Pestanas principais

Preto de 200 nenos e nenas de Ames terán un agasallo a través da campaña de “Zocos e Trasnos”

Mércores, 27 de decembro de 2017

[27-12-2017] A Oficina de Voluntariado de Ames e a asociación de veciños Vivo en Ames, en colaboración cos Servizos Sociais, puxeron en marcha no mes de outubro a segunda edición da campaña “Zocos e Trasnos”. O obxectivo da campaña é que ningún neno e nena de Ames quede sen agasallos este Nadal. Nesta edición hai apuntados 200 zocos que repartiran agasallos entre 193 nenos e nenas. O reparto de agasallos entre as familias participantes en dita campaña comezou hoxe. Os sete zocos sobrantes quedan de reserva por se estes días chega algunha carta máis.

Nesta iniciativa, as zocas e zocos son nenas e nenos, dos 0 aos 14 anos, cuxas familias están a pasar por un momento de dificultades económicas. O obxectivo da campaña é que ningún neno e nena quede sen agasallos este Nadal. De aí a existencia dos trasnos, persoas voluntarias que mercarán un presente para algunha destas nenas e nenos. Na pasada edición, foron 196 as crianzas que se beneficiaron deste programa. As cifras deste ano son moi similares ás do ano pasado xa que hai 193 zocos.

Así, a través desta campaña repartiranse, coa axuda dos Reis Magos, agasallos a 193 nenos e nenas de familias amesás que atravesan dificultades económicas. A campaña, que foi posta en marcha o pasado mes de outubro pola Oficina de Voluntariado de Ames e a asociación veciñal “Vivo en Ames”, conseguiu recrutar a 200 trasnos para que ningún neno ou nena se quede sen o seu agasallo nunha noite tan especial como a de Reis. Os sete zocos sobrantes quedan de reserva por se estes días chega algunha carta máis.

A concelleira de Promoción Económica e Voluntariado, Isabel González, expresou a súa enorme satisfacción pola campaña desenvolvida que tivo un éxito rotundo e fixo fincapé en que “son os nosos nenos/as os beneficiarios desta iniciativa e un ano máis terán o seu agasallo de Reis. Quero agradecer a todos os trasnos/as por facer posible un ano máis este programa, así como aos colectivos e os e as traballadores e traballadoras da empresa Tecalis que sumaron esforzos para darlle un pulo á campaña, e unha vez máis, os nosos voluntarios e voluntarias polo seu traballo arreo todo o ano”.

A principal novidade da campaña Zocos e Trasnos reside na atención personalizada que cada neno ou nena vai ter logo de escribir a súa carta aos Reis Magos. Os trasnos encárganse de facer chegar aos Reis os agasallos que recibirán os zocos, eses nenos e nenas de 0 a 14 anos cuxas familias están a pasar dificultades económicas. A organización foi a encargada de recoller as cartas de Reis dos zocos e facelas chegar aos trasnos.

Xoguetes sen carácter sexista nin bélico
Os trasnos/as foron os encargados de envolvelo e entregalo nalgún dos puntos de recollida situados por Ames. Para escoller un regalo tivéronse en conta tres requisitos: non deberían ter carácter sexista nin bélico, e ter un custo que rondase os 30 euros. Os agasallos doados polos trasnos clasificáronse e estanse entregando ás familias para que estas os coloquen nos seus fogares na mañá de Reis.

Nesta campaña colaboraron diversos colectivos e empresas de Ames. Deste xeito, os integrantes de Arcea-Adames elaboraron os carteis dos recunchos trasno, lugares indicados para depositar os xoguetes. Tamén se implicaron varias empresas, participando coma trasnos como é o caso dos traballadores de Tecalis, unha compañía que está situada no polígono do Milladoiro. Outra entidade que se sumou a esta iniciativa foi a empresa ServiOcio, que xestiona as instalacións municipais do Centro deportivo municipal A Telleira.