Pestanas principais

Preto de 170 persoas participarán este domingo, 8 de xuño, no VIII Día da Bici que se celebrará no Milladoiro

Sábado, 07 de xuño de 2014

[07-06-2014] O Concello de Ames celebra este domingo, 8 de xuño, unha nova edición do Día da Bici. Esta actividade espertou un gran interese entre a veciñanza amiense e dende o departamento de Deportes tramitaron preto de 170 inscricións. Para participar nesta actividade é obrigatorio o uso do casco. Nesta xornada realizarase unha ruta pola contorna do Milladoiro. Nesta iniciativa, que está organizada pola concellaría de Deportes, colaboran a Asociación Galega de Ciclistas, o Club Ciclista Ames, o Club Ciclista Os Esfola Arrós e a Policía Local de Ames.

O Concello de Ames organizou para este domingo, 8 de xuño, a oitava edición do Día da Bici. Trátase dunha travesía de 7 quilómetros para persoas maiores de 7 anos que se desenvolverá por toda a contorna do Milladoiro. Os ciclistas saíran dende o aparcadoiro da Travesía do Porto e pasarán polas rúas da Costa Grande, Pardiñeiros, Anxeriz, Cruxa, Agro da Madalena e Travesía da Madalena. Tamén percorrerán as aldeas de Ventín, Paramuíño, Biduído, As Mimosas e Agrela, para despois volver cara o punto de saída.

O punto de encontro estará establecido no aparcadoiro da Travesía do Porto. A saída realizarase ás 11:00 horas. As persoas que se despracen dende Bertamiráns poderán ir en grupo ata O Milladoiro cos ciclistas do Club Ciclista Ames. Para iso terán que estar ás 10:00 horas na praza do Concello.

Ruta dun quilómetro para os nenos/as
Os máis pequenos disporán dun circuíto de 1 quilómetro de distancia, que discorrerá polo polígono industrial do Milladoiro. O punto de saída e de chegada tamén estará establecido no aparcadoiro da Travesía do Porto.

Ante o alto nivel de contaminación que se vive nas cidades provocado en boa medida polos medios de transporte, a bicicleta sempre parece a mellor opción. Por iso, o Concello de Ames, comprometido coa defensa da natureza e do ambiente, quere facer fincapé nos beneficios deste medio de transporte que ademais de ser limpo favorece a saúde dos seus usuarios e usuarias.