[27-07-2011] Este martes, 145 nenos e nenas de Ames de terceiro, cuarto e quinto de primaria vanse de campamento de verán. Corenta e tres rapaces e rapazas de quinto de primaria marchan durante cinco días ao campamento Os Biocos, situado na Serra de Trives, para gozar dunha experiencia espacial. Por outra banda, os cativos e cativas de terceiro e cuarto de primaria, concretamente 102, diríxense á Granxa Escola O Kiriko, en Fornelos de Montes, onde permanecerán catro días nunha intensa conexión coa natureza.
Os e as participantes no campamento O Kiriko estarán durante catro días en Fornelos de Montes gozando da natureza. Durante a súa estadía, realizarán diversas actividades orientadas principalmente a fomentar o respecto e o coñecemento do medio natural. Os nenos e nenas, en diversos grupos, serán os encargados de coidar os animais que se encontran na granxa escola e terán sesións educativas e lúdicas onde aprenderán cuestións imprescindibles sobre a fauna galega. Ovellas, cabras, multitude de especies avícolas, burros e coellos salvaxes son algúns dos animais que coidarán.. Por outra banda, non só haberá cabida para a aprendizaxe senón que a diversión está asegurada coa realización de actividades de entretemento como tiro con arco, rocódromo, piragüismo, xogos de orientación, horta, granxa, etc.
Os Biocos, despois de ter nas súas instalacións os rapaces e rapazas de 6º de primaria, acollen, dende este martes ata o domingo, ao grupo de quinto de primaria do Concello de Ames. Os nenos e nenas gozarán dunha intensa semana onde sairán cara ao espazo exterior e se converterán en verdadeiros expertos en astronomía. Trátase dun proxecto de divulgación científica onde a ciencia se converte en protagonista. Entre outras actividades, os pequenos construirán un radiotelescopio caseiro emaquetas de naves espaciais, realizarán observacións nocturnas e tamén gozarán de actividades de lecer en sesións de tiro con arco e en rutas de sendeirismo.
O Concello de Ames lémbralles aos pais e nais dos rapaces/as que se atopan nestes campamentos de verán que os manterá informados con diversas mensaxes sobre o desenvolvemento dos campamentos. É preciso recomendar, para o bo funcionamento destas actividades lúdicas, que os pais non estean chamando constantemente aos seus fillos xa que, no caso de que pase calquera cousa ou de que algún rapaz ou rapaza se atope mal, estes poden chamar en calquera momento. O horario recomendado para as chamadas aos cativos é das 15.00 h ás 16.00 h para os dous campamentos. O teléfono de contacto para o campamento do Kiriko é o 608 142 978 mentres que o contacto para o campamento Os Biocos é o 649 450 264.




