Pestanas principais

Preto de 200 persoas participarán este sábado na primeira edición da Carreira da Familia de Ames

Venres, 08 de setembro de 2017

[08-09-2017] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes, organiza este sábado, 9 de setembro, a partir das 17:00 horas, a primeira edición da Carreira da Familia. Trátase dun evento deportivo e lúdico que se desenvolverá no aparcadoiro da Travesía do Porto, no Milladoiro. O diñeiro recadado, a través das cotas de inscrición, irá destinado á Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (ASANOG). Con motivo de dita carreira haberá cortes esporádicos de tráfico, entre as 18:00 e as 19:00 horas, nas rúas do Milladoiro.

A actividade central da I Carreira da Familia será unha carreira “simbólica” de tres quilómetros aproximadamente polas rúas do Milladoiro. Ás 17:00 horas, na carpa da organización, realizarase a entrega de dorsais e dunha bolsa de agasallo aos 188 inscritos/as. De seguido, ás 17:30 horas, comezará a animación musical a cargo dun DJ.

A partir das 18:00 horas farase unha sesión de quecemento en grupo para ás 18:15h comezar a carreira. Ademais, ao longo da tarde, entre as 18:45 e as 20:00 horas, haberá actividades lúdicas para as familias que participen na carreira ou se acheguen ao aparcamento da Travesía do Porto. Tamén haberá inchables para os nenos e nenas. As 20:00 horas farase a entrega de premios, sorteo de agasallos e fin de festa.

A participación será individual ou e en familia e, para as gañadoras e gañadores, haberá diferentes premios (por orde de chegada á meta): á familia máis numerosa, á avoa ou avó de máis idade, á primeira ou primeiro en chegar á meta individualmente, á primeira familia de dous integrantes, á primeira de tres, á primeira de catro e á primeira de cinco (cuxos membros deberán chegar todos ao mesmo tempo nestes casos).

A participación será individual ou en familias monoparentais ou de máis integrantes, compostos por avós/avoas ou pai/nai e fillos/as. As actividades levaranse a cabo na rúa do Buxo, (aparcamento da Travesía do Porto) a carón do Centro Comercial Novo Milladoiro. A participación está aberta a participantes de calquera idade. Os participantes menores de 10 anos deben ir obrigatoriamente acompañados dun adulto.

Recadación para ASANOG
Toda a recadación do día irá destinada á Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (ASANOG), unha asociación sen ánimo de lucro que nace en 2012 para contribuír no ámbito da nosa comunidade a mellorar o estado dos nenos oncolóxicos e as súas familias. Ademais, mañá habilitarase unha carpa da Asociación para poder colaborar e doar o que cada persoa ou familia desexe.

Con motivo de dita carreira haberá haberá cortes esporádicos de tráfico das 18:00 ás 19:00 horas nas rúas Travesía do Porto, Pardiñeiros, Agro do Medio, rúa de Abaixo, Raxoeira, Anxeriz, Curuxa, Travesía de Castelao, Madalena, Seixo, Xaquín Lorenzo, e Muíño Vello.