[03-08-2016] Esta mañá compareceu en rolda de prensa o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, acompañado da vocalista do grupo Ith, que xunto cos grupos Agoraphobia e Biribirlocke forman o cartel da sexta edición do festival Millarock. A presentación de dito festival tivo lugar na praza da Madalena do Milladoiro, lugar onde terán lugar os concertos, este venres, 5 de agosto, a partir das 21:00 horas. Trátase dun lugar simbólico xa que nesta praza foi onde se celebrou a primeira edición deste festival de rock. Por parte do goberno existe a intención de recuperar o concurso de bandas e ir consolidando este festival tan importante e necesario para a comunidade do Milladoiro e para o conxunto do concello.
O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, explica que “o obxectivo do goberno municipal era recuperar o Millarock durante o primeiro ano de mandato e así o vamos a facer. Este é un festival de rock que xa tiña un certo percorrido, pero que no ano 2011 o anterior goberno decidiu cancelar, aínda que o conxunto dos veciños do Milladoiro e a comisión de festas desta localidade víano como un evento importante para atraer a xente moza a este tipo de actividades culturais. Este evento tamén contribúe a promoción de grupo noveis e de xente nova. No momento da suspensión fíxose o concurso, que gañou o grupo Ith, pero non chegou a tocar en directo debido á cancelación do festival. Nós tiñamos como compromiso electoral recuperar o Millarock e facelo coincidir coas festas da Madalena”.
Na presentación do Millarock, David Santomil, tamén destacou que “deste xeito recuperamos este festival cun cartel de grupos formados por xente moza, que xa están consolidados a nivel galego e que apostan pola nosa cultura e pola música de aquí. Neste caso os tres grupos que actuarán son Ith, grupo gañador da edición de 2011, Agoraphobia, que é unha banda que xa ofreceu concertos tanto en Galicia como por fóra, e o grupo local Biribirlocke, que conta co apoio de todos os veciños e veciñas amesáns por tocar na casa”.
O cartel do VI Millarock está composto por tres grupos: ITH, Agoraphobia e Biribirlocke. Agoraphobia será o primeiro grupo en subir ao escenario do Millarock. O grupo, nado en Boiro, foi mudando dende os seus inicios, tanto en estilo como en compoñentes, pero mantendo as raíces garaje, punk e rock que as unían coa canción de Íncubus, Agoraphobia, que lles da nome. Actualmente fórmano Paula Rego, batería, Susana Saavedra, cantante, Aislinn García e Sabela Sampedro, guitarras, e Lucía Fernández, baixo.
O segundo grupo en saír o escenario será Ith. Esta banda comezou a súa andaina nos anos 90, por el pasaron distintos integrantes, músicos e vocalistas. A cantante actual, Lucía da Fonte, incorporouse ao grupo en 2013, formado dende entón por ela, Miguel Iglesias e J.L. Toxo ás guitarras, Gonzalo Suárez ao baixo e Miguel Filgueira á batería. O seu estilo tamén mudou, ata chegar no ano 2015 ao son acadado no seu último traballo, Forte. Un álbum completamente autoeditado, froito de nove meses de traballo de composición e tres de gravación e mestura nun estudo no Porriño. Todos os temas foron compostos polo propio grupo. Un deles, Ith, canta as aventuras do heroe mitolóxico celta que da nome á banda, quen tras abandonar Brigantia atopa a morte en terras irlandesas.
Actuación do grupo local Biribirlocke
Pechará o concerto o grupo local, Biribirlocke, que volve actuar nun evento municipal despois de que xa tivera o seu bautismo musical tocando na Festa da Mocidade de Ames celebrada no ano 2010. Héctor, batería e coros, Pajón, guitarra, Torroncho, baixo, Martín, saxo, Roberto, trompeta, Roque, trombón, Amaro, saxo e Benja, voz. Amigos que decidiron forman un grupo e que agora poden incluír no seu currículum musical o ter tocado xunto a bandas do talle dos Herdeiros da Crus, compartir escenario con MedoMedá, Ruxe-Ruxe ou Xabier Díaz, e ter publicado un álbum no 2014. A comezos da tempada estival os Biribirlocke prometeran novidades nos seus concertos, e polo de agora xa estrearon en maio un videoclip e varios sinxelos este verán.
Santomil finalizou dicindo que “este concerto é simbólico por dous motivos. Por unha banda, este ano recupérase este festival, e por outra, escollemos como localización esta praza da Madalena porque foi onde se organizou a primeira edición do Millarock, incluso antes de ser asumida a organización polo propio Concello. Esa primeira edición estivo organizada pola comisión de festas do Milladoiro. Nese senso hai que agradecer a Carlos Rivas, que no seu día apostou por grupos da zona, para poñer en marcha un concerto de rock e que despois tivo o apoio do Concello de Ames ata que como xa dixen foi cancelado en 2011”.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "El Millarock regresa a Ames con Agoraphobia, Biribirlocke e ITH"
La Voz de Galicia: "El grupo Ith se subirá al escenario del Millarock cinco años más tarde de lo debido"




