Pestanas principais

Preto de 160 rapaces participaron no III Trofeo de Kárate Concello de Ames

Martes, 12 de abril de 2011

[12-04-2011] O pavillón polideportivo de Bertamiráns acolleu o sábado pasado a terceira edición do Trofeo de Kárate Concello de Ames. A iniciativa, organizada polo Club Deportivo Kárate de Ames, en colaboración coa Concellaría de Cultura, Deportes e Patrimonio Histórico, contou coa participación de arredor de 160 rapaces nas modalidades de kata e kumite. Na competición estiveron presentes clubs de Negreira, Santiago, Valga, Teo, Boiro e Ames que non quixeron perder esta cita na que o Concello volveu apoiar con forza este deporte.

O III Trofeo de Kárate Concello de Ames tivo lugar o pasado sábado no pavillón polideportivo de Bertamiráns ao longo de toda a tarde. Desde as 16:00 horas ata aproximadamente as 21:00 horas, arredor de 160 rapaces tomaron parte na competición amosando a súa pericia e dominio deste deporte de artes marciais Os participantes, de entre 4 e 13 anos de idade, dividíronse nas categorías benxamín, alevín, infantil e xuvenil.

Os clubs participantes foron A.D. Do Coto, de Negreira, A.D.E. Inmaculada de Santiago, Squash-Club Santiago do Milladoiro, Club Kárate de Valga, San Francisco de Teo, Cluny de Santiago, CD Shorinjy-Ryu de Escarabote de Boiro, Bushi Kai de Santiago e o CD Kárate de Ames.

A competición levouse a cabo en dúas modalidade, kata e kumite (combate en xaponés). A kata está especializada nunha sucesión de técnicas determinadas que o deportista executa ao aire contra un adversario imaxinario. No kárate esta modalidade céntrase nunha combinación de golpes de mans e pés baixo unha secuencia de movementos, bloqueos, desprazamentos, xiros e saltos nos que se persegue unha perfecta execución e orixinalidade.

Nesta modalidade, en categoría masculina, os gañadores foron os seguintes. En benxamín o primeiro posto correspondeu a Nicolás Tajuelo Arenas, e en alevín Francisco Javier Abel Grandío. En infantil foi Pablo Rodríguez Rama. Todos os anteriores pertencen ao CD Kárate de Ames, o que amosa o nivel alcanzado polo club do noso concello. Na categoría de xuvenil o gañador foi Oscar Bajula, do Bushi Kai de Santiago.

Na categoría feminina resultou gañadora en benxamín Icíar Lorenzo, do CD Karate de Valga, e en alevín Melani Suárez, da AD O Coto. En infantil venceu Paula Garabatos, do CD Squash, e en xuvenil Paula Viñas, da AD O Coto.

Modalidade de kumite

O kumite é unha loita na cal as técnicas practicadas teoricamente son aplicadas nun enfrontamento cun opoñente real. A corrección e a minuciosidade na execución das técnicas son esenciais no kumite, poñéndose en xogo a habilidade tanto física como mental dos competidores. Esta tarefa non é fácil, especialmente para os principiantes, e soamente despois dalgún tempo os practicantes poden adquirir a capacidade de concentración e o dominio do seu corpo necesarios para executar cada técnica coa eficacia e a forza apropiadas.

Na modalidade de kumite competiuse en parellas, nun combate sen contacto entre ambos os dous membros. Os rapaces foron en todo momento protexidos con casco, peto, luvas e outros elementos de seguridade. Ademais, estivo prohibido tocar o casco do rival, prevéndose sempre a protección da integridade física dos participantes.

Os gañadores desta categoría en xuvenil masculino foron, na modalidade de menos de 45 kilos, Mario García Cajade, do CD Kárate de Ames, e entre os participantes por riba dos 45 kilos, Samuel Huesca Briceño, do mesmo club. En xuvenil feminino a vitoria foi para Ana Deus, da ADE Inmaculada de Santiago.

A competición organizouse de xeito que se levaron a cabo todas as probas de cada categoría e a entrega dos trofeos destas antes de lle dar paso á seguinte. Ademais, todos os rapaces recibiron unha medalla que recoñeceu a súa participación nesta terceira edición do Trofeo de Kárate Concello de Ames.