Pestanas principais

Preséntase o proxecto de urbanismo e patrimonio “A Vila do Mañá” que está dirixido á infancia e á mocidade de Ames

Mércores, 28 de xuño de 2017

[28-06-2017] O salón de plenos da Casa do Concello acolleu este mércores, 28 de xuño, a presentación do proxecto “A Vila do Mañá”. Trátase dun novo obradoiro didáctico de urbanismo e patrimonio, a través do cal os nenos/as e mozos/as de Ames poderán coñecer máis polo miúdo os espazos nos que viven, así como deseñar unha estratexia de futuro para mellora o seu entorno. Todo isto coa elaboración dun storyboard e a gravación e montaxe de varias curtas. Esta actividade desenvolverase en horario de mañá cos nenos e nenas da Escola de Verán (do 3 ao 7 de xullo en Bertamiráns e do 7 ao 11 de agosto no Milladoiro). Polas tardes, no Pazo da Peregrina, poderán participar os mozos/as de 12 a 21 anos.

A presentación do proxecto A Vila do Mañá correu a cargo do concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos, Blas García, do concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, que ten delegadas as competencias de Patrimonio, e da directora e responsable do proxecto, Sandra González Álvarez. Trátase dun proxecto no que están implicados os departamentos de Urbanismo, Cultura e Mocidade. Este proxecto púxose en marcha no concello de Rianxo e, ademais de levarse a cabo en Ames, desenvolverase por distintos municipios galegos e de España.

O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos, Blas García, explicou que “Ames é un dos concellos que mellor se adapta a este proxecto porque é o municipio coa poboación máis nova de toda Galicia. Así, coñeceremos como ven o noso concello os nenos e nenas da Escola de verán e mailos mozos e mozas amesáns. O realmente interesante deste proxecto é saber o que cambiarían e mailo que manterían os nenos e nenas de Bertamiráns e no Milladoiro. Unha vez rematadas as actividades, agardamos poder publicar o resultado do traballo para poder comprobar a percepción que teñen os rapaces e rapazas das localidades onde viven e tamén ver as principais diferencias existentes nas opinións achegadas polos nenos/as de Bertamiráns e do Milladoiro”.

O proxecto desenvolverase do 3 ao 7 de xullo en Bertamiráns e do 7 ao 11 de agosto no Milladoiro. Está dividido en dúas partes. Polas mañás desenvolverase cos nenos e nenas de segundo ciclo de infantil e educación primaria da Escola de Verán. A segunda parte realizarase do 3 ao 7 de xullo polas tardes no Pazo da Peregrina, en horario de 16:00 a 20:00 horas. Neste caso a actividade está dirixida á mozos/as de 12 a 21 anos e haberá que inscribirse enviando un correo electrónico ao enderezo omix@concellodeames.gal ou chamar ao número de teléfono 673 604 394.

Actividades exteriores e interiores
As actividades que se desenvolverán divídense tamén en dúas parte. Haberá actividades de interior (IN) que se realizarán cos nenos e nenas máis pequenos e outras de exterior (OUT) nas que participarán os rapaces e rapazas máis grandes. Crease un taller didáctico, para aprender dunha forma novedosa, ¿que problemas hai?, ¿que oportunidades observamos?,... e buscarase unha estratexia de futuro ¿como melloraríamos o noso entorno?, ¿como potenciaríamos as relacións entre os distintos habitantes?...

As actividades OUT están pensadas como paseos polo entorno para recoñecer e coñecer o lugar, nos que se irá facendo un mapeado, e iranse elixindo os distintos espazos para realizar os filmes que serán a expresión da Vila do Mañá dos mozos e mozas participantes. As actividades “IN” realizaranse nun entorno interior e serán o complemento para poder crear os filmes (farase o storyboard, editaranse e montaranse os curtos, e farase partícipes o resto da vila das ideas de futuro mediante unha exposición pública dos traballos realizados).

A directora e responsable do proxecto, Sandra González Álvarez, destacou que “o que nos interesa é transmitirlle nocións de arquitectura aos rapaces e rapazas, pero non só iso senón que o realmente importante é que sexan os propios nenos e nenas os que nos transmitan a súa opinión e a súa visión sobre o planeamento dunha localidade ou cidade. Todo o proxecto estará documentado con fotografías e pequenas curtas. Con todo o material recollido farase un libro no que reflectirá a avaliación de resultados”. Asemade, Sandra González, de Post Arquitectos, agradeceu o interese de concellos coma o de Ames para poder desenvolver esta iniciativa.

A quenda de intervencións pechouna o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, que dixo “este proxecto permítenos afondar na xeografía de percepción e reforzar a participación, neste caso dos nenos e nenas amesáns, para repensar a ordenación do territorio e saber a opinión que teñen do noso concello. Así, coñeceremos a percepción que se ten de Bertamiráns e do Milladoiro, que xurdiron practicamente de forma espontánea e sen moita planificación nas súa primeira etapa. Estou moi satisfeito de que se poida desenvolver este programa en Ames, xa que nós permite avanzar para dispor de localidades máis sostibles e ordenadas”.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "A mocidade amesá vai deseñar o seu futuro urbanístico con obradoiros"
La Voz de Galicia: "Ames invita a niños y jóvenes a diseñar una estrategia de futuro para mejorar su entorno urbano"