Pestanas principais

Preséntase o Plan Reactiva Ames que conta con 99 medidas de reactivación económica e social e 7 millóns de investimento

Martes, 20 de outubro de 2020

O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu a presentación do Plan Reactiva Ames, que conta con 99 medidas de reactivación económica e social para o concello de Ames. Varias desta medidas xa se puxeron en marcha dende o pasado mes de abril. Moitas outras desenvolveranse durante o que queda de ano e outras executaranse no exercicio 2021. Para desenvolver dito Plan o Concello de Ames destina 7.071.620 euros. Dentro de ditas medidas inclúense 57 medidas de inversión en obra pública, 13 medidas de promoción económica, 12 medidas de índole social, 6 medidas no ámbito tecnolóxico, 4 medidas relacionadas coa administración e Goberno local, 4 medidas fiscais e 3 medidas de seguridade e saúde. En dita presentación participaron o alcalde, os voceiros dos grupos que forman parte do goberno municipal, a concelleira de Promoción Económica, e representantes das asociacións municipais de comerciantes e empresarios. O acto, que estivo amenizado polos músicos Marcos Valcarcel e Yoanny Fonseca, pechouse coa emisión do video promocional `En Ames témolo todo´.

A presentación do Plan Reactiva Ames correu a cargo do alcalde de Ames, Jose Miñones, da concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, do concelleiro de Educación, David Santomil, do concelleiro de Obras, Blas García, e da concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero. Tamén participaron o presidente da Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira, Bulebar, José Manuel Fernández, o presidente de Xuntanza de Empresarios de Ames, Jorge López, a técnica da Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro, Salomé Blanco, e varios concelleiros/as dos grupos políticos municipais do Partido Popular, Ames Novo e Ciudadanos. Por mor da Covid-19 o aforo foi limitado para poder manter a distancia de seguridade entre as persoas que asistiron á presentación. Adoptáronse as medidas hixiénico – sanitarias marcadas polas autoridades sanitarias.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, asegurou que “tras decretarse o Estado de Alarma no pasado mes de marzo, o Concello de Ames decatouse de que era preciso un plan de choque para afrontar as consecuencias xeradas tras esta decisión por parte do Goberno do Estado. Deste xeito, para combater a crise económica provocada pola Covid- 19, o Concello de Ames presenta o Plan de Reactivación. Tras a caída do PIB en todos sectores, cómpre destacar o descenso no sector servizos e no da construción”.

A nivel municipal, é preciso dicir que o 80% das empresas de Ames pertencen ao sector servizos, sendo a hostalaría a actividade con máis peso. A moita diferenza, encóntrase o da construción, cun 14%. A  industria, a pesar do polígono industrial do Milladoiro, ten pouca forza. O mesmo sucede coa agricultura e a pesca. Ana Belén Paz afirmou que “máis do 60% son autónomo/as, seguido, con un 31%, as Sociedades Limitadas. Por outro lado, é importante dicir que a maioría de negocios son microempresas, é dicir, de 1 a 9 asalariado/as”. Ademais, a concelleira asegurou que “392 empresas amesás beneficiáronse dos ERTES”. Ademais, incidiu en que “a principal fortaleza do tecido económico de Ames é a fidelidade da clientela aos comercios locais, así como o gran potencial colaborativo entre empresas. Entre as oportunidades, destaca a necesidade que a veciñanza tivo de acudir ao comercio local cando os desprazamentos estaban limitados”.

O alcalde, Jose Miñones, destacou que “o Plan Reactiva Ames é un plan de toda a Corporación municipal no que implicaron todos os grupos políticos municipais e as asociacións municipais de comerciantes e empresarios. Trátase dun Plan feito para dinamizar os sectores comercial, cultural, empresarial, entro outros, do concello de Ames”. Ademais, engadiu que “son medidas que algunhas xa están en marcha e outras se van executar durante o que queda de ano 2021 e durante o exercicio 2021. Unha vez presentado dito plan temos que comezar coa aprobación das bases das distintas convocatoria de axudas que se recollen neste documento. Este Plan recolle algúns plans e programas que xa estaban incluídos no orzamento municipal e o que se fai é habilitar máis orzamento para amplialos e reforzalos. Os eixos con máis medidas de actuación son os de promoción económica e social”.

7 eixes de actuación e 99 medidas
O Plan Reactiva Ames contén 7 eixes de actuación: seguridade e saúde; promoción económica; administración e goberno local; tecnolóxico; fiscal; inversión en obra pública; e social. O concelleiro de Educación, David Santomil, encargouse de explicar a metodoloxía do Plan de Reactivación económica e social, que foi “realizado polas administracións locais, que son as máis próximas aos veciños e veciñas. Para a elaboración deste Plan, participaron 21 axentes ademais do Goberno municipal”. Santomil recordou que “se recibiron 130 propostas das cales 99 foron incluídas”.

No ámbito de seguridade e saúde preténdese facer do municipio de Ames un entorno seguro para a cidadanía e os visitantes, reducindo ao mínimo o risco de infección nos espazos públicos. Para elo vanse investir 175.000 euros en dúas liñas de axudas; a primeira para financiar gastos de reparación e conservación para a adaptación de establecementos ás medidas Covid-19; e a segunda para financiar a compra de materiais antiséptico ou desinfección, produtos hixiénicos e de limpeza. Tamén se vai elaborar un Plan específico de desinfección de todos os espazos públicos `Ames espazo seguro´.

Medidas para a promoción económica municipal
No ámbito da promoción económica quérese incentivar o consumo, a actividade económica e o emprego no concello. Este eixo dispón de 13 medidas nas que se investirán 907.347 euros. Ditas medidas son a ampliación da superficie de terrazas; axudas para sufragar os gastos de arrendamentos e canons, primas de seguros e subministracións dos locais comerciais de Ames co obxectivo de facer fronte ás consecuencias derivadas da COVID-19. Esta medida é unha das que conta con maior orzamento dentro do Plan con 432.547,86 euros. Para financiar estas axudas cóntase co apoio da Deputación Provincial da Coruña a través do Plan Reactiva.

Outras medidas dentro de promoción económica son a prestación de servizos de conciliación a través da programación de actividades para nenos/as; o programa Ames On (de dinamización social e cultural do espazo público) que se desenvolveu durante os meses de xullo, agosto e setembro; e a cesión gratuíta de infraestruturas públicas para favorecer a actividade de micropemes e autónomos do sector cultural. Outras axudas que se van a sacar son para a rehabilitación de locais a granel (para a reforma e rehabilitación de locais) que está dotada dun orzamento de 75.000 euros; e para a creación, traslado ou ampliación da actividade da empresa. Esta convocatoria de axudas contará con 70.000 euros.

Dentro de dito eixo recóllese a Oficina virtual telefónica e telemática de información e asesoramento a empresas e persoas autónomas e traballadoras; o servizo de asesoramento sobre a apertura de terrazas; a posta en marcha do espazo web específico  na que se proporciona información do ámbito laboral derivada da Covid-19 (este sitio web foi posto en marcha no pasado mes de maio); a campaña de comunicación para incentivar o comercio local e a pertenza ao concello; a posta en marcha de bonos de formación e asesoramento, dotado con 172.800 euros; e a creación de bonos para incentivar o consumo no comercio local de Ames (bono-compra).

Para poder executar todas estas medidas vaise a reforzar o cadro de persoal do departamento de Promoción Económica coa contratación dun/unha administrativo/a e un/unha auxiliar administrativo/a. Tamén cómpre destacar que os importantes destinados a a cada unha das medidas do Plan Reactiva Ames se non se gastan na súa totalidade, investiranse noutras medidas para esgotar todo o orzamento co que está dotado o Plan.

Eixe de administración e goberno local
Dentro do eixe de administración e goberno local vanse a axilizar os procedementos administrativos que inciden na actividade económica municipal. Este eixo dispón de catro medidas (axilizar os trámites de concesión de licenzas administrativas e trámites administrativos; priorizar e axilizar o pago a provedores; contratación de persoal para axilizar a concesión, xestión e seguimento de axudas; e contratación de persoal para reforzar os servizos sociais do Concello) nas que se investirán 81.728 euros.

Ámbito tecnolóxico
Por outra banda, dentro do ámbito tecnolóxico tratarase de facilitar o emprego das tecnoloxías como ferramentas de traballo e/ou de mellora da actividade económica. Conta de 6 medidas para a transición cara a comercio en liña ou optimización do existente; control, xestión de citas e aforo en todas as actividades, locais comerciais, edificios públicos; instalación de wifi en espazos públicos; paneis dixitais informativos; portal/directorio comercial; Innov@mes, nas que se investirán 328.200 euros.

Eixe fiscal
No eixe fiscal vaise facilitar a continuidade da actividade económica das empresas, tratando de reducir as súas cargas tributarias na medida do posible. Neste eixo tamén se contemplan 4 medidas para a ampliación de prazos dos período de pago de voluntaria dos tributos municipais; a aprobación de fraccionamentos e aprazamentos para taxas e prezos públicos; a derrogación da ordenanza fiscal que regula a taxa por ocupación de terreos de uso público con mesas, cadeiras, tribunas, taboados e outros elementos análogos, con finalidade lucrativa; e maila ampliación de bonificacións no IBI para empresas – fomento do emprego.

Sobre este eixo falou a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, que asegurou actualmente, o Concello se encontra nunha media de medio pago a provedores de 15 días, debaixo do legalmente establecido, que é de 30 días. Otero explicou o segundo eixe do Plan de Reactivación, que é o que trata o tema fiscal. “Dende o departamento económico apostamos por impulsar a economía e dinamizar sectores como a cultura, o comercio ou a hostalaría”. Ademais, fixo un chamamento ás veciñas e veciños para levar a cabo o Plan de Reactivación económica e social e, así, resolver as consecuencias provocadas pola Covid-19.

Inversión en obra pública
No eixo de inversión pública preténdese promover o mantemento e creación de postos de traballo directos e a dinamización económica derivada a través da dinamización e reforzo da inversión en obra pública. Neste eixo contémplase a execución de 57 medidas. O investimento previsto en obra pública é de 5.393.554 millóns de euros que proveñen, fundamentalmente, de fondos propios, fondos da Deputación de A Coruña e fondos europeos FEDER, a través do Plan Impulsa Ames da EDUSI. Actualmente, o 55% do orzamento total xa foi executado ou estase a executar (61% das obras previstas), sendo un total de 19 empresas do concello as entidades adxudicatarias.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, definiu algúns dos eixes e medidas de actuación do Plan de Reactivación. En primeiro lugar, quixo destacar a importancia que se lle dou dende un primeiro momento á inversión en obra pública para manter postos de traballo. Ademais, este investimento supón unha axuda a autónomos e microempresas. Ademais, informou que este ano, grazas á planificación e ao persoal municipal, conseguirase chegar aos 3 millóns de euros de investimento. Actualmente o Goberno municipal leva o 55% de investimento previsto.

Ámbito social
Por último, no ámbito social quérese garantir a atención das necesidades sociais de toda a poboación de Ames. Este ámbito contempla a realización de 12 medidas por valor de 185.789 euros. A maioría desta medidas xa se comezaron a poñer en marcha no pasado mes de abril debido ás necesidades que presentaban moitas das familias do concello debido á crise sanitaria e económica derivada da Covid-19.

As medidas postas en marcha dentro de dito ámbito son as axudas de emerxencia social; renda municipal básica; reforzo do servizo de axuda no fogar; a posta en funcionamento de teléfonos gratuítos; o reparto de alimentos a familias e atención a nenos e nenas de comedores escolares en exclusión; a atención a persoas maiores; a axuda psicolóxica; a pista a disposición do transporte adaptado municipal; o reparto de material escolar; a entrega de equipamento tecnolóxico a familias necesitadas; a modificación da ordenanza de axudas para anticipos de caixa; e a posta en marcha da nova canle Ames saudable para o confinamento.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Agilizar trámites, bonos-compra y ayudas a pymes, entre las 99 medidas del plan Reactiva Ames"

Imaxe da presentación do Plan Reactiva Ames

Multimedia

  • Imaxe da presentación do Plan Reactiva Ames
  • Imaxe da presentación do Plan Reactiva Ames
  • Imaxe da presentación do Plan Reactiva Ames
  • Imaxe da presentación do Plan Reactiva Ames
  • Imaxe da presentación do Plan Reactiva Ames
  • Imaxe da presentación do Plan Reactiva Ames
  • Imaxe da presentación do Plan Reactiva Ames
  • Imaxe da presentación do Plan Reactiva Ames
  • Embedded thumbnail for