Pestanas principais

Preséntase a programación de Nadal que inclúe eventos deportivos, cinema, gastronomía, diversos obradoiros e espectáculos infantís

Mércores, 13 de decembro de 2017

[13-12-2017] O Concello de Ames ten programadas numerosas actividades para este Nadal, no que haberá espectáculos infantís, obradoiros, eventos deportivos e proxeccións de cinema. Orientada a todas as idades, a programación finalizará o día 5, coa Festa de Reis nos pavillóns de Bertamiráns e Milladoiro. A programación de Nadal tamén recolle a campaña solidaria “Zocos e Trasnos”, así como o concurso de cartas de Nadal “Ponlle cor á lingua!”. Como novidade, este ano celebraranse os primeiros Torneos de Nadal Concello de Ames de fútbol sala 3x3, de fútbol e de baloncesto. A programación de Nadal, que este ano inclúe varias novidades, foi presentada esta mañá, no Salón de Plenos da Casa do Concello, polo alcalde de Ames, José Miñones, o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, a concelleira de Promoción Económica, Isabel González, o concelleiro de Medio Ambiente, Javier García, e a concelleira de Mocidade, Silvia Dapena.

A programación de Nadal comeza este mércores, 13 de decembro, cunha sesión de contacontos na biblioteca de Bertamiráns, ás 18:00 horas. A sesión que se baseará nunha proxección de álbums ilustrados, repetirase mañá, día 14, na biblioteca do Milladoiro, no mesmo horario. As sesións de contacontos están dirixidas a crianzas entre os 3 e os 8 anos. Alén diso, o vindeiro mércores, 20 de decembro, celebrarase a gala de entrega de premios do Concurso Radiofónico de Teatro Lido de Ames “Desata a Lingua! A gala, que estará conducida por Isabel Risco e Fran Rei, desenvolverase na Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 20:00 horas. A entrada será de balde ata completar o aforo.

A presentación da programación de Nadal tivo lugar esta mañá, 13 de decembro, no Salón de Plenos da Casa do Concello en Bertamiráns. Nela estiveron o alcalde de Ames, José Miñones, o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, a concelleira de Promoción Económica, Isabel González, o concelleiro de Medio Ambiente, Javier García, e a concelleira de Mocidade, Silvia Dapena. Durante a presentación, José Miñones destacou os aspectos máis relevantes desta programación: “ As actividades para este Nadal foron concibidas co obxectivo de atraer ás veciñas e veciños de Ames, así como a persoas procedentes doutros lugares, cara o noso concello. Do mesmo xeito, tamén quixemos programar actividades dirixidas a todas as idades e non só ás crianzas como acostuma ser habitual nas programacións de Nadal. Ademais, gustaríame destacar o potencial conciliador da mesma. O Concello de Ames é un referente no que a programas de conciliación se refire. Unha cuestión que non quixemos esquecer na elaboración do programa, cuxas actividades facilitan, en moitos casos, a conciliación da vida familiar e laboral”, afirmou Miñones. 

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, destacou a importancia do traballo conxunto entre as distintas concellarías á hora de realizar a programación de Nadal: “A nosa idea foi sempre a de elaborar un programa transversal e completo, que acollese actividades vinculadas ás diferentes áreas do concello. Desta maneira, obtivemos, finalmente, un programa que inclúe desde eventos deportivos e espectáculos infantís ata obradoiros de diferente índole, proxeccións de cinema e mesmo gastronomía. Isto, desde logo, non sería posible sen os esforzos realizados polas técnicas e técnicos dos diferentes departamentos”. O traballo levado a cabo polas traballadoras e traballadores municipais para a o deseño da programación tamén foi un aspecto que destacou, durante a presentación, o alcalde de Ames, José Miñones. Na elaboración do programación de Nadal participaron as concellarías de Cultura, Deportes, Medio Ambiente, Normalización, Mocidade, Voluntariado e Promoción Económica.

Festival Cinema Crianza
O primeiro festival de cinema infantil de Galicia terá lugar en Ames entre o 15 e o 17 de decembro, nas Casas da Cultura de Milladoiro e Bertamiráns. O Festival Cinema Crianza incluirá a proxección de 70 pezas, previamente seleccionadas entre as preto de 2.500 propostas presentadas desde os cinco continentes. Araceli Gonda, Nico Campo e Amalia Mato, tres recoñecidas e premiadas personalidades do audiovisual galego, conformarán o xurado do festival. As entradas para os diferentes pases xa están dispoñibles na Billeteira do Concello de Ames. O prezo por cada sesión variará entre a entrada libre, con necesidade de retirar a entrada previamente, e os dous euros.

Primeiros torneos Nadal Concello de Ames de fútbol sala 3x3, fútbol e baloncesto
O I Torneo Nadal de Fútbol Sala 3x3 Concello de Ames desenvolverase os días 22 e 23 de decembro, no pavillón municipal do Milladoiro. Para participar, as persoas interesadas deberán inscribirse ata o vindeiro 19 de decembro, a través do enderezo de correo electrónico deportes@concellodeames.gal, enviando cuberta a ficha de inscrición. Ademais, para obter máis información pódese chamar ao número de teléfono 619 842 502, do departamento de Deportes do Concello de Ames.

Pola súa banda, o I Torneo Nadal de Baloncesto Concello de Ames celebrarase do 26 ao 28 de decembro, no pavillón municipal do Milladoiro. Nel participarán as categorías baby basquet (2010-2011), preminibasquet (2008-2009), minibasquet (2006-2007) e basquet 3x3 (2000-2005). Xa en xaneiro, os días 3 e o 4 dese mes, terá lugar o I Torneo Nadal de Fútbol Concello de Ames, o cal se desenvolverá nos campos de fútbol do concello. Para facer parte destas actividades é preciso inscribirse previamente, como no caso do torneo de fútbol sala 3x3, a través do enderezo de correo electrónico do departamento municipal de Deportes.

De igual maneira, tamén será preciso anotarse se se quere participar da XI Carreira Ciclista do Pavo, que terá lugar o domingo, 24 de decembro, nas inmediacións do parque do Río Ameneiral, en Bertamiráns. A actividade incluirá xincanas para as máis pequenas e pequenos da casa a partir das 11:00 horas. Ás 12:00h dará inicio a carreira. 

A programación deportiva para este Nadal complétase coa organización do II Campus de Fútbol Sala, que está organizado polo FC Meigas, en colaboración co EFS Trasgos e co Concello de Ames. O campus, que terá lugar entre o 26 e o 30 de decembro, desenvolverase no pavillón municipal de Bertamiráns, en horario de 09:00h a 14:30 horas. Dirixido a nenas e nenos nados entre os anos 2001 e 2012, o campus contará con servizo de gardería. Para asistir será preciso inscribirse, chamando ao número de teléfono 670 51 81 20 ou enviando un correo electrónico a calquera dos seguintes enderezos: fcmeigas@gmail.com ou efstrasgos@gmail.com.

Obradoiros de robótica, xogos de rol e cómic
O venres, 22 de decembro, desenvolverase, en horario de 10:00h a 14:00 horas, un obradoiro de robótica educativa na aula de informática da Casa da Cultura do Milladoiro. O obradoiro, que estará dirixido a rapazas e rapaces maiores de 12 anos, requirirá de inscrición previa. A inscrición poderase realizar, ata o vindeiro 20 de decembro, a través do enderezo de correo electrónico omix@concellodeames.gal, enviando a ficha de inscrición cuberta. Para este obradoiro existen 20 prazas dispoñibles. Así mesmo, o venres, 5 de xaneiro, volverá a celebrarse un segundo obradoiro de robótica, nesta ocasión, na aula de informática da Casa da Cultura de Bertamiráns, en horario de 10:00h a 14:00 horas. O prazo de inscrición deste segundo obradoiro é o mesmo que o do primeiro.

Tamén para maiores de 12 anos serán os obradoiros de xogos de rol e de cómic e manga. O primeiro desenvolverase entre o 2 e o 4 de xaneiro, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Haberá dous grupos: un que asistirá ao obradoiro en horario de 10:00h a 12:00 horas e outro que o fará entre as 12:00h e as 14:00h. O obradoiro de cómic e manga tamén se celebrará nas mesmas datas, do 2 ao 4 de xaneiro. Porén, neste caso o obradoiro terá lugar na Casa da Cultura do Milladoiro, entre as 17:00h e as 19:00 horas. Para participar en calquera destes obradoiros, as persoas interesadas tamén deberán enviar, ata o 20 de decembro, a ficha de inscrición cuberta ao enderezo de correo omix@concellodeames.gal.

Gastronomía de Nadal
O taller de cociña santiagués Hello Cooking organiza, en colaboración co Concello de Ames, un obradoiro de cociña, nomeadamente de galletas decoradas, para o vindeiro venres, 22 de decembro. O obradoiro, que estará destinado a nenas e nenos entre os 4 e os 11 anos, desenvolverase no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, entre as 16:00h e as 18:00 horas. O prezo por participante será de 5 euros. O mesmo día, no mesmo lugar, só que nun horario diferente, entre as 19:00h e as 21:00h, terá lugar un show cooking, un buffet festa con degustación. Neste caso, a actividade estará destinada a un público adulto, o cal deberá aboar 8 euros por persoa. Esta xornada rematará no Concello de Ames coa realización dunha cata de Nadal, que estará organizada pola tenda amesá de produtos ecolóxicos e gourmets Cesta Natural. A cata, que tamén se celebrará no Pazo da Peregrina, dará comezo ás 21:30 horas. O prezo por persoa participante será de 6 euros.

As mesmas actividades, as mesmas horas, serán desenvoltas na Casa da Cultura do Milladoiro, o mércores, 27 de decembro. Para participar nalgunha delas, ben sexa no Milladoiro ou en Bertamiráns, as persoas interesadas deberán inscribirse a través do enderezo de correo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal.

Espectáculos infantís
O martes, 26 de decembro, Pablo Díaz e Olga Kirk achegaranse á Casa da Cultura do Milladoiro, ás 17.00h, para presentarlles ás familias con nenas e nenos dos 4 aos 11 anos “Canta Música!”. Un espectáculo para bailar, xogar e cantar no que as familias asistentes participarán de forma activa. O prazo de inscrición estará aberto do 18 ao 22 de decembro. Para anotarse, deberase chamar ao número do departamento municipal de Cultura, ao 981 535 940. Existen 40 prazas dispoñibles para esta actividade.

Un día despois, o mércores 27 de decembro, ás 17.00h e ás 18.00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns, as familias con nenas e nenos dos 0 aos 4 anos poderán gozar con “Percubebé”. Un espectáculo musical no que descubrir o mundo da percusión e da arpa e onde xogar cos diferentes timbres dos instrumentos, cantos, bailes e danzas. O prazo de inscrición abrirá o día 18 e pechará o 22 de decembro. En cada sesión poderán participar 30 crianzas, alén das familias acompañantes. Para participar é preciso inscribirse chamando ao número de teléfono do departamento de Cultura.

O xoves 28 de decembro, o espectáculo “O paxaro amigo” estará na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 17.00 horas. Nesta iniciativa, Carmen Gil e Mamá Cabra únense para contar e cantar unha divertida historia sobre Discordia, a bruxa que é feliz destruíndo a paz. Por último, o 2 de xaneiro, os Bolechas visitarán novamente o noso concello. Esta actividade lúdica e participativa, que contará tanto con actores como con monicreques, desenvolverase no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 17:00 horas. Para asistir a calquera dos dous eventos, será preciso retirar as entradas previamente a través da Billeteira do Concello de Ames.

Un Nadal de Cine
O venres, 29 de decembro, Ames encherase de cinema coa proxección de tres filmes. Ás 17:00 horas proxectarase, na Casa da Cultura de Bertamiráns, a longametraxe “Capitán Calzóns, o seu primeiro peliculón”, que estará dirixida a un público infantil. Posteriormente, na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 19:00 horas, visualizarase o filme “A Momia”, que estará destinada a mozas e mozos maiores de 12 anos. Por último, ás 21:00 horas, novamente na Casa da Cultura de Bertamiráns, proxectarase unha película de terror, que aínda está a ser escollida pola mocidade a través da votación que, estes días, se está a realizar na páxina web municipal.

Xa entrado o 2018, volveranse proxectar tres filmes. Será o xoves 4 de xaneiro. Ese día, ás 17:00 horas, a Casa da Cultura do Milladoiro acollerá a exhibición da longametraxe “Gru 3, o meu vilán favorito”. Ás 19:00 horas, o filme “Rogue One: unha historia de Star Wars”, que estará destinado a nenas e nenos maiores de 7 anos, será proxectado na Casa da Cultura de Bertamiráns. O último dos filmes da xornada, a película de terror finalmente escollida, será visualizada no Milladoiro, ás 21:00 horas.

Festa de Reis
O venres, 5 de xaneiro, as nenas e nenos amesáns celebrarán a chegada dos Reis Magos cunha festa especial, que terá lugar nos pavillóns municipais do Milladoiro e de Bertamiráns. Previamente, os Reis Magos pasarán pola oficinas municipais do Milladoiro e pola Casa do Concello de Bertamiráns, co obxectivo de deixar a súa firma no libro de sinaturas. Desde alí, partirán en cabalgata ata os pavillóns, onde se celebrarán tres espectáculos: de pombas, de aire e de altura. No recibimento aos Reis nos pavillóns tamén haberá chocolate con rosca.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "El programa navideño para Ames incluye gastronomía, cine, robótica y solidaridad"
La Voz de Galicia: "Deporte, ocio infantil, cine y gastronomía llenan la oferta de actividades navideñas de Ames"