Pestanas principais

Preséntase a primeira edición do Dépor Campus de fútbol de Bertamiráns

Venres, 29 de abril de 2016

[29-04-2016] Esta semana presentouse a primeira edición do Dépor Campus de fútbol de Bertamiráns. A presentación, que tivo lugar no Pazo da Peregrina, correu a cargo do alcalde de Ames e concelleiro de Deportes, José Miñones, o responsable de Metodoloxía do RC Deportivo, José Barcala, o presidente do Bertamiráns FC, Rafael Budiño, e os xogadores do RC Deportivo Manuel Pablo e Celso Borges. O Dépor Campus desenvolveranse en dúas quendas entre os días 4 e 15 de xullo no campo de fútbol municipal de Bertamiráns. Poden participar nenas e nenos de entre 6 e 15 anos.

É a primeira vez que se celebra un Dépor Campus en Ames, e as tres partes organizadoras (Bertamiráns FC, RC Deportivo e mailo Concello de Ames) transmitiron o seu desexo de que sexa “a primeira de moitas”. O alcalde de Ames celebrou a escolla de Ames, concello no que organizaron tamén campus de fútbol a Fundación Celta ou o Atlético de Madrid. “A grandeza de Ames está na súa poboación nova, e estes campus axúdannos a darlle cobertura ás necesidades dos rapaces e as rapazas que gozan co deporte”, explica Miñones.

O Dépor Campus terá lugar entre os días 4 e 15 de xullo no campo de fútbol municipal de Bertamiráns. O Campus dividirase en dúas quendas, a primeira do luns 4 ao venres 8 de xullo, e a segunda do luns 11 ao venres 15. Ambas quendas terán un horario de 10:00 a 14:00 horas. No Dépor Campus poden inscribirse nenas e nenos de entre 6 e 15 anos, tanto do Bertamiráns FC como xogadores e xogadoras doutros clubs. Foi o Bertamiráns FC o que fixo a petición expresa de incluír a deportistas de 15 anos, xa que habitualmente a idade límite para participar son os 14 anos. Os técnicos do RC Deportivo conducirán todas as sesións e aos rapaces e rapazas participantes entregaráselles unha equipación consistente nun pantalón, unha camiseta e un par de medias.

“A misión do Deportivo con estes campus é a de crear un espazo de inclusión e recreativo, de aprendizaxe e de convivencia para todos eses nenos e nenas que comparten unha mesma paixón, que é o fútbol”. Así se expresaba o responsable de Metodoloxía do RC Deportivo, José Barcala, durante a rolda de prensa, na que agradecía tanto ao Bertamiráns FC como ao Concello de Ames “a súa colaboración”.

Os obxectivos dos técnicos deportivistas pasan por desenvolver habilidades e conceptos na relación co ou coa opoñente, así como na relación co propio compañeiro ou compañeira. Os e as porteiras adestrarán tamén este tipo de habilidades de xeito especializado. Non se descoidará a educación en hábitos saudables, incidindo na importancia da alimentación dos e das deportistas. Xogaranse partidos, traballaranse situacións básicas de aprendizaxe, rondos básicos e xogos de posición. Ademais, o Deportivo FC quere continuar a labor de transmisión de valores como o respecto, a amizade e a solidariedade, que o propio Bertamiráns FC e outros clubs de base transmiten aos seus xogadores e xogadoras no día a día.

Rafael Budiño, presidente do Bertamiráns FC, agradece a colaboración do RC Deportivo, así como o impacto positivo que este tipo de campus teñen na calidade técnica dos rapaces e das rapazas. Sen esquecer que o importante é o goce do deporte, tanto o presidente do Bertamiráns FC como o responsable de metodoloxía no RC Deportivo, coinciden en que os campus son tamén unha oportunidade para os xogadores e as xogadoras de facer visibles o seu traballo e o seu esforzo. Os propios Manuel Pablo e Celso Borges botaban a vista atrás na rolda de prensa e lembraban os seus primeiros días no fútbol, cando iniciativas similares a este campus lles permitiron xogar cada vez a niveis máis altos.

Trámites de matrícula
Para inscribirse no Dépor Campus de Bertamiráns é preciso cubrir a formulario que se pode descargar na ligazón da dereita. Na propia folla de inscrición especifícase como realizar o pagamento do campus. O xustificante do pagamento, a folla de inscrición e unha fotografía deberán ser enviados ao enderezo electrónico campusbertamirans@canaldeportivo.com.

O custe do campus é de 120 euros -100 con desconto- para unha semana e de 220 euros -180 euros con desconto- por dúas semanas. As persoas con desconto son aquelas socias ou accionistas do RC Deportivo, xogadores ou xogadoras do Bertamiráns FC, familias con dous membros en paro ou familias que inscriban a máis dun fillo ou filla. Neste último aplicaráselle o desconto a cada unha das persoas participantes. O prezo da matrícula inclúe, ademais do equipamento, un seguro de accidentes deportivos e o almorzo.

Aquelas persoas que queiran obter máis información ou teñan algunha dúbida pódena resolver escribindo ao enderezo campusbertamirans@canaldeportivo.com, nas páxinas web www.canaldeportivo.com - www.bertamiransfc.com ou chamando ao teléfono 620 875 369.