[11-05-2017] Esta mañá no instituto do Milladoiro presentouse a primeira edición do campus de verán Básquet Ames, que organiza o Club Básquet Ames e que conta coa colaboración do Concello de Ames e do IES do Milladoiro. A presentación desta iniciativa, que se desenvolverá en dúas quendas do 3 ao 14 de xullo no pavillón polideportivo municipal, así como no ximnasio e pavillón do instituto do Milladoiro, correu a cargo do alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, do presidente do Club Básquet Ames, José Luís Penas, e do director do IES do Milladoiro, Víctor Santidrián. O prazo de inscrición rematará o 25 de xuño.

O alcalde de Ames e concelleiro de Deportes, José Miñones, destacou que os clubs de Ames están apostando cada vez máis por organizar actividades durante os meses de verán que permiten a conciliación dos rapaces e rapazas. É moi importante que os clubs ofrezan este servizo, ademais dos que xa ofrece o propio Concello, para que os pais e nais teñan unha alternativa de lecer para os seus fillos/as durante a época estival”. Ademais, Miñones salientou a gran cantidade de actividades deportivas e campus que se ofrecen para o verán. Por último, explicou que as inscricións para este campus corren a cargo do Club Básquet Ames como entidade organizadora desta iniciativa.
O primeiro campus de verán Básquet Ames, que está dirixido a nenos e nenas de entre 6 e 16 anos, desenvolverase no pavillón polideportivo municipal, así como no ximnasio e pavillón do instituto do Milladoiro, entre o 3 e o 14 de xullo. Haberá dúas quendas: unha do 3 ao 7 e outra do 10 ao 14 de xullo. Os rapaces e rapazas poderán inscribirse nunha semana ou nas dúas. Esta iniciativa está organizada polo Club Básquet Ames e conta coa colaboración do Concello de Ames e do IES do Milladoiro, que ceden as instalacións onde se vai a desenvolver este campus deportivo.
O presidente do Club Básquet Ames, José Luís Penas, foi o encargado de explicar as características do campus e engadiu que “os principais obxectivos deste campus son o fomento da práctica do baloncesto entre a rapazada amesá e a promoción do deporte feminino. Este campus é perfecto para que as nenas se inicien no baloncesto. A través desta actividade queremos achegar o baloncesto ao maior número de nenos/as posible para que continúen coa práctica desta modalidade deportiva durante o curso”.
Durante os dez días que dura este campus os rapaces e rapazas inscritos practicarán fundamentalmente baloncesto, pero ademais de adestrar poderán gozar de dúas semanas de convivencia e actividades de lecer (xogos, piscina, excursións, etc...) e realizarán unha excursión ao parque acuático de Cerceda. Asemade, haberá servizo de madrugadores e de xantar para os pais/nais dos rapaces e rapazas que o necesiten.
O director do IES do Milladoiro, Víctor Santidrián, resaltou “que este campus encadra perfectamente dentro das actividades deportivas e lúdicas que se desenvolven dende o instituto do Milladoiro. Deste xeito, estase dando servizo á veciñanza de Ames, polo que as instalación deste centro seguirán abertas tanto para o Club Básquet Ames coma para o Concello de Ames cando se traten de iniciativas tan interesantes coma esta”.
Tarifas e tramitación de inscricións
O horario do campus será de 9:00 a 17:30 horas para os rapaces e rapazas que se inscriban coa opción de comedor, mentres que os que non queden a xantar terán un horario de 9:30 a 14:00h e de 15:30 a 17:30 horas. O servizo de madrugadores comezará a partir das 8:45 horas. Os nenos/as estarán divididos en grupos de como máximo 15 persoas e contarán coa supervisión dun/dunha adestrador/a.
Para realizar a inscrición hai que enviar un correo electrónico ao enderezo electrónico basquetames@gmail.com, indicando nome completo, data de nacemento, comedor si ou no (en caso afirmativo indicar alerxias alimentarias) e recibo de pago. O prezo de inscrición inclúe un seguro e equipamento de adestramento (equipamento completa e camiseta de quecemento).
Para o campus completo (dúas semanas) os prezos son de 195 euros (con comedor) e 165 euros (sen comedor), mentres que para un neno/as que sexa xogador/a do Básquet Ames o prezo é de 165 euros (con comedor) e 135 euros (sen comedor). O prezo do campus para unha semana é de 125 euros (con comedor) e 110 euros (sen comedor). Neste caso para un neno/as que sexa xogador/a do Básquet Ames o prezo é de 105 euros (con comedor) e 90 euros (sen comedor). Haberá un desconto do 50% para o segundo, terceiro e sucesivos irmáns que se inscriban.
Para tramitar as inscricións ou obter máis información pódense visitar a páxina web http://basquetames.blogspot.com.es, chamar ao número de teléfono 699 463 922 ou enviar un correo electrónico ao enderezo basquetames@gmail.com. O prazo de inscrición rematará o 25 de xuño. As prazas son limitadas.




