Pestanas principais

Preséntase a quinta edición do campus de fútbol que organiza a Fundación Celta de Vigo en Ames

Venres, 11 de maio de 2018

[11-05-2018] Esta mañá o salón de plenos da Casa do Concello acolleu a presentación da quinta edición do campus de fútbol da Fundación Celta de Vigo, que se desenvolverá nas instalacións do campo municipal de fútbol do Milladoiro entre o 25 e o 29 de xuño. Á presentación acudiron o alcalde de Ames e concelleiro de Deportes, José Miñones, o presidente do Milladoiro SD, Vicente “Checho” González, e mailo responsable dos campus do Celta de Vigo, Alex Abalde. As principais novidades deste ano do campus estarán incluídas na parte organizativa do propio campus. Ademais, repetirase a visita ás instalacións do Estadio de fútbol de Balaidos, que se realizou por primeira vez en 2017. Está aberto o prazo de inscrición para participar neste campus. Para elo hai que acceder á páxina web www.fundacioncelta.com.

O Concello de Ames e o Milladoiro SD colaboran coa Fundación Celta de Vigo para poñer en marcha o quinto campus de verán de fútbol, que se desenvolve neste municipio, co obxectivo de que os nenos e nenas amesás practiquen deporte e se divirtan nas vacacións. Este campus estará dirixido a nenos e nenas de 4 a 16 anos e levarase a cabo nas instalacións do campo municipal de fútbol do Milladoiro. Esta iniciativa tivo moi boa acollida nas catro edicións anteriores e agárdase repetir o éxito este ano. Ofértanse como máximo 80 prazas.

O alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, destacou que “o campus que organiza a Fundación Celta de Vigo xa está consolidade no concello de Ames e xa chega a súa quinta edición”. Miñones engadiu que “este campus permítelle aos rapaces e rapazas facer deporte durante o verán e conciliar a vida familiar e laboral a moitos pais e nais. En Ames cada ano contamos con máis campus de deportes e á modalidade do fútbol engadíronse outras como a do baloncesto, patinaxe e atletismo, que lle permite aos rapaces e rapazas practicar deporte durante as súas vacacións”.

O responsable dos campus do Celta de Vigo, Alex Abalde, incidiu “na importancia de promover a actividade física entre os rapaces e rapazas”. Abalde tamén explicou que “o campus da Fundación Celta de Vigo conta con monitores que seguen a metodoloxía de traballo das categorías inferiores do Real Club Celta de Vigo. Ademais, de xogar ao fútbol e gozar con elo, o noso obxectivo é formar persoas”.

O campus desenvólvese do 25 ao 29 de xuño
O campus de verán da Fundación Celta de Vigo desenvolverase entre o 25 e o 29 de xuño no campo municipal do Milladoiro. Este evento deportivo realizarase de luns a venres, en horario de 10:00 a 14:00 horas. Todos os días os participantes disporán dun pequeno almorzo composto por un bocadillo, froita, auga e bebidas isotónicas. A cada neno/as que participe neste actividade entregáraselle un equipamento oficial de marca Adidas, que estará composto por uns calcetíns, un pantalón e unha camiseta.

As clases serán impartidas por adestradores titulados e licenciados na disciplina do Real Club Celta de Vigo. O obxectivo é o ensino e o perfeccionamento de tódolos conceptos relacionados co fútbol e o deporte. Os nenos recibirán unha formación técnica especializada de primeiro nivel nun ambiente de xogo e entretemento imprescindible para a súa aprendizaxe. Empregarase un sistema de aprendizaxe rotativo que dividirá o traballo en catro áreas diferentes: coordinación; técnica/táctica; multideporte; e competición. As principais novidades deste ano do campus estarán incluídas na parte organizativa do propio campus.

Ademais, repetirase a visita ás instalacións do Estadio de fútbol de Balaidos, que se realizou por primeira vez en 2017. Os nenos e nenas poderán ver o vestiario do primeiro equipo do Real Club Celta de Vigo, a sala de prensa, o túnel dos vestiarios e o mailo terreo de xogo. Tamén se visitarán as instalacións da Madroa.

Tramitación das inscricións
Para inscribirse hai que acceder á paxina web da Fundación Celta de Vigo (www.fundacioncelta.com). Premendo nesta ligazón xa accedes directamente á paxina web onde se tramitan as inscricións. Os rapaces e rapazas que se inscriban antes do 31 de maio obterán unha segunda camiseta Adidas de agasallo. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o impreso de inscrición para o campus de fútbol. Para obter máis información pódese enviar un correo electrónico ao enderezo info@fundacioncelta.com ou chamar ao número de teléfono 986 213 676, en horario de mañá, de 9:00 a 13:30h, e de tarde, de 16:00 a 18:30 horas.