[26-04-2017] Este mércores, 26 de abril, realizouse a presentación da sexta edición do Campus de fútbol, que organiza o Bertamiráns FC, e que está patrocinado polo Concello de Ames. Na presentación desta iniciativa participaron o alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, o presidente do equipo aurinegro, Rafael Budiño, e o secretario técnico de fútbol base do Bertamiráns FC, Sergio Penas. Esta actividade, que está dirixida aos nenos e nenas de 5 a 14 anos, desenvolveras nas instalacións do campo de fútbol municipal de Bertamiráns do 26 ao 30 de xuño, en horario de 9:00 a 14:30 horas.
O VI Campus de fútbol BFC desenvolverase durante a última semana do mes de xuño. Os pais e nais dos nenos e nenas de 5 a 14 anos que desexen participar nesta actividade teñen ata o 10 de xuño para tramitar a súa inscrición. Toda a información sobre o custo, descontos aplicables, impresos de inscrición... atópase dende hoxe na páxina web do club amesán www.bertamiransfc.com
Os rapaces e rapazas participantes estarán divididos en varios grupos. Haberá un traballo específico para os porteiros e outro dedicado aos xogadores de campo. Todos os participantes traballarán diversos aspectos do xogo (condución, control, pase, caneos, desmarques, entradas, marcaxes...), verán vídeos, e porán en práctica o aprendido durante o campus participando en competicións. Deste xeito, traballarase tanto o aspecto táctico como o apartado técnico. Todas estas nocións combinaranse con diversas actividades de lecer como piscina.
O alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, destacou que “dende o goberno municipal estamos apoiando este tipo de iniciativas que teñen o obxectivo de fomentar o deporte entre a mocidade. Este campus non só e unha actividade formativa senón que nela os nenos e nenas tamén poden facer novas amizades e gozar de diversas actividades lúdicas e de lecer”. Miñones agradeceu a implicación do Bertamiráns FC e dos diferentes colaboradores como a Deputación da Coruña, a cafetería - restaurante Tropic Burguer, a empresa Hermanos Mallón, e o Café Don Budi.
O presidente do Bertamiráns FC, Rafael Budiño, explicou que “se trata dunha actividade xa consolidada que vai pola súa sexta edición e agardemos que se poida organizar en moitas máis ocasións. Agardo que os rapaces e rapazas que participen neste campus poidan gozar dunha semana chea de deporte e lles serva para seguir mellorando as súas cualidades. Trátase dunha actividade formativa na que ao mesmo tempo prima o aspecto lúdico”.
Por último, o secretario técnico de fútbol base do Bertamiráns FC, Sergio Penas, animou aos rapaces e rapazas a inscribirse neste campus. “Agardamos superar as 100 inscricións xa que ano a ano imos incrementando a participación nesta actividade. A dinámica de funcionamento desta sexta edición é moi semellante ás anteriores, polo que non haberá grandes modificacións na impartición do campus”.







