Pestanas principais

Preséntase a programación de actividades deportivas de verán en Ames

Venres, 09 de xuño de 2023

O Salón de Plenos da Casa do Concello de Bertamiráns acolleu esta mañá a presentación da batería de actividades organizadas polo departamento de Deportes, entre as que se inclúe unha xornada de portas abertas e cursos de piragüismo, así como clases de natación. Estas iniciativas, dirixidas a diversos grupos de idade, terán lugar ao longo dos meses de xuño e xullo, e buscan animar á veciñanza amesá a atopar unha alternativa de ocio saudable no período estival. Para máis información sobre todas as actividades pódese enviar un correo electrónico ao enderezo deportes@concellodeames.gal ou chamar ao número de teléfono 619 842 504.

Un ano máis, desenvolverase en Ames unha xornada de iniciación ao piragüismo, que terá lugar o domingo 18 de xuño, na praia fluvial de Tapia. Entre as 11:00 e as 13:00 horas, os participantes poderán aprender a subirse a unha piragua, a manter o equilibrio e a manexar as palas para que a embarcación se desprace correctamente.

Todas as persoas que desexen iniciarse no deporte do piragüismo poderán gozar desta xornada de portas abertas, que se celebra anualmente. Os únicos requisitos son ser maior de 8 anos e saber nadar. Así mesmo, recoméndase o uso de traxe de baño, camiseta e chancletas. O Concello de Ames conta coa colaboración do Club Piragüismo Ribeiras do Tambre, que se encarga de organizar e impartir esta actividade; e da Deputación da Coruña.

Para participar nesta actividade, que é gratuíta, hai que inscribirse previamente enviando un correo electrónico ao enderezo info@ribeirasdotambre.es indicando nome, apelidos e un teléfono de contacto.

Cursos de piragüismo
Por outra banda, os nenos/as nados/as entre o 2009 e o 2015 poderán anotarse nos cursos de piragüismo que se impartirán na praia fluvial de Tapia nos meses de xuño, xullo e agosto. Ditos cursos terán lugar os luns, mércores e venres, de 10:30 a 11:45 horas. A primeira quenda desenvolverase entre o 26 de xuño e o 21 de xullo, mentres que a segunda será do 24 de xullo ao 18 de agosto. Para asistir é imprescindible saber nadar.

As persoas que desexen participar nunha soa quenda deberán aboar 30 euros, mentres que os interesados en acudir a ámbalas dúas quendas pagarán 50 euros.

Para obter máis información ou inscribirse pódese mandar un correo ao enderezo electrónico deportes@concellodeames.gal. As prazas son limitadas.

Cursos de natación
Tamén durante os meses de xullo e agosto, terán lugar os cursos de natación, de luns a venres. Haberá dous prazos para inscribirse. Deste xeito, as persoas interesadas en participar na quenda de xullo deberán anotarse entre o 12 e 23 de xuño, mentres que aqueles que queiran realizar o curso en agosto poderán formalizar a matrícula entre o 10 e o 21 de xullo.

Tanto o curso do mes de xullo como o de agosto están organizados en función das idades dos e das participantes. Ás 11:15 horas comezan os rapaces e rapazas maiores de 10 anos. A continuación, ás 12:00 horas, é a quenda dos de 8 e 9 anos. Xa ás 12:45 horas terán lugar os cursos para as crianzas de 6 e 7 anos, e para rematar, ás 13:30 horas, recibirán as clases os nenos e nenas dos 3 aos 5 anos.

As inscricións realizaranse de xeito telemático, a través da plataforma Cronos. Os impresos para facer efectivo o pagamento (autoliquidación) poderán solicitarse nas oficinas de recadación, ben no Milladoiro (rúa da Viorneira, número 6), ou ben en Bertamiráns (na praza da Horta de Abaixo, número 6).

Outra opción é facelo a través do correo electrónico ames@canaltributos.com ou chamando ao número de teléfono 981 88 48 96. No caso de dispor de certificado dixital ou DNI electrónico poderase descargar o documento de pago e aboar o importe a través da ligazón da Oficina Virtual Tributaria.

O custe dos cursos é de 20 euros (reducíndose a 10 euros para o segundo membro de cada familia e a 5 euros para o terceiro e restantes).

Para máis información sobre todas as actividades pódese enviar un correo electrónico ao enderezo deportes@concellodeames.gal ou chamar ao número de teléfono 619 842 504.

Presentación da programación
A concelleira de Deportes en funcións, Susana Señorís, deu comezo á rolda de prensa facendo un repaso polas tres actividades que compoñen a programación estival. Sobre a xornada de portas abertas “Achégate ao piragüismo”, destacou que “é unha actividade que, se o tempo acompaña, pode resultar moi divertida e moi gratificante. Servirá para pasar unha mañá de domingo diferente na que nenos e adultos poden coñecer de primeira man os secretos de padexar”. Ademais, a concelleira sinalou que “os que lle collan gusto poderán despois participar nos cursos de piragüismo”.

Por outra banda, Susana Señorís explicou que se volven a poñer en marcha “os cursos de natación, xa todo un clásico de verán e que a xente demanda e coa que está encantada. Agardo que teñan tan boa acollida como todos os anos”. O técnico de Deportes, Alberto Viaño, ampliou a información de cada unha das actividades e engadiu que “estes cursos complementan a actividade deportiva do verán xunto aos campus deportivos que se presentaron esta semana”.

Para rematar, o alcalde de Ames en funcións, Blas García, agradeceu o traballo da Concellaría de Deportes e sinalou que estas iniciativas “serven para poñer en valor o deporte, sobre todo nas franxas de idade máis novas, para que aprendan todo o que a actividade deportiva pode inculcar”. Así mesmo, quixo “facer un chamamento á participación dos nenos e nenas, para que se vaian adentrando nestas prácticas, que son moi sanas”.

Novas relacionadas:

Enfoques: "Ames presenta su programación deportiva de verano"

AMS GO!: "Piragüismo e natación, entre as actividades deportivas de verán en Ames"

El Correo Gallego: "Ames propone el piragüismo y la natación como sus alternativas sanas al sofá estival"

Presentación da programación de actividades deportivas

Multimedia

  • Presentación da programación de actividades deportivas
  • Cartaz das portas abertas de piragüismo
  • Cartaz dos cursos de piragüismo
  • Cartaz dos cursos de natación