[20-01-2017] O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolleu esta mañá a presentación da programación teatral que se desenvolverá en Ames durante o primeiro semestre deste ano. En total representaranse 16 funcións, correspondentes a 11 espectáculos, entre o 27 de xaneiro e o 5 de maio. Haberá 7 espectáculos dirixidos a un público infantil e familiar, mentres que as 4 obras restantes son para un público adulto. O concelleiro de Educación e Cultura, David, Santomil, e o autor, tradutor, actor, director de escena e narrador oral, Cándido Pazó, e mailo actor, Evaristo Calvo, foron os encargados de facer a presentación da devandita programación teatral. Precisamente o vindeiro venres, 27 de xaneiro, comeza o teatro en Ames coa obra "O Tolleito de Inishmaan", da compañía Contraproducións, que está dirixida por Cándido Pazó, e na que Evaristo Calvo interpreta un dos papeis protagonistas.
A Concellaría de Educación e Cultura preparou unha ampla programación teatral para o primeiro semestre deste ano. Entre os meses de xaneiro e maio haberá un total de 16 funcións, correspondentes a 11 espectáculos, que están dirixidos tanto ao público familiar como aos adultos. Deste xeito, a programación de teatro comeza o vindeiro venres, 27 de xaneiro, ás 21:00 horas, coa representación do espectáculo O Tolleito de Inishmaan, da compañía Contraproducións, que está dirixida por Cándido Pazó, e na que Evaristo Calvo interpreta un dos papeis protagonistas. Esta comedia, que está dirixida ao público adulto, será posta en escena na Casa da Cultura do Milladoiro.
O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, explicou que unha das novidades desta programación “é a inclusión de varios espectáculos dirixidos aos bebés e nenos/as de 0 a 4 anos. Trátase dunha programación variada e estable. Considero que este goberno municipal puxo o teatro no epicentro da programación cultural, tal e como o demostra a oferta dunha programación teatral de calidade, así como a posta clara que fixemos pola Escola de Teatro que engloba tres actividades diferentes: teatro infantil e xogo dramático; expresión dramática e o grupo municipal de teatro dirixido por Mónica Camaño”.
Asemade, Santomil destacou que se cumpre “un ano dende a posta en marcha da Billeteira que permite mercar, anticipadamente a través da rede, as entradas para os espectáculos que se representan nos auditorios das Casas de Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. Esta aplicación tivo unha boa acollida entre a veciñanza e hai máis de 800 usuarios/as que a empregan habitualmente”.
Ademais, aproveitou esta presentación para anunciar varias melloras que se introduciron na venta de entradas. Unha delas é que a partir de agora vaise reservar o 10% das entradas para vender de xeito presencial unha hora antes do comezo do espectáculo. “Outra das novidades que se introduce é que os veciños e veciñas poderán mercar as entradas de xeito anticipado e presencial na Casa da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns, dirixíndose aos postos de conserxería e coa axuda dos técnicos do departamento de Cultura, de luns a venres, en horario de 10:00 a 13:00 horas”, indicou Santomil.
En canto ao espectáculo O Tolleito de Inishmaa, que se vai representar o vindeiro venres 27 de xaneiro no Milladoiro, o seu director, Cándido Pazó, destacou que se trata “dun drama disfrazado de comedia. Este espectáculo conta cun elenco de actores que encarnan a perfección o papel que representan cada un deles. Ademais, tal e como destaca a critica, trátase dunha obra que realiza un bo tratamento da lingua ao empregar un galego fresco, vivo, enxebre... Eu reivindico a autenticidade da lingua galega e este espectáculo posúe un cartel de actores e actrices cunha lingua fresca, viva e auténtica”.
Por outra banda, Evaristo Calvo recoñeceu que “é un fanático da comedia” e agradeceu “a aposta que fixo a compañía Contraproducións por unha montaxe destas dimensións na que participan 8 actores e actrices de recoñecido prestixio. Non é fácil que unha compañía galega faga unha montaxe deste tipo polo custo que representa”. Ademais, agradeceulle ao Concello de Ames “a aposta que fai pola cultura porque o teatro non é só un espectáculo senón que é un acto social”.
Teatro profesional para adultos
O teatro profesional para adultos continúa o 17 de febreiro, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns co espectáculo Soño dunha noite de verán a cargo da compañía Voadora. Trátase dunha adaptación feita da comedia escrita por William Shakespeare arredor de 1595. O 10 de marzo a compañía Ibuprofeno Teatro traerá a Ames a obra de teatro Raclette. Será ás 21:00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro. Esta obra escrita e dirixida por Santiago Cortegoso foi Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais no ano 2014.
A última obra para público adulto será representada o 28 de abril, ás 21:00 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Trátase do espectáculo Get Back da compañía Eme2 emoción&arte. Esta comedia tamén será representada ás 12:30 horas para o alumnado do IES de Bertamiráns. A través desta sesión escolar trátase de achegar o teatro aos mozos e mozas do concello. A representación de todas estas obras enmárcanse dentro do convenio asinado polo Concello de Ames de adhesión á Rede Galega de Teatros e Auditorios 2017 (1º semestre), que ten un custo para as arcas municipais de 18.092 euros, mentres que AGADIC achega 21.781 euros.
Teatro infantil e para as familias
Por outra banda, vaise a desenvolver unha ampla programación infantil composta por 7 espectáculos dirixidos aos nenos e nenas, así como as súas familias. O 3 de febreiro representarase na Casa da Cultura de Bertamiráns O aloumiño dunha estrela, que está destinado a un público infantil de 0 a 4 anos. Haberá dous pases, un ás 17:00 horas e outro ás 18:00 horas. En cada pase poderán participar 30 bebés e nenos/as. Para o 17 de febreiro está programado o espectáculo Güela - Güela, da compañía Galitoon, que está dirixido a nenos e nenas de 2 a 6 anos. Esta obra de teatro terá lugar ás 18:00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro. Previamente, ás 12:30 horas, haberá unha sesión escolar.
O 17 de marzo chega a Ames Paco Nogueiras co seu espectáculo para todos os públicos (preferiblemente nenos/as de máis de 6 anos) Brinca Vai! 2.0. Neste caso representarase ás 18:00 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns. Haberá unha sesión escolar pola mañá ás 12:30 horas. Unha semana despois representarase o espectáculo Sopa de sapo de Talía Teatro. Concretamente, porase en escena o día 24 de marzo, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Trátase dunha comedia dirixida a un público infantil (nenos e nenas 6 a 11anos).
Para finais de marzo queda a obra de monicreques Baila, Roque, baila, da compañía Baobab Teatro, e que está dirixida a bebes dun ano en diante. Terá lugar o día 31, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. O 21 de abril a compañía Redrum Producións traerá a Ames o espectáculo A nena que quería navegar. Este espectáculo musical desenvolverase na Casa da Cultura de Bertamiráns ás 18:00 horas. Previamente, haberá unha sesión escolar ás 12:30 horas. Por último, o 5 de maio a Gramola Gominola porá en escena un espectáculo de rock infantil. Será ás 18:00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Dezaseis funcións de teatro en Ames ata o mes de maio"




