Pestanas principais

Preséntase o primeiro campus de fútbol sala organizado polo FC Meigas

Mércores, 21 de xuño de 2017

[21-06-2017] O Fútbol Club Meigas vén de presentar o seu primeiro campus de fútbol sala, organizado en colaboración co EFS Trasgos e o Concello de Ames. O Campus desenvolverase entre o 10 e o 14 de xullo, en horario de 8:00 a 14:00 horas, no Pavillón Municipal de Bertamiráns. Na presentación, estiveron José Miñones, alcalde de Ames e concelleiro de Deportes, e Diego Montero, coordinador do FC Meigas.

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu a presentación do primeiro campus de fútbol sala organizado polo FC Meigas, en colaboración co EFS Trasgos e o Concello de Ames. O campus transcorrerá entre o 10 e o 14 de xullo, no Pavillón Municipal de Bertamiráns e na piscina da mesma localidade.

As e os participantes poderán gozar, ao longo de cinco mañás, dun campus pensado para combinar a aprendizaxe do maior número posible de aspectos fútbol sala con moita diversión. O horario será de mañá, de 08:00 a 14:00 horas, con servizo de gardaría de 8:00h a 9:00h.

Na presentación, José Miñones quixo destacar a valoración positiva que desde o Concello se fai da incorporación dun servizo de conciliación no Campus: “Para nós é unha alegría ver como cada vez hai máis iniciativas de conciliación en Ames, agora extendéndose incluso aos clubs deportivos. Desde o Concello levamos unha grata sorpresa ao saber que neste Campus de fútbol ía haber un servizo deste tipo. Gustaríame felicitar ao Club Meigas por sumarse a este tipo iniciativas, que benefician tanto á veciñanza”.

O Campus está orientado a nenas nadas entre o ano 2001 e o 2012, así como a nenos nacidos entre o 2005 e o 2012. Para se inscribir é preciso enviar un email ao enderezo de correo electrónico fcmeigas@gmail.com ou ben ao efstrasgos@gmail.com. As inscricións tamén se poden realizar a través do número de teléfono 670 51 81 20. Existe un número máximo de 50 prazas.

O prezo por participante é de 60 euros, cun desconto de 10 para nenas e nenos do FC Meigas, do EFS Trasgos e do Santiago Fútsal. Pódese encontrar máis información na páxina web www.fcmeigas.com

Fundación do EFS Trasgos
Unha das novidades deste Campus, con respecto ao traballo previamente realizado polo FC Meigas, é que incorpora a presencia de rapaces. “Este ano abrimos as portas aos nenos coa fundación do Club de fútbol sala Trasgos, que será mixto. Desta forma, as rapazas que queiras participar dun club enteiramente feminino poderán integrarse no FC Meigas, mentres que aquelas que prefiran optar por un club mixto terán o EFS Trasgos”, afirmou Diego Montero, coordinador do FC Meigas.

Alén diso, Montero tamén destacou que o feito de que ámbolos dous clubs compartan a mesma filosofía de funcionamento, fai que no futuro a maior parte das actividades que se organicen sexan posiblemente realizadas en conxunto.