Pestanas principais

Preséntase a programación teatral do segundo semestre de 2020 que inclúe a representación de seis espectáculos para público infantil e adulto

Martes, 15 de setembro de 2020

A Concellaría de Cultura vén de presentar a programación teatral, que se desenvolverá de setembro a decembro de 2020. De aquí a final de ano haberá seis espectáculos que estarán dirixidos tanto ao público infantil coma ao público adulto. Dita programación comeza este venres, 18 de setembro, da man de Producións Teatrais Excéntricas, que representará na Casa da Cultura de Bertamiráns, o espectáculo Medida x Medida de Shakespeare. As entradas para asistir a este espectáculo son gratuítas. Os convites xa se poden adquirir na Billeteira electrónica. Por mor da Covid-19 o aforo será limitado para poder manter a distancia de seguridade entre os espectadores. Ademais, adoptáranse as medidas hixiénico – sanitarias marcadas polas autoridades sanitarias. Estas obras están dentro do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, aposta por seguir programando espectáculos co obxectivo de dinamizar o sector cultural galego, sempre tendo en conta as normas e medidas hixiénico – sanitarias marcadas polas autoridades sanitarias.  Deste xeito, durante o segundo semestre de 2020 representaranse nos auditorios das Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, un total de seis espectáculos de teatro, que estarán dirixidos ao público infantil e adulto.

A concelleira de Cultura, Natividade González, destaca que “por fin podemos efectuar o compromiso de reprogramar todos aqueles espectáculos que por mor da Covid-19 non se puideron levar a cabo antes. Esta obra forma parte das previstas para a programación teatral do primeiro semestre do ano. Coa prudencia que corresponde, quero convidar aos veciños e veciñas de Ames a que se animen a participar nos diferentes espectáculos municipais, xa que estamos a poñer todas as medidas necesarias para garantir a máxima seguridade”.

Dita programación comeza este venres, 18 de setembro, da man de Producións Teatrais Excéntricas, que representará na Casa da Cultura de Bertamiráns, o espectáculo Medida x Medida de Shakespeare. Trátase dunha comedia de 110 minutos de duración, que acontece nunha Viena surrealista inventada por Shakespeare. O mandatario Duque Vincenzo pasa á clandestinidade e manda aplicar con todo rigor a lei contra os comportamentos inmorais. Ao ser a primeira representación do segundo semestre de 2020, a entrada para ver este espectáculo será gratuíta. Os convites xa se poden reservar na Billeteira electrónica.

A seguinte obra de teatro que inclúe dita programación representarase o 16 de outubro, ás 21.00 horas. Neste caso, Talía Teatro representará Vida de Cans. É unha comedia absurda, paródica e metafórica que ten unha duración de 75 minutos. Esta peza teatral representarase no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro.

No mes de novembro a compañía Inversa Teatro representará no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns a obra Sofía e as Postsocráticas. Será o 20 de novembro, ás 21.00 horas. Trátase dunha peza de teatro contemporáneo, de 60 minutos de duración, quer trata sobre a violencia machista, afondando nas causas da estrutura do maltrato.

Para o 23 de decembro, ás 21,00 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, queda a obra EntreSoños, de Fran Sieira - Compañía de danza. É unha obra de baile e música tradicional galega, que conta cun elenco artístico de 3 bailadores/cantadores: Fran Sieira, Aida Tarrío e Xisco Feijóo, ao son da música do compositor e músico multidisciplinar Anxo Pintos.

Programación infantil
Por outra banda, programáronse dúas obras de teatro para público infantil. A primeira será Lambetadas, de Talía Teatro, que se representará o venres, 16 de outubro, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Este espectáculo, que está dirixido a nenos e nenas de 6 a 11 anos, será gratuíto. Para asistir será necesario retirar os convites na Billeteira electrónica. Faranse dous pases, un ás 17.00 e outro ás 18.30 horas. Trátase dun espectáculo destinado a público infantil para a transmisión da cultura galega.

O segundo espectáculo infantil representarase o 22 de decembro, ás 18.00 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. Neste caso a compañía Galitoon representa The Show Moscón, un espectáculo de novo circo. Trátase dun marabilloso circo, ambulante de variedades representado por un armario que abre as súas portas para mostrar os diferentes números que se atopan no interior.

Estas obras están dentro do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames.

Aforo reducido por mor da Covid-19
Por mor da Covid-19 o aforo será limitado para poder manter a distancia de seguridade entre os espectadores. Ademais, adoptáranse as medidas hixiénico – sanitarias marcadas polas autoridades sanitarias. Deste xeito, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns haberá un aforo de 75 butacas, mentres que no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro o aforo será de 55 persoas.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "O teatro en Ames cobra forza ata finais de ano coa representación de seis espectáculos para público infantil e adulto"

Lindeiros: "Ames comeza este venres a programación teatral que durará ata finais de ano"

Revista Ames Go: "Ames programa ata seis obras de teatro no que queda de ano"

A programación comeza este venres, 18 de setembro, da man de Producións Teatrais Excéntricas, que representará na Casa da Cultura de Bertamiráns, o espectáculo Medida x Medida de Shakespeare