Pestanas principais

Preto de 1300 alumnos e alumnas de ESO e Bacharelato volveron ás aulas en Ames

Venres, 17 de setembro de 2021

O IES do Milladoiro e o IESP de Ames retomaron a actividade. Uns 1300 alumnos e alumnas do concello de Ames deron comezo un novo curso escolar que segue a estar marcado pola COVID-19. O concelleiro de Educación, David Santomil, quixo darlles a benvida e desexarlles un ano académico cheo de logros e satisfaccións tanto académicas como persoais.

Os institutos de Ames volveron recuperar a actividade tras os meses de verán. Uns 1300 alumnos volveron as aulas nunha xornada marcada pola normalidade.

O  IESP de Ames comezou curso escolar con 775 alumnos e alumnas matriculados. Destes 775 alumnos/as a cifra máis alta, 161, correspóndese con alumnos e alumnas de 1º da ESO. Séguelle 2º da ESO con 152 matrículas, 3º da ESO con 135 alumnos/as matriculados e 4º da ESO con 111. En bacharaleto atopamos 98 alumnos e alumnas matriculados en 1º de Bacharelato e 97 no segundo curso. A estes hai que sumarlle os 21 alumnos/as matriculados en FP Básica.

O  IES do Milladoiro conta polo de agora con 520 alumnos e alumnas matriculados. Este dato vaise incrementar ata o martes 21 coas matrículas dos alumnos/as desprazados de Santiago e de Latinomérica.

A COVID-19 volve marcar, un ano máis, a volta ás aulas e o curso escolar. Este curso 2021-2022 flexibilizáronse algunhas das medidas sanitarias e mantivéronse outras. Entre as medidas destacan: a obrigatoriedade do uso da máscara e 1,2 metros de distancia interpersoal entre o alumnado. En canto á hixiene, segue a ser obrigatorio o lavado de mans tanto á entrada como á saída das aulas. Priorizarase o uso de material individual e o compartido terá que ser desinfectado logo de cada uso. Ademais, para evitar aglomeracións á entrada e á saída organizáronse os movementos e os fluxos de todo o alumnado por distintas entradas.

O concelleiro de Educación, David Santomil, quixo darlle a benvida a todos os alumnos e alumnas que se inician nos institutos de Bertamiráns e do Milladoiro e desexarlles un ano académico cheo de logros e satisfaccións tanto a nivel académico como persoal. Santomil, ademais, quixo trasladarlles que a súa porta sempre estará aberta para exercer como interlocutor coa Consellería de Educación ante posibles queixas e reclamacións.

Santomil aproveitou a volta ás aulas para amosar as gañas de recuperar o uso dos espazos deportivos dos dous institutos que hai en Ames “temos que iniciar o curso con responsabilidade e co paso dos meses intentar recuperar esa normalidade tan desexada para que se volvan empregar os pavillóns dos institutos para realizar actividades tanto das ANPAS, do Concello coma dos moitos clubs deportivos que hai no concello e que se tiveron que paralizar por mor da COVID-19”.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Vuelven a las aulas de los institutos de Ames mil trescientos alumnos"

Preto de 1300 alumnos e alumnas de ESO e Bacharelato volveron ás aulas

Multimedia

  • Preto de 1300 alumnos e alumnas de ESO e Bacharelato volveron ás aulas
  • Preto de 1300 alumnos e alumnas de ESO e Bacharelato volveron ás aulas
  • Preto de 1300 alumnos e alumnas de ESO e Bacharelato volveron ás aulas