Pestanas principais

Preto de 100 persoas participan na excursión a Portugal que organizou por segundo ano consecutivo o Concello de Ames

Martes, 13 de maio de 2014

[13-05-2014] O pasado sábado, 10 de maio, un grupo de 92 persoas participaron na excursión a Portugal que realizou o Concello de Ames a través da concellaría de Asociacionismo, Voluntariado e Maiores. Nesta excursión tamén participaron a concelleira de Voluntariado e Maiores, María Carmen Verde, e o concelleiro de Vías e Obras, Alfredo Taboada. O alcalde de Ames, Santiago Amor, recibiu aos excursionistas na súa chegada a Ames. A través desta actividade a veciñanza amiense puido coñecer as localidades lusas de Vilanova de Cerveira e Valença do Minho. Dende o departamento de Voluntariado salientan que todo saíu segundo o previsto e que a veciñanza amiense pasou un día moi ameno e entretido.

Dous autobuses saíron o pasado sábado, ás 9:00 horas, do Milladoiro e de Bertamiráns dirección Portugal. Os preto de 100 veciños e veciñas que participaron nesta excursión estiveron acompañados pola concelleira de Asociacionismo, Voluntariado e Maiores, María Carmen Verde, e polo concelleiro de Vías e Obras, Alfredo Taboada. Para ir ata Portugal o Concello de Ames habilitou dous autobuses, un saíu dende O Milladoiro e outro dende Bertamiráns.

A primeira parada foi en Tui, onde a veciñanza amiense puido almorzar no Restaurante San Telmo. Tras media hora de descanso, ás 10:30 horas, continuouse coa viaxe cara a Vilanova de Cerveira, a onde se chegou arredor das 11:00 horas. Os/as participantes tiveron tempo para visitar esta localidade e comprar na feira que se celebra cada sábado nas rúas de Vilanova de Cerveira.

Ás 14:00 horas fíxose outro descanso, neste caso para xantar no restaurante Quinta de Amorinho. Tralo xantar houbo unha sesión de baile no propio restaurante. Despois, realizouse a saída en autobús cara Valença do Minho, a onde se chegou arredor das 17:00 h. Ata ás 19:00 horas, as persoas que participaron nesta excursión tiveron tempo libre para visitar a Fortaleza e o mercado dos sábados. Ás 19:00 horas, a veciñanza amiense volveu cara Ames, onde se chegou sobre as 20:30 horas. O alcalde de Ames, Santiago Amor, recibiu aos excursionistas na súa chegada a Ames.