten que ser todos os días do ano”.

Acto da Plataforma Feminista de Ames

A conmemoración do Día da Muller no Concello rematou co acto da Plataforma Feminista de Ames. A praza da Maía lucía cordas violetas no chan. Preparounas a Plataforma para delimitar o espazo e manter así as distancias que impón a loita contra a pandemia. Moitos panos e moitas máscaras violetas. Pancartas da mesma cor nas que se lían as consignas que este ano, para evitar a propagación do virus a través dos aerosois, non se puideron berrar. “Urxe unha axencia pública de intermediación no emprego do fogar”, "Non son un can, non me asubies",  “Son o berro das que non teñen voz”, “Pandemia machista, vacina feminista”, eran algunhas das frases que se podían ler.

Léronse textos de mulleres que ao longo da historia deixaron a súa pegada como impulsoras da loita a prol dos dereitos da muller. Pilar Candocia, da Plataforma Feminista foi a encargada de presentar ás novas activistas e as creadoras dos textos que, ao longo da historia foron enfiando e apontoando o pensamento feminista. Verbas e pensamentos de Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal, Clara Campoamor e Nuria Varela soaron na praza da Maía nas voces da escritora, especialista en Rosalía, María López Sández, a enfermeira e activista Chiruca Tarrío, a decana de matemáticas e vicerectora Victoria Otero, a profesora e música Xulia Novais, e a estudante Elena Rodríguez.

Cun resumo do “Manifesto Galegas 8M”, que se leu onte en toda Galicia, rematou o acto. A encargada da lectura foi Diana Muñoz Leira da FPG. Ela foi a que deu paso á única consigna que se coreou en toda a tarde: “Viva a loita das mulleres”. Soaron máis aplausos que ecos das palabras.

Premendo nesta ligazón pódese ver a galería de imaxes completa.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Recoñecemento á loita feminina dende toda Área"

Lectura do Manifesto Institucional

Multimedia

  • Filomena Fraga co alcalde e coa concelleira de Igualdade
  • Praza da Maía
  • Filomena Fraga
  • Pilar Candocia da Plataforma Feminista de Ames
  • María López Sández leeu un texto de Rosalía
  • Chiruca Tarrío de PFGA
  • Julia Novais da Plataforma Feminista de Ames
  • Victoria Otero
  • Elena Rodríguez Abel
  • Praza da Maía durante o acto
  • Praza da Maía 8M 2021
  • Embedded thumbnail for
  • Embedded thumbnail for
  • Embedded thumbnail for
  • Embedded thumbnail for