[15-06-2013] Este sábado, 15 de xuño, pola mañá disputáronse as finais do IV Torneo de Tenis e do II Torneo de Minitenis. Unha vez rematadas as finais de todas as categorías do torneo, realizouse a entrega de premios no pavillón polideportivo de Bertamiráns. Os trofeos e as medallas foron entregadas polo alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Deportes, María Eugenia Martín. Nestes torneos de tenis participaron un total de 94 persoas entre nenos/as e adultos. Este iniciativa, que se enmarca dentro das escolas deportivas municipais, disputouse entre os días 8 e 15 de xuño. O Concello pretende, a través deste programa, potenciar hábitos de vida saudables por medio do deporte e difundir valores tan importantes coma o respecto, o compañeirismo e a tolerancia. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás consultar a lista de gañadores/as do IV Torneo de Tenis e do II Torneo de Minitenis.
O tenis é unha das actividades con maior éxito dentro das escolas deportivas municipais. Para consolidar esta tendencia, entre os días 8 e 15 de xuño, disputouse o IV Torneo de Tenis e o II Torneo de Minitenis das escolas deportivas municipais. Tralo éxito das edicións anteriores, a través desta iniciativa inténtase facer este deporte máis atractivo tanto para nenos coma para adultos.
Nestes torneos participaron un total de 94 nenos/as e adultos que competiron en sete categorías diferentes dependendo da idade e do sexo. O torneo de minitenis contou con dúas categorías (nenos/as de 6 a 8 anos masculino e feminino - rapaces e rapazas de 9 a 12 anos masculino e feminino), mentres que no Torneo de Tenis establecéronse 5 categorías dependo da idade e do sexo.
O torneo comezou o sábado 8 de xuño e desenvolveuse ao longo de toda a mañá. Na primeira xornada disputouse a primeira ronda de ambos os dous torneos. Ao longo desta semana xogouse a segunda ronda e as semifinais, quedando as finais para este sábado 15 de xuño. As finais disputáronse entre as 10:00 h e as 13:00 horas, nos pavillóns polideportivos e nas pistas exteriores do Milladoiro e de Bertamiráns.
A entrega de premios tivo lugar este sábado 15 de xuño, ás 13:00 horas, no pavillón de Bertamiráns. O alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Deportes, María Eugenia Martín, foron os encargados de entregar os trofeos e as medallas a todos os gañadores/as. Todos os nenos/as que participaron no Torneo de Minitenis levaron unha medalla. Ademais o campión/campioa e o subcampión/subcampioa de cada categoría levaron un trofeo.








