- Tematica
O salón de plenos da Casa do Concello acolleu esta mañá a presentación da XXV Carreira pedestre popular do Concello de Ames, que se vai a celebrar o domingo 18 de outubro en Bertamiráns e na súa contorna. A proba contará cun circuíto homologado pola Real Federación Española de Atletismo na distancia de 10 quilómetros, con saída e chegada en Bertamiráns, na rúa Alcalde Lorenzo. As inscricións hai que tramitalas en EMESPORTS. O prazo de inscrición está aberto ata o mércores 14 de outubro, ás 23:59 horas. Non se admitirán inscricións fóra de prazo nin o día da carreira. Premendo nesta ligazón pódese consultar o regulamento ao completo e os horarios da XXV Carreira Pedestre Popular do Concello de Ames.
O alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Deportes e Promoción da Saúde, Susana Señorís; e os técnicos municipais do departamento de Deportes, Alberto Viaño e Iván Sanmartín, participaron esta mañá no acto de presentación da XXV Carreira pedestre popular do Concello de Ames, que se vai a celebra o domingo 18 de outubro en Bertamiráns e na súa contorna. Tamén acudiron representantes dos clubs de atletismo de Ames: José Fernando Sainz García, presidente do Club de atletismo Sar; Jose David Garcia Arcos, director deportivo do club Ames Atletismo; e Dalmiro Núñez, secretario do club de atletismo MillaRaio.
A Carreira Pedestre Popular de Ames, organizada polo Concello de Ames e a Federación Galega de Atletismo, cumpre 25 anos. Esta proba pertence ao XII Circuíto provincial de carreiras populares da Deputación da Coruña. Contará cun circuíto urbano homologado pola Real Federación Española de Atletismo, na distancia de 10 quilómetros, con saída e chegada en Bertamiráns, na rúa Alcalde Lorenzo, nas inmediacións da Casa do Concello. O percorrido estará debidamente sinalizado e haberá indicacións en cada quilómetro.
Ao ser unha carreira popular, nesta poderán participar todas aquelas persoas que o desexen, con ou sen licenza federativa. Deste xeito, haberá un total de 14 categorías masculinas e femininas: pitufo, prebenxamín, sub 10, sub 12, sub 14, sub 16, sub 18, sub 20, sub 23, sénior, máster 1, máster 2, máster 3 e máster 4. O control da proba estará a cargo do Comité de Xuíces da Federación Galega de Atletismo.
Presentación da carreira pedestre
O alcalde, Blas García, sinalou que “esta 25 edición pon de manifesto que é unha proba xa consolidada que temos que por en valor por varias razóns. Primeiro, porque pon de manifesto a capacidade organizativa do Concello de Ames, que sería imposible sen a axuda dos clubs, patrocinadores e persoal municipal”. Ademais, afirmou que “xusto esa capacidade organizativa e esta proba foi a que nos levou a que puideramos organizar unha proba de carácter mundial”.
Por outra banda, destacou que “algo do que nos temos que sentir orgullosos é da veciñanza do noso concello, que tamén se involucra e participa nesta proba. Eu creo que é o máis destacado. Eu creo que esta proba é moito máis que unha competición deportiva, é unha festa do deporte popular, porque reúne a atletas e familias arredor do valor que teñen a saúde, a convivencia e a participación, e eu creo que é o máis importante”.
A concelleira de Deportes e Promoción da Saúde, Susana Señorís, destacou que “xa son 25 anos nos que os corredores e corredoras se achegan ao noso concello a facer a proba. Ten moi boa acollida, cunha media de 1.200 participantes por ano. É unha proba que se mantén e que aos deportistas lles gusta moito, é un circuíto cun terreo chan, rápido, e que se desfruta moito”. Fixo fincapé en que “non só son os da proba absoluta, senón que os pequenos tamén enchen esta praza de barullo, ledicia e emoción. Tan só velos chegar é unha alegría tamén para nós”.
Por outra parte, agradeceu aos clubs: “sempre estades aí botando unha man, tanto no día anterior co reparto de dorsais, como no propio día da proba en distintos puntos. A vosa colaboración desinteresada para nós é de agradecer, igual que ao resto dos departamentos. Agardamos que esta proba teña outro ano máis moi boa acollida, e dende o Concello apoiamos o deporte e a saúde, e tamén que os participantes veñan a desfrutar dunha boa mañá de domingo en Ames”, sinalou.
O técnico municipal do departamento de Deportes, Alberto Viaño, puxo o foco en lograr reunir á maior cantidade posible de participantes, “para crear unha xornada acolledora e na que a xente desfrute”. Recordou que o prazo de inscrición remata o mércores 14 de outubro ás 23:59 da noite, con inscrición gratuíta para as categorías escolares e un prezo de 8 euros para a proba absoluta, que comprende dende a categoría de júnior ata os veteranos.
“A retirada de dorsais farase coma sempre o día anterior pola tarde das 17.00 ás 20.00 horas, e o mesmo día, ata media hora antes de cada competición”, sinalou. Recordou que “a saída da proba dos maiores comeza ás 10.00 horas e a das probas escolares comeza ás 12.00 horas, e irán escalonadas dende a categoría dos máis pequenos ata os infantís e cadetes, coa proba de 2 quilómetros”.
“Vai haber dúas entregas de premios: unha ás 11.30 horas para as categorías que participen na proba absoluta, e outra a partir das 13.20 horas para a entrega das probas escolares", explicou. Por último, agradeceu aos clubs de Ames por participar ano tras ano na participación destes eventos deportivos, así como ao resto de departamentos do Concello, como a Policía Local, a Protección Civil e ao departamento de Obras, que facilitan e se involucran moito na organización.
Inscricións na proba e retirada de dorsais
As inscricións da carreira popular en todas as súas categorías realizaranse a través da web de EMESPORTS cubrindo o correspondente formulario de inscrición. O prazo de inscrición está aberto ata o mércores 14 de outubro, ás 23:59 horas. Non se admitirán inscricións fóra de prazo nin o día da carreira.
As persoas que desexen participar na proba absoluta (de sub 20 a máster 3) terán que aboar unha cota de 8 euros. A inscrición para as categorías escolares (de pitufo a sub 18) é de balde. Poderase formalizar o pagamento a través da pasarela de pago na propia web. No momento da inscrición deberase acreditar a marca na distancia de 10 km en ruta (só en probas homologadas).
A carreira estará controlada ao longo de todo o percorrido a través dun dorsal-chip que se lle entregará a cada corredor/a. Os e as participantes que cheguen á meta sen este elemento ou que o leven colocado de xeito incorrecto descualificaranse automaticamente segundo criterio do xuíz árbitro da competición.
Os dorsais retiraranse na secretaría da organización situada na Casa do Concello (praza do Concello número 2, en Bertamiráns) o día anterior á carreira (sábado, 17 de outubro en horario das 17:00 ás 20:00 horas) ou no mesmo día da carreira ata media hora antes da proba correspondente. Para evitar colas, recoméndase recoller o dorsal o día anterior no lugar establecido.
Premios e trofeos
Recibirán un trofeo as tres primeiras persoas clasificadas de cada categoría establecida no regulamento e tamén as tres primeiras clasificadas da proba absoluta. Na proba absoluta recibirán un trofeo local as tres primeiras persoas clasificadas empadroadas no Concello de Ames. Ademais, a ganadora e o ganador locais, tanto feminino como masculino, obterán un abono trimestral no Centro Deportivo Municipal A Telleira de Bertamiráns.
Tamén recibirán un trofeo os tres primeiros clubs da carreira absoluta. Os premios non serán acumulativos, de xeito que ningún corredor ou corredora poderá recibir dous trofeos (agás os premios aos/ás atletas locais). Non haberá premios nin trofeos para as crianzas participantes das categorías prebenxamín e pitufo. Nestas categorías entregaráselle unha medalla de chocolate a cada participante.
Haberá tamén premios en metálico. Na proba absoluta 10K o primeiro clasificado será galardoado con 250 euros, o segundo con 200 euros; o terceiro con 100 e o cuarto con 50 euros. Para os clubs federados da proba absoluta 10 K o primeiro premio será de 250 euros, o segundo de 175 euros; o terceiro de 100 e o cuarto de 75 euros.
A clasificación de clubs establecerase a través das 10 primeiras persoas clasificadas do club, sexan homes ou mulleres, mediante a suma dos seus postos. Os clubs deberán estar compostos, como mínimo, por 10 compoñentes que crucen a liña de meta e que teñan a licenza federativa en vigor.









