[06-07-2018] O Concello de Ames celebra mañá sábado, 7 de xullo, a décimo segunda edición do Día da Bici. Nesta xornada realizarase unha ruta pola contorna de Bertamiráns. Esta actividade espertou un gran interese entre a veciñanza amesá e dende o departamento de Deportes tramitaron preto de 150 inscricións. Para participar nesta actividade é obrigatorio o uso do casco. Nesta xornada realizarase unha ruta pola contorna de Bertamiráns e arredores, completando un circuíto, de 8 quilómetros de distancia, practicamente urbano.
O Día da Bici é unha actividade que organiza o Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes, e que conta coa colaboración da Deputación da Coruña, o Centro deportivo Ames (Be One), o Gadis, a Asociación Galega de Ciclistas, o Club Ciclista de Ames, Os Esfola Arrós e o Club Ciclista Repeitiños da Capilla.
Está actividade está pensada para que poida participar calquera persoa maior de 8 anos de idade. O percorrido, de 8 quilómetros, realizarase polas rúas de Bertamiráns. Trátase dun circuíto que discorre polo núcleo urbano e polos arredores de Bertamiráns. A marcha ciclista discorrerá por un itinerario fácil e de dificultade baixa, cunha duración máxima dunha hora. Esta actividade espertou un gran interese entre a veciñanza amesá e dende o departamento de Deportes tramitaron preto de 150 inscricións.
Marcha e xincanas ciclistas
Ás 10:00 horas un grupo de ciclistas saíra en bicicleta dende a Casa da Cultura do Milladoiro cara Bertamiráns. De seguido, para as 10:45 horas, está prevista a concentración dos participantes no lugar de saída. Ás 11:00 horas, os ciclistas participantes saíran dende os arredores do centro deportivo A Telleira, en Bertamiráns. As persoas participantes deberán levar posto, de xeito obrigatorio, un casco.
A esa mesma hora, ás 11:00 horas, comezaran as xincanas ciclistas, que están dirixidas aos nenos e nenas menores de 8 anos. Os rapaces e rapazas poderán participar en diferentes probas de habilidade para demostrar a súa destreza coa bicicleta. Tamén haberá, a partir das 11:00 horas, clases de ioga en familia a cargo dos monitores do Centro deportivo A Telleira.