Pestanas principais

Preto de 1.000 alumnos/as dos centros de ensino amienses participan nun programa de Educación Viaria que está impartindo a Policía Local de Ames

Venres, 17 de maio de 2013

[17-05-2013] Os rapaces e rapazas que cursan estudos de educación infantil e primaria nos centros de ensino do CEP de Ventín, CEIP de Barouta, CEIP A Maía, CEIP Agro do Muíño e na escola unitaria de Covas están participando nun programa de Educación Viaria que están impartindo os axentes da Policía Local de Ames. Este programa comezou a impartirse o pasado 17 de abril na escola unitaria de Covas e rematará os días 23 e 24 de maio no CEIP de Barouta. As charlas de educación viaria continuarán a partir do mes de outubro noutros centros de ensino de Ames. Nestas clases os alumnos/as puideron ver vídeos sobre a educación viaria cedidos pola DGT, coñecer os diferentes utensilios que empregan os axentes da policía local, e montar nos vehículos cos que a policía realiza o seu traballo.

Os alumnos de educación infantil e do primeiro ciclo de primaria fan uso das vías públicas como peóns ou como viaxeiros, pero sempre acompañados dos adultos. Por ese motivo dende a Policía Local de Ames, preténdese concienciar aos educadores e ás familias da importancia que para os nenos/as teñen as súas actitudes viarias positivas, encamiñadas á creación do sentido viario, a convivencia e as pautas axeitadas para unha mobilidade segura. Os pais e nais son o primeiro instrutor do neno/a na súa aprendizaxe sobre seguridade viaria e no modelo que vai a adoptar no seu futuro comportamento.

A falta de desenvolvemento da capacidade de razoamento, percepción sensitiva, psicomotricidade e a menor capacidade para tomar decisións fronte aos problemas que presenta o trafico, fan que os adultos que acompañan aos nenos nas vías publicas, non só deban coidar deles senón que ademais deben guialos na seguridade viaria, establecendo as pautas a seguir e sendo constantes coas normas establecidas, é dicir, dando exemplo. Os nenos irán adquirindo os coñecementos básicos, ao tempo que se lles pon en alerta dos posibles perigos cando se fan as cousas mal e das vantaxes cando se fan correctamente. Ademais, da aprendizaxe diaria que deben impartirlle os pais e nais aos seus fillos/as sobre educación viaria, a Policía Local de Ames está contribuíndo a esta formación cun programa específico que está impartindo nos centros de ensino amienses.

Este programa está sendo impartido por dous axentes da Policía Local de Ames que están en posesión do curso sobre Educación Viaria realizado na Academia Galega de Seguridade por profesores do Centro Superior de Seguridade Viaria da DGT. Nesta clases impartíronse as nocións mais importantes sobre seguridade viaria dunha forma amena e divertida. Algunhas das cuestións que se trataron foron a presentación dos policías como amigos dos nenos/as, xa que sempre están para axudarlles. Os rapaces e rapazas puideron ver varios vídeos sobre a educación viaria e traballaron con diferentes guías de peóns e ciclistas. Tamén se lles explicou aos rapaces e rapazas que deben axudar aos seus pais e nais cando fan mal as cousas: conducir falando polo móbil, non cruzar polos pasos de peóns, etc. Ao finalizar a charla os nenos puideron ver os vehículos cos que a policía realiza o seu traballo. Unha vez rematada esta actividade, todos os nenos e nenas recibiron un carné que os acredita como axudantes da Policía Local para fomentar a educación viaria.

936 alumnos/as participaron no programa
O programa de educación viaria comezou a impartirse o pasado 17 de abril na escola unitaria de Covas, onde participaron 9 alumnos/as de educación infantil. Continuou no CEIP Agro do Muíño os días 22, 24 e 25 de abril. Neste centro de ensino participaron un total de 425 alumnos/as (149 de infantil e 276 de primaria). No mes de maio, os días 7, 8 e 10 os axentes da Policía Local estiveron no CEP de Ventín para achegarlle este programa a uns 237 rapaces e rapazas que cursan estudos de educación primaria. Esta semana, os días 14 e 15, a charla impartiuse no CEIP da Maía para 149 alumnos/as de primaria. A próxima semana, os días 23 e 24 de maio, o programa impartirase no CEIP de Barouta, onde participarán un total de 116 rapaces e rapazas (79 de infantil e 37 de primaria). En total, neste programa, participaron 936 alumnos/as (237 de infantil e 699 de primaria) de cinco centros de ensino amienses.

A través deste programa preténdese que o alumnado adquira diversos coñecementos para saber como camiñar pola beirarrúa; coñecer como se cruza polos pasos de peóns e nas vías que non hai pasos de peóns; como subir e baixar dos vehículos; como viaxar adecuadamente en autobús; e usar o casco sempre que circulen en bicicleta.

Diversos estudos indican que a mellor idade para iniciar aos nenos/as na educación viaria é entre os 3 e os 5 anos, debendo continuala durante os ciclos de educación primaria e secundaria con novas ensinanzas en función da súa idade e da súa interrelación co mundo que os rodea: funcionar só como peón, no seu novo papel de ciclista, como condutor dun ciclomotor, etc. Neste sentido, o ideal é manter unha combinación entre as mensaxes verbais, de iconas e de comportamento para conseguir unha educación viaria efectiva.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Mil niños de Ames aprenden educación vial"
El Correo Gallego: "Preto de 1.000 alumnos/as dos centros de ensino amienses participan nun programa de Educación Viaria"