Pestanas principais

Preto de 20 persoas estranxeiras asisten ao curso de castelán para estranxeiros

Martes, 31 de maio de 2011

[31-05-2011] Preto de vinte persoas estranxeiras que residen en Ames teñen a oportunidade de aprender ou mellorar o seu dominio do castelán grazas a un curso posto en marcha pola Oficina de Voluntariado de Ames, en colaboración co Servizo de Atención ao Migrante (SAMI). Este curso, que comezou no pasado mes de xaneiro, está dirixido a dar resposta ás necesidades específicas das persoas que veñen a vivir ou a traballar ao concello de Ames. Alumnos/as procedentes de países como Brasil, Marrocos ou China teñen así a oportunidade de aprender a desenvolverse de xeito cotián no idioma castelán, podendo así defenderse en accións do día a día como facer a compra ou elaborar un currículum. As sesións teñen lugar nas Casas da Cultura de Bertamiráns e O Milladoiro, dous días a semana.


A Oficina de Voluntariado de Ames puxo en marcha no mes de xaneiro un curso de castelán para persoas estranxeiras, de xeito que estas puideran mellorar o seu dominio neste idioma para poder desenvolverse con total normalidade en accións do día a día como poden ser facer a compra, elaborar un currículum ou escribir unha carta. Deste xeito o obradoiro tenta dar resposta ás necesidades específicas das persoas que veñen a vivir ou traballar ao Concello dende outros países e que representan o 6% da poboación amiense.

O curso impártese nos dous núcleos urbanos de Ames, na Casa da Cultura de Bertamiráns, no que comezaron catorce persoas e a día de hoxe reduciuse a asistencia a tres, xa que moitos deles atoparon traballo. As clases, impartidas por Matilde Fernández, profesora voluntaria, son os martes e xoves de 12:00 h. a 13:30 horas. "Os alumnos son moi activos, moi curiosos e sempre teñen moitas gañas de aprender. Esa curiosidade fai que todo vaia moi rápido e moi ben", comenta a profesora.

No Milladoiro, o curso ten lugar na Casa da Cultura en horario de tarde,os luns e os mércores de 16:30 h. a 18:00 horas. Entre 12 e 16 persoas acoden a estas sesións, o 90% son de orixe marroquí e levan os seus fillos con eles, para iso, dous voluntarios realizan as tarefas de apoio e de ensino.

No curso aprenden a comunicarse a un nivel básico e cotián, non orientado a un exame ou proba de nivel se non ao desenvolvemento dunha capacidade comunicativa útil e elemental en galego e castelán, orientada á vida diaria. O nivel de dificultade varia en cada edición segundo o nivel inicial que teñan os participantes, adaptándose ás necesidades destes. O curso deu comezo o 25 de xaneiro e desenvolverase ata finais do mes de xuño. Este curso é totalmente gratuíto e o material necesario para o seu desenvolvemento será proporcionado polo Concello de Ames.

Abdula, é un alumno de procedencia marroquí que destaca a importancia destas clases para a aprendizaxe da lingua. "Nas clases eu vexo as cousas de xeito diferente, non é como antes que aprendía o castelán na rúa porque non tiña outro remedio, agora a profesora ensíname como escribir os nomes, os verbos e toda a gramática". Adairly é de Brasil e tamén agradece as axudas recibidas nos cursos de normalización lingüística.

Mestura de nacionalidades

Actualmente, entre os dous grupos, asisten preto de 20 persoas de varias nacionalidades: Brasil, Turquía, Corea, China, Bélxica e Marrocos. Os alumnos/as aprenden as funcións comunicativas básicas e cuestións teóricas como a gramática. Ademais, os alumnos que proceden do mesmo país poden axudarse entre eles de xeito máis doado para explicar a algún dos asistentes cousas que non entendan. Abdellah Amjehdi, alumno marroquí do curso, destaca que grazas a esta iniciativa da OVA en colaboración co Servizo de Atención ao Migrante (SAMI) mellorou o seu dominio dos idiomas e aprendeu moitas novas cousas destes.

O Concello de Ames seguirá traballando para fomentar a integración das persoas estranxeiras que residen no municipio. Ames é un dos concellos de Galicia cun maior crecemento demográfico, duplicando nos últimos 20 anos a súa poboación. Entre outros factores, a inmigración e o retorno de galegos e galegas converteuse nunha das maiores causas que avalaron ese incremento. Desta forma, é preciso levar a cabo unha serie de accións e políticas de comunicación neste eido para dar resposta a unhas esixencias deste sector de veciños e veciñas do municipio.

Actualmente un total de 1.769 persoas censadas en Ames son poboación estranxeira. Deste total, 701 son persoas procedentes directamente de países estranxeiros mentres que 1.068 son poboación estranxeira procedente doutros concellos de España. Con este novo marco de diversidade étnica, cultural e lingüística faise imprescindible promover medidas de integración que fomenten o principio de igualdade de oportunidades como é o caso deste curso que organiza a OVA en colaboración co Servizo de Atención ao Migrante.