[02-09-2011] Tras o remate da Escola de Verán e antes do comezo do novo curso escolar que terá lugar o vindeiro 12 de setembro, este xoves 1 de setembro comezaron as actividades do Setembro Lúdico que se estenderán ata o día 9. A iniciativa está dirixida aos cativos escolarizados no 2º ciclo de educación infantil e en educación primaria. Deste modo, ofrécese unha alternativa para estes primeiros días de setembro co fin de ocupar o tempo de lecer dun xeito divertido, educativo e, de paso, ir engraxando a máquina para o comezo do curso escolar.

Estes días estarán dedicados a "Os nosos amigos do mundo", pretenden levar os cativos e cativas a coñecer lugares interesantes para comprender que todos somos diferentes porque nos educamos en culturas diferentes. O reto principal consiste na presentación de xeografía para nenos e nenas dunha forma atractiva para atraer o seu interese. As actividades xirarán arredor da diversidade étnica e cultural, a educación cívica e o fomento de prácticas comunicativas baseadas no respecto ao outro. Por todo isto, na xornada de onte explicóuselles aos rapaces en que ían consistir estes días lúdicos e comezaron a gozar con diferentes actividades como xogos con plastilina, actividades dirixidas ou pintura.
Facer compatible a vida familiar coa laboral é só un dos obxectivos deste programa que vai máis aló. Tamén se pretende integrar todos os nenos e nenas dentro do seu grupo de iguais, fomentar as habilidades sociais e achegar os cativos e cativas á importancia da chegada do cole. O Setembro Lúdico, unha edición máis, consistirá en sete días de diversión, aprendizaxe e novas amizades.

O curso escolar principiará o 12 de setembro. Despois duns meses de xullo e agosto, no que a Escola de verán ofreceu a oportunidade de conciliar a vida laboral e familiar, aos nenos e nenas aínda lles quedan 12 días de vacacións... Para ofrecer unha alternativa nestes primeiros días de mes, a Concellaría de Educación pon en marcha un ano máis o Setembro Lúdico. Esta iniciativa, que arrancou hoxe, 1 de setembro, seguirá desenvolvéndose durante os días 2, 5, 6, 7, 8, e 9 de setembro.
O Setembro Lúdico desenvólvese tanto en Bertamiráns como no Milladoiro. Nesta edición participan un total de 192 nenos e nenas. En Bertamiráns, utilizaranse as instalacións do CEIP A Maía para realizar xogos e obradoiros nos que participarán 90 rapaces e rapazas. No Milladoiro asistirán 102 nenos e nenas e os lugares escollidos son o pavillón polideportivo e a Escola Infantil desta localidade. As actividades desenvolveranse das 9:00 h. ás 14:30 horas da mañá. Aínda así, o programa esténdese desde as 7:30 h. ata as 16:00 horas, para aqueles nenos e nenas que utilicen o servizo de comedor.

Contido relacionado

El Correo Gallego: "La diversidad étnica centra el Setembro lúdico amiense"




