Pestanas principais

Preto de 200 nenos e nenas xa participaron nos campamentos municipais de verán

Luns, 07 de xullo de 2014

[07-07-2014] Dende o pasado 25 de xuño, día no que comezaron os campamentos municipais de verán que oferta o Concello de Ames, preto de 200 nenos e nenas xa participaron en catro campamentos diferentes que se desenvolveron na granxa escola Fervenzas do Toxa (Silleda), na granxa escola El Kiriko (Fornelos de Montes), e no Albergue Fundación González Ferreiro (Allariz). Ademais, hoxe comeza o campamento urbano que se desenvolve nas instalacións da Aula da Natureza no que participan 20 rapaces e rapazas, e onte comezou o campamento xuvenil Ribeira Sacra (Quiroga), no que están participando 50 mozos e mozas que cursaron estudos de ESO. A través destas actividades os rapaces e rapazas teñen a posibilidade de pasar uns días divertidos ao tempo que fan novos amigos e fomentan o respecto polo medio ambiente.

Por outra banda, un grupo de 79 rapaces e rapazas de 7 a 8 anos, que cursaron 1º e 2º de educación primaria, acudiron á granxa escola El Kiriko, situada en Fornelos de Montes. Neste caso, a estancia foi do 27 ao 29 de xuño e participaron en diferentes actividades nas que se encargaron de limpar e coidar aos animais desta granxa-escola, coñeceron diferentes plantas aromáticas, participaron nunha xincana acuática e nun obradoiro de pegadas, así como nun obradoiro para coñecer a flora e fauna dos regatos e nunha gran festa de despedida.

Por último, un grupo de 48 nenos/as de 9 a 10 anos, que cursaron 3º e 4º de educación primaria, estiveron no Albergue Fundación González Ferreiro de Allariz dende o 30 de xuño ata o 3 de xullo. Neste caso, estes rapaces e rapazas visitaron a localidade de Allariz, onde participaron nun xogo de pistas e en actividades de Hípica. Tamén visitaron a radio municipal de Allariz, onde puideron gravar un programa radiofónico, e a área recreativa de Allariz, onde puideron comer e refrescarse nas piscinas que hai neste lugar. Ademais, visitaron o ecoespacio de Rexo no cal puideron coñecer as diferentes razas de ovellas e cabras que teñen. Neste lugar tamén traballaron cos queixos que elaboran (coñeceron o seu proceso de elaboración, probáronos e elaboraron o seu propio queixo).

Os campamentos municipais de verán aínda non remataron, xa que dende este domingo, 6 de xullo, estase desenvolvendo o campamento xuvenil da Ribeira Sacra, que está situado en Quiroga, no cal están participando un grupo de 50 mozos e mozas que cursaron estudos de ESO. Ademais, entre o 7 e o 18 de xullo desenvólvese o campamento urbano nas dependencias da Aula da Natureza no que participan un grupo de 20 nenos e nenas. A través destas actividades os rapaces e rapazas teñen a posibilidade de pasar uns días divertidos ao tempo que fan novos amigos e fomentan o respecto polo medio ambiente.


Os nenos/as de 3 e 4 anos, que cursaron 1º e 2º de educación infantil, foron os primeiros en ir de campamento. Un grupo de 21 nenos e nenas pasaron dous días e unha noite no campamento da granxa escola Fervenzas do Toxa, situado en Silleda, no que realizaron diversas actividades con animais (déronlle de comer ás ovellas, visitaron as cuadras desta granxa escola onde hai galiñas, coellos, ovellas, etc.); colleron os ovos das galiñas para facer madalenas; realizaron traballos nas hortas (probaron diferentes hortalizas como o repolo, chícharos, cebola, etc.); e por último tamén tiveron tempo para divertirse e bañarse na piscina.

Os seguintes rapaces e rapazas en ir de campamentos foron os de 5 a 6 anos, que cursaron 3º de educación infantil. Neste caso uns 25 rapaces e rapazas tamén estiveron no campamento da granxa escola Fervenzas do Toxa durante os días 26, 27 e 28 de xuño. Este grupo de nenos/as realizaron as mesmas actividades que os anteriores, pero ademais, participaron en actividades de hípica, escalada en rocódromo, nun obradoiro de anfibio, en xogos de grupo e en veladas nocturnas.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Los planes de conciliación de Teo y Ames superan los 600 usuarios"
El Correo Gallego: "Os rapaces amienses gozan nos seus campamentos"