Pestanas principais

Preto de 100 pilotos participarán este domingo no Gran Premio Concello de Ames-Dagan Cup Supercross 2016

Sábado, 14 de maio de 2016

[14-05-2016] O Motoclub Ameixenda, en colaboración co Concello de Ames e a Deputación da Coruña, organizan este domingo, 15 de maio, a proba de supercross “Gran Premio Concello de Ames-Dagan Cup Supercross 2016”, que se desenvolverá no circuíto SX “Alex de Moure”, situado no lugar do Vilar na parroquia da Ameixenda. Nesta proba participarán un total de 94 pilotos de supercross de toda Galicia. Trátase da cuarta proba que se celebra este ano dentro da Dagan Cup.

Esta proba está incluída na Dagan Cup, que actualmente é a única competición de supercross que se organiza en Galicia. Trátase dun evento non oficial, interprovincial e non federado, de acordo coa actual normativa galega de deportes, e na que se dan cita os mellores pilotos galegos desta modalidade deportiva xa que actualmente non existe outra proba federada de supercross.

A Dagan Cup 2016 está composta de dez probas, das cales dúas desenvólvense en Ames. Nestes intres está confirmada a celebración de oito probas, as outras dúas están pendentes de pecharse. A proba desta fin de semana é a cuarta en disputarse este ano. Previamente, celebráronse dúas en Vigo e unha en Riveira.

Esta é a primeira proba que se organiza este ano no circuíto SX “Alex de Moure”, que conta con máis de 17.000 metros cadrados de superficie. Este recinto dispón dunhas condicións óptimas tanto para a práctica do deporte como para contemplación desta modalidade deportiva. Ademais, este ano como novidade habilitarase un aparcadoiro gratuíto que se atopa a 200 metros do circuíto.

Pola mañá, entre as 9:00 e as 11:00 horas, desenvolveranse as verificacións técnicas e administrativas. De seguido, a partir das 11:15 horas, os pilotos participarán nos adestramentos libres e de clasificación. Este é o momento no que os deportistas toman contacto coa pista na que van ter que competir e mostrar as súas habilidades. Ás 16:00 horas dará comezo a proba que se compón de dúas mangas por categoría. Ao remate da proba realizarase a entrega de trofeos.

Os 94 participantes que se inscribiron nesta proba de supercross estarán divididos en oito categorías diferentes: elite, veteranos, promoción, 85 cc, alevín de 6 a 9 anos, alevín de 6 a 11 anos, féminas e hobby que son os que se inician neste deporte.