[09-06-2014] O Concello de Ames celebrou este domingo pasado unha nova edición do Día da Bici. A pesar da chuvia que caeu sobre o Milladoiro moitos adultos e nenos/as participaron nesta actividade familiar. Preto de 170 ciclistas desafiaron ao tempo e percorreron os 7 quilómetros da ruta que discorreron pola contorna do Milladoiro. O alcalde de Ames, Santiago Amor, tamén subiu na súa bicicleta e participou no Día da Bici. Ademais, a este evento acudiron a concelleira de Deportes, María Eugenia Martín, o concelleiro de Educación e Xuventude, Bernardo Moar, así como o concelleiro do grupo municipal socialista, Francisco Villaverde.




Unha vez rematada a ruta de 7 quilómetros, que estaba dirixida ás persoas de máis de 7 anos, os ciclistas adultos acompañaron aos máis pequenos que completaron un circuíto de 1 quilómetro de distancia. Este pequena travesía discorreu polo polígono industrial do Milladoiro. O punto de saída e de chegada tamén estivo establecido no aparcadoiro da Travesía do Porto.
Ante o alto nivel de contaminación que se vive nas cidades provocado en boa medida polos medios de transporte, a bicicleta sempre parece a mellor opción. Por iso, o Concello de Ames, comprometido coa defensa da natureza e do ambiente, quere facer fincapé nos beneficios deste medio de transporte que ademais de ser limpo favorece a saúde dos seus usuarios e usuarias.
O Concello de Ames organizou este domingo pasado a oitava edición do Día da Bici. Preto de 170 ciclistas percorreron 7 quilómetros pola contorna do Milladoiro. Os ciclistas saíron dende o aparcadoiro da Travesía do Porto e pasaron polas rúas da Costa Grande, Pardiñeiros, Anxeriz, Cruxa, Agro da Madalena e Travesía da Madalena. Tamén percorreron as aldeas de Ventín, Paramuíño, Biduído, As Mimosas e Agrela, para despois volver cara o punto de saída.
O punto de encontro estivo establecido no aparcadoiro da Travesía do Porto. A saída realizouse ás 11:00 horas. Nesta iniciativa, que estivo organizada pola concellaría de Deportes, colaboraron a Asociación Galega de Ciclistas, o Club Ciclista Ames, o Club Ciclista Os Esfola Arrós e a Policía Local de Ames. Deste xeito, os membros do Club Ciclista Ames quedaron ás 10:00 horas na praza do Concello, en Bertamiráns, para ir en bicicleta ata O Milladoiro e participar nesta actividade.




