[14-10-2013] O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu o sábado pasado pola tarde o Encontro dos Axóuxeres 2013. Esta actividade, organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para os concellos da Rede de Dinamización Lingüística, tivo un grande éxito de público, xa que uns 100 nenos e nenas do concello de Ames, entre bebés e rapaces de ata seis anos, cantaron e bailaron co espectáculo dos Axóuxeres.
Un ano máis o Encontro dos Axóuxeres tivo un grande éxito entre os nenos e nenas amiense. Uns 100 rapaces e rapazas acompañados das súas familias acudiron o sábado pasado pola tarde á Casa da Cultura de Bertamiráns para ver o espectáculo dos Axóuxeres, que este ano corre a cargo da compañía Caramuxo Teatro. Este programa está organizado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para os concellos que forman parte da Rede de Dinamización Lingüística.
Este espectáculo tivo unha duración aproximada de 60 minutos. Na obra cóntanse historias adaptadas aos mais pequenos, mesturadas con apoio musical e con cancións especificamente creadas para a montaxe que implican directamente a participación das familias. A través da palabra e da música ofrecéuselles aos cativos/as un espazo onde gozaron xunto coas súas familias e abríronse ao descubrimento do mundo en galego.
O punto de partida é o descubrimento do mundo que rodea aos nenos/as, tan característico da idade máis temperá. A partir da curiosidade por saber o que hai dentro dunha casa, e empregando o elemento sorpresa, fálase dos cambios que vivimos a diario na nosa vida e no noso contorno. Estes preséntanse como elementos positivos no desenvolvemento das persoas e das relacións entre elas. Preguntarse quen será ese novo veciño que é diferente a min e descubrir o seu mundo pode ser unha canle a novas experiencias e novas aprendizaxes de vida.
Os obxectivos desta actividade son promover o emprego da lingua galega nas idades mais temperás, asociándoo a un contexto lúdico e atractivo; aprender a través do teatro e da música novas palabras para denominar en galego o mundo que nos rodea; estimular a capacidade creativa en galego dos nenos e nenas; buscar a implicación das familias dentro da aprendizaxe global dos nenos/as; estimular a capacidade de atención a través do desenvolvemento dos sentidos (auditivo, visual, tacto…); e crear a necesidade de que a arte en xeral forme parte da vidas dos nenos a das persoas.





