Pestanas principais

Preto de 100 nenos/as e 50 familias do CEP de Ventín participaron nun programa municipal de prevención de condutas aditivas no ámbito escolar

Venres, 12 de maio de 2017

[12-05-2017] O salón de actos do IES do Milladoiro acolle este luns, 15 de maio, ás 19:00 horas, unha charla informativa, dirixida a pais e nais, para dar a coñecer o programa de prevención de condutas aditivas no ámbito escolar, unha iniciativa que se puxo un marcha no CEP de Ventín e da que participaron preto de 100 rapaces e rapazas de 6º de primaria e unhas 50 familias. O programa está dirixido ao alumnado que vai dende 6º de primaria ata bacharelato. A intención do Concello é a de incorporalo a todos os colexios e institutos de Ames de cara ao vindeiro curso escolar 2017-2018.


A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, destaca que “somos conscientes de que a prevención no ámbito escolar é a máis eficaz e necesaria para abordar precozmente as posibles dificultades inherentes a etapa da adolescencia e a pre-adolescencia. Deste xeito, o Concello de Ames, o IES do Milladoiro e a ANPA do instituto organizan para este luns esta actividade, aberta ao todos os públicos, para profundar nos obxectivos e metodoloxía desta nova iniciativa”.

O programa de prevención de condutas aditivas no ámbito escolar ten en conta tanto os cambios nas variables que afectan aos trastornos aditivos, como é a precocidade que se observa no inicio dalgunhas sustancias, e a súa relación co tempo de ocio, como son o alcol nos máis novos e a aparición de novas adicións. Inclúese tamén na estratexia a problemática asociada as TIC´s e máis concretamente os problemas derivados do mal uso dos dispositivos móbiles ou redes sociais.

Obxectivos do programa
O programa márcase uns obxectivos xerais orientados a reducir os factores de risco e potenciar os factores de prevención, proporcionando ao alumnado a adquisición de capacidades e habilidades que lles permitan desenvolver estilos de vida saudables e afrontar adecuadamente as posibles situacións de perigo relacionadas ou non directamente con posibles adicións que poidan ir aparecendo o longo do seu desenvolvemento.

En canto aos obxectivos específicos, estes consisten en dotar as familias de ferramentas educativas que favorezan o desenvolvemento saudable dos menores e melloren as relacións familiares; incorporar o enfoque de xénero e contidos relacionados con outras condutas de risco como o abuso ou uso indebido das novas tecnoloxías; aumentar as capacidades e habilidades persoais de resistencia a oferta de sustancias promovendo o desenvolvemento de recursos propios que faciliten actitudes e condutas de rechazo ao consumo ou, si se da, atrasándoo o maior tempo posible; e facilitar a participación activa dos profesionais do ámbito escolar como axentes preventivos, formándoos e capacitándoos para elo.

Metodoloxía
O plantexamento do programa de prevención de condutas aditivas no ámbito escolar é totalmente participativo. A través de diferentes dinámicas, o alumnado poderá ser quen de ir aportando e desenvolvendo a información e recursos do ciclo. A través de técnicas de traballo grupal como dramatizacións, enquisas, análise da publicidade ou debates, os alumnos e alumnas irán participando colectivamente na construción dos contidos. Tamén se farán actividades individuais e actividades para a casa para poder compartir cos pais/nais/titores e que poidan axudar a achegar o tema dende o centro a casa e viceversa.

O programa ten un formato cíclico de cinco sesións por grupo, en días consecutivos, tratando diferentes áreas temáticas como son o desenvolvemento de competencias psicolóxicas, como autoestima, tolerancia, frustración, autonomía, responsabilidade, manexo da ansiedade...; sentido crítico, resolución de conflitos e toma de decisións; presión de grupo e dependencia afectiva: publicidade, Internet e redes sociais; saúde, hábitos de vida saudable e xestión do tempo libre e ocio. En 6º de primaria e 2º da ESO abordaranse os primeiros consumos de alcol e tabaco, mentres que en 4º da ESO e bacharelato traballarase co alcol, tabaco, cánnabis e outras sustancias. Unha vez rematada a intervención elaborarase unha avaliación do programa, con recomendacións particulares dos aspectos que puidesen ter relevancia para ter en conta.