Pestanas principais

Preséntase a programación que se vai desenvolver en Ames con motivo da celebración do 180 aniversario de Rosalía de Castro

Xoves, 16 de febreiro de 2017

[16-02-2017] Esta mañá, as 11:30 horas a Casa do Concello acolleu a presentación da programación coa que o Concello de Ame conmemora o 180 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. A concelleira de Normalización Lingüística e Comunicación, Isabel Vaquero, e a concelleira de Promoción Económica, Isabel González, anunciaron os distintos actos, que comezaron hoxe mesmo pendurando unha lona na Casa do Concello, como símbolo do compromiso do Concello co pensamento e coa figura rosaliana. As actividades continúan coa iniciativa Café con verso (os cafés en Ames irán acompañados dunha tarxeta con versos de Rosalía), coa actividade Ames con Rosalía (colocación de carteis con versos rosalianos nos establecementos comerciais), cunha homenaxe poético musical e unha excursión pola ruta rosaliana.

Café con verso
As actividades continúan coa novidosa iniciativa Café con verso, que se desenvolverá do 20 ao 26 de febreiro en 200 locais de hostalaría do concello. Os cafés en Ames acompañaranse con versos de Rosalía. Todos os locais de hostalaría entregarán, canda o café, unhas tarxetas con versos rosalianos escolmados polo poeta amesán Carlos Negro. Imprimíronse unhas 40.000 tarxetas para distribuír entre a veciñanza e entre quen se achegue a Ames a última semana de febreiro.

Esta iniciativa, que se desenvolve en colaboración entre as concellarías de Normalización Lingüística e Promoción Económica, foi unha proposta do Equipo de normalización e dinamización lingüística do IES de Bertamiráns e pretende socializar unha iniciativa que eles desenvolven ao longo do curso no seu centro grazas ao impulso do propio Carlos Negro. Para levala adiante é imprescindible a implicación da hostalaría amesá. Con ela preténdese ademais de difundir a obra, o pensamento e a figura de Rosalía promover a hostalaría amesá.

Ames con Rosalía
Ademais, entre o 20 e o 26 de febreiro a obra de Rosalía de Castro volverá a estar presente nas rúas do concello, tamén como un atractivo máis do comercio amesán de proximidade achegando así a veciñanza á súa poesía, ao seu pensamento, á a súa mensaxe de rebeldía. Da escolma de estrofas encargouse a experta na figura da escritora e membro da Fundación Rosalía, Dolores Vilavedra.

Isabel González, explicou que “o Café con Verso, que nace da colaboración entre os departamentos de Normalización lingüística e Promoción Económica, ten como un dos seus obxectivos a dinamización dos establecementos hostaleiros e contribuír á creación da identidade cultural de Ames a través dunha das nosas poetisas máis universais que estivo tan vinculada ao noso concello durante a súa vida".

Acto central do Día de Rosalía de Castro
O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá o xoves, 23 de febreiro, o acto central de homenaxe á escritora. A entrada ao acto literario-musical será libre e completamente gratuíta. Haberá lecturas, dramatizacións e vídeocreacións con poemas rosalianos e música a cargo da vocalista e compositora, Najla Shami, que no 2013 publicou Na lingua que eu falo. Isabel Vaquero destacou que “é un traballo onde a artista palestina-galega bota unha ollada á vida e obra de Rosalía de Castro. Pareceunos moi interesante este traballo e para nós é un pracer contar coa súa presenza neste acto”. Ademais, dous rapaces do Milladoiro Eric Fungueiriño e Noe Cutrín van a facer unha versión rapeada do poema rosaliano A xustiza pola man.

Isabel Vaquero tamén agradeceu "a participación de todas as persoas, tanto alumnado dos centros escolares amesáns, como os integrantes da Asociación de xubilados do Milladoiro e aos asistentes aos cursos de lingua e cultura galega por acceder á colaborar coa lectura de textos e poemas escritos por Rosalía de Castro". "Este ano como novidade o veciños e veciñas amesáns, procedentes doutros países, van ler poemas da autora galega no seu idioma nativo".

Excursión poética pola Ruta Rosaliana
A programación concluirá cunha excursión en autobús, con saída o sábado 4 de marzo ás 10:00 do Milladoiro e ás 10:15 de Bertamiráns, e que fará parada por algunhas das localizacións da contorna nas que se atopan edificios ou lugares pertencentes á chamada Ruta Rosaliana.

A primeira destas paradas atópase en territorio amesán. Trátase da casa onde Rosalía de Castro pasou os primeiros anos da súa vida, situada na Tarroeira, na parroquia de Ortoño. A visita continuará por Bastavales, parroquia de Brión, onde se atopa a igrexa cuxas campás protagonizan un dos versos mais soados da autora. O autobús porase entón en marcha cara ao concello de Padrón, onde os excursionistas se apearán para facer unha visita a Iria Flavia e á Casa-Museo de Rosalía de Castro, a coñecida como "Casa da Matanza". A concelleira explicou que a excursión empregaríase tamén para "aproveitar e conectar a obra de Rosalía cos distintos lugares que compoñen a visita, lendo tamén algúns dos seus textos e aprendendo máis sobre a súa obra e o seu pensamento".

O prazo de inscrición para participar na excursión finaliza o día 2 de marzo. Pódese reservar praza chamando enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal. Enviarase un correo electrónico de resposta coa confirmación da praza solicitada. O prezo da excursión é de 1,5 euros, a tarifa de entrada á Casa-Museo de Rosalía.


Na presentación de ditos actos o goberno municipal destacou que os principais obxectivos desta programación son difundir a obra e mais o pensamento rosaliano como xeito de recuperar o orgullo de quen somos e o recoñecemento da nosa lingua como expresión xenuína das galegas e galegos, resaltar e pór en valor o vínculo que ten o concello de Ames coa figura rosaliana, e promover o comercio e a hostalaría amesá ao tempo que se socializa entre a veciñanza a obra e a figura de Rosalía.

Para a organización destas actividades cóntase coa colaboración dos Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino municipais, da Asociación de Xubilados do Milladoiro, da hostalaría, do pequeno comercio e de persoas amesás anónimas ou relevantes pola súa actividade cultural como Carlos Negro e Dolores Vilavedra.

A concelleira de Normalización Lingüística e Comunicación, Isabel Vaquero, destacou “intentamos coordinar unha programación variada e participativa, para todas as idades pero con especial atención á poboación máis nova. Agardamos tamén implicar a toda a veciñanza e que todas e todos os amesáns se sintan orgullosos de quen son e de teren como veciña unha figura da talla de Rosalía cunha obra e un pensamento totalmente vixente e necesario para acadarmos unha sociedade máis xusta”.

As actividades recollidas nesta programación comezaron hoxe, ás 12:00 horas, tras a presentación, coa colocación dunha lona no balcón lateral da Casa do Concello. Nela figuran os versos No sembrante a alegría, no corazón o esforzo. A través da colocación desta lona simbolízase "o compromiso do Concello de Ames co pensamento e coa figura rosaliana". Unha figura á que, dende Ames, se lle garda "unha querencia especial", indicou Isabel Vaquero.

A concelleira de Promoción Económica, Isabel González, incidiu na "importancia de promover e crear actividades de colaboración entre as diferentes áreas do goberno, así como entre o Concello e o sector empresarial local, neste caso a hostalaría, e incentivar a participación dos amesáns e das amesás. É por isto que dende a Concellaría de Promoción Económica queremos apoiar e axudar na valorización da figura de Rosalía de Castro, da nosa lingua, e da cultura galega en xeral. Estamos convencidos, ademais, de que a cultura pode, e debe, ser un factor de desenvolvemento económico local”.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Café e 40.000 versos en Ames"