Pestanas principais

Preséntase o primeiro Clinic para técnicos de fútbol sala, que organiza o Fútbol Club Meigas en colaboración co Concello de Ames

Xoves, 17 de decembro de 2015

[17-12-2015] Esta mañá o salón de plenos da Casa do Concello acolleu a presentación do primeiro clinic para técnicos de fútbol sala que organiza o Fútbol Club Meigas, en colaboración co Concello de Ames. Neste acto estiveron o alcalde de Ames e concelleiro de Deportes, José Miñones, o adestrador do Santiago Futsal, Santi Valladares, e o coordinador do Fútbol Club Meigas, Diego Montero. Nesta iniciativa, que terá lugar o sábado 26 na Casa da Cultura de Bertamiráns, impartiranse diversas charlas a cargo de Santi Valladares, Mon Barreiro, Adri Martiño, Xabi López e Graciela Lois.

O Fútbol Club Meigas acaba de presentar un Clinic para técnicos de fútbol sala, que vai a a levar a cabo coa colaboración do Concello de Ames e do Santiago Futsal, xa que a maior parte dos profesionais que forman parte do cartel desta iniciativa son adestradores deste club compostelán. Este Clinic desenvolverase o sábado, 26 de decembro, en horario de 9:30 a 20:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. A través desta iniciativa preténdese formar as técnicos de fútbol e outros deportes que adestran a rapaces e rapazas das categorías de base. A inscrición neste Clinic para os técnicos dos clubs deportivos de Ames é totalmente gratuíta.

O alcalde de Ames, José Miñones, foi o encargado do abrir a presentación. O rexedor municipal explicou que “Ames é o concello máis xove de Galicia e debido a iso dende o goberno municipal debemos facer unha aposta clara polo deporte. Estamos mellorando diferentes infraestruturas deportivas e este ano como novidade na reserva de espazos para as escolas deportivas apostamos por priorizar o deporte feminino”. Miñones tamén indicou que “no eido do fútbol sala mantemos un contacto directo e fluído co FC Meigas e doulle os parabéns a este club por organizar este Clinic”.

Segundo explicou o coordinador do Fútbol Club Meigas, Diego Montero, “temos a intención de comezar un proceso de formación de técnicos de base, polo que pretendemos continuar con esta iniciativa nos vindeiros anos. Este ano contamos cun cartel de luxo no que participarán profesionais como Santi Valladares, Mon Barreiro, Adri Martiño, Xabi López e Graciela Lois. O obxectivo deste Clinic é formar técnicos que participen na formación das categorías de base e para iso cremos que contamos cuns profesionais, que van a impartir as charlas, que acumulan moita experiencia”.

O adestrador do Santiago Futsal, Santi Valladares, destacou que “os mellores adestradores teñen que formar aos rapaces e rapazas que están nas categorías de base porque estes xogadores/as son os que teñen que adquirir bos hábitos no deporte e na vida. A verdade é que é un orgullo participar neste Clinic porque os profesionais que participamos somos todos coñecidos e pretendemos impartir unhas charlas moi participativas e nas que os asistentes interactuen con nós. Nestas charlas falaremos dos fundamentos ofensivos e defensivos do xogo de 1, 2 e 3, entre outros temas”.

Programa do Clinic
Santi Valladares, adestrador do Santiago Futsal, abrirá a xornada coa charla O xogo de 1, seguido por Mon Barreiro, segundo adestrador do Santiago Futsal que falará sobre O xogo de 2. Tras unha pausa, ás 12:00, exporá Aspectos defensivos do 1x1 e 2x2 Adri Martiño, adestrador do equipo filial do Santiago Futsal e pechará a mañá Xabi López, preparador físico do Azkar Lugo coa charla O porteiro moderno.

Pola tarde, ás 16:30, Mon Barreiro disertará sobre a Análise técnica do porteiro de Futsal, Graciela Lois, psicóloga no Santiago Futsal, impartirá unha charla acerca da Dirección de equipos de base. Trala pausa da tarde, ás 19:00 Santi Valladares continuará cunha exposición sobre O xogo de 3 e Adri Martiño pechará a xornada cunha exposición do Deseño de sesións e tarefas de formación.

Para obter máis información e tramitar as inscricións pódese chamar ao teléfono 670 518 120 ou enviar un correo ao enderezo fcmeigas@gmail.com. O prezo de inscrición é de 20 euros, con posibilidade de redución para grupos (máis de tres persoas). Os monitores do Santiago Futsal pagarán a metade da tarifa e os de Ames poderán acudir ao evento de forma gratuíta.

Contido relacionado


La Voz de Galicia:"El club Meigas organiza un clinic para entrenadores de fútbol sala"