Pestanas principais

Preséntase o plan principal do POS+ 2026 que está dotado de 1.548.543,37 euros para sufragar seis proxectos e gasto corrente

Luns, 02 de febreiro de 2026

Esta mañá o Goberno municipal presentou a proposta que vai a levar ao pleno extraordinario deste mércores, 4 de febreiro, para participar no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concello) “POS+ 2026” da Deputación provincial da Coruña. O plan principal (Achega 2025 e Achega 2026) está dotado de 1.548.543,37 euros para sufragar seis proxecto e gasto corrente. Ademais, dentro do plan complementario inclúense 21 proxectos. Algúns deste proxectos poderanse executar en función do remanente que se lle asigne ao Concello de Ames a través de plans adicionais. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.

O alcalde de Ames, Blas García, destacou que “neste primeiro plan único dispoñemos dunha contía de 1.548.543,37 euros, que van destinados na súa totalidade a obras e 400.000 euros van destinados a gasto corrente. Anteriormente, xa aprobamos inicialmente no pleno ordinario do pasado mes de decembro unha partida, que tamén forma parte do plan único, de máis de 150.000 euros destinados a gasto social, polo que o importe total ascendería a 1.730.724,94 euros. Ademais, a Deputación vai aprobando varios plans adicionais que nos permiten ir executando obras incluídas no plan complementario. No ano 2025 todo o financiamento que tivemos da Deputación da Coruña para obras vinculadas ao plan único foron de 3 millóns de euros”.

O rexedor municipal incidiu en que “nesta proposta que se vai a presentar no pleno extraordinario desta semana seguimos a liña dos últimos plans que é repartir a contía que temos destinada a investimentos en tres partes: núcleo do Milladoiro, núcleo de Bertamiráns e rural de Ames. Neste caso, se temos en conta os 27 proxectos dos plans principal e complementario, que suma máis de 5 millóns de euros, destinase o 22,25% á localidade do Milladoiro, 17,81% ao núcleo de Bertamiráns, e o 52,46% ao rural. Deste xeito, máis do 50% destes proxectos de obras e de investimentos deste plan vai para o rural do concello porque dende que gobernamos a nosa aposta principal é mellorar os 120 núcleos rurais con diferentes actuacións de saneamento, canalización de pluviais, abastecemento, mellorando os camiños interiores, etc”.

“Ademais imos facer obras no Milladoiro e en Bertamiráns. No Milladoiro vaise a executar un investimento dirixido ás familias que é o arranxo e mellora do parque infantil da rúa Pardiñeiros, que xa se cubriu hai uns anos con fondos da Deputación. Agora o que se vai a facer é modernizalo e meter máis xogos. En Bertamiráns, dentro do plan de humanización da avenida central do núcleo, vaise a continuar acondicionando as beirarrúas da avenida da Maía. Esta renovación das beirarrúas estase facendo por tramos, xa se realizou un tramo, e na actualidade vaise a licitar o segundo tramo que vai dende a praza de Chavián ata o límite con Brión, e vaise a continuar con este proxecto a través do POS+ 2026”.

Por último, puxo en valor que “nos tempos actuais que un Concello como o de Ames reciba da Deputación da Coruña en 2025 unha contía de 3 millóns de euros para facer investimentos hai que destacalo, sobre todo neste momento no que os recursos que recibimos os Concellos son escasos. Cada vez se nos atribúen máis funcións, pero non veñen acompañadas de recursos e apoio económico. Nese punto véxome na obriga de facer unha critica á Xunta de Galicia ,xa que o fondo de cooperación é igual todos os anos, levamos dez ou doce anos nos que recibimos a mesma contía, en cambio si vemos que por parte da Deputación se fai un reparto equitativo e igual para todos os Concellos en base a uns criterios. O reparto que fai a Xunta non é nin equitativo nin ten uns criterios que coñezamos todos e está deixando fóra aos Concellos de máis de 30.000 habitantes”.

Proxectos POS+ 2026
O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, foi o encargado de explicar os proxectos que se inclúen na proposta do POS+ 2026. “Na Achega 2025 van 4 obras: a pavimentación de viarios en Agro do Muíño e dous viarios en Ortoñiño; e a pavimentación do viario de acceso a Leboráns, en Trasmonte, ata a estrada de Bertamiráns a Negreira. Tamén se vai acondicionar o parque infantil de Pardiñeiros, no Milladoiro. Neste caso o que se vai facer é sacar todo o caucho e meter céspede artificial e tamén meteremos xogos para máis idades, temos uns parques que están moi pechados en idade e imos meter dous xogos ata 12 anos. Meteremos tamén taboleiros de xadrez e algúns xogos no chan e meteremos un circuíto viario dentro do propio parque. Ademais, acondicionaranse as beirarrúas na avenida da Maía, en Bertamiráns. A través do POS+ 2025 acababamos xa co arranxo das beirarrúas en dirección Brión e agora co POS+ 2026  acondicionaremos as beirarrúas dirección Santiago, concretamente imos arranxar o lado esquerdo ata camiño de Paraxó, máis ou menos”.

“Por outra banda, na Achega 2026 inclúese o viario de Quintáns a Cortegada, na Ameixenda. Neste proxecto vai incluído outro viario en Mercuto, que saíu dunha reunión cos veciños que nos solicitaron. Incluímos tamén a estrada que vai do primeiro tramo de O Lombao - Covas, onde acabamos agora coa mellora da seguridade viaria e tamén incluímos neste proxecto un viario en Ventosa, que tamén o solicitaron nunha reunión os propios veciños. Ademais, inclúese a pavimentación en Guimaráns, esta é unha zona onde se está desfacendo a estrada dende a rotonda do cruce da Bola ata onde están facendo novas vivendas en Guimaráns. Neste caso imos facer todo ese tramo de estrada, metemos aquí toda a entrada, todos os interiores tamén do viario de Castrigo, e a entrada da aldea de Costoia, que está tamén bastante mal e imos facela nova”.

“No POS principal o que incluímos son moitas obras de mantemento, apostamos máis polo mantemento que por obras novas, porque non é só facer novo, que iso está moi ben, pero tamén hai que manter o existente. E despois presentamos un POS complementario moi amplo de máis de 3 millóns de euros, case 4, onde vai un pouco de todo, fixemos proxectos con camiños solicitados por veciños, camiños que nos solicitaron os grupos políticos municipais no pleno, fixemos todo un refundido con zonas novas e obras en practicamente todas as parroquias do concello, que ao longo do ano iremos incluíndo nos seguintes POS adicionais que vaian saíndo”.

Achega provincial de 2025 e 2026 
O plan principal (Achega 2025 e Achega 2026) está dotado de 1.548.543,37 euros para sufragar seis proxecto e gasto corrente. 

Deste xeito, con cargo á Achega provincial de 2025 vanse a sufragar catro proxectos: a pavimentación de viarios en Agro do Muíño e outro (229.991,04 euros); a pavimentación de viarios de acceso a Leboráns (43.128,84 euros); a mellora e acondicionamento do parque da rúa Pardiñeiros, no Milladoiro (299.908,06 euros); e mailo acondicionamento das beirarrúas na avenida da Maía (224.016,44 euros). Estes catro proxectos suman un importe total de 797.044,38 euros.

Ademais, o Concello de Ames sufragará dúas actuacións a través da Achega provincial de 2026, que está dotada de 351.498,99 euros: a pavimentación do viario en Guimaráns e outros (165.112,16 euros); e a pavimentación do viario Quintáns-Cortegada e outros (186.386,83 euros). Por outra banda, dedícanse 400.000 euros a gasto corrente.

Plan complementario de 2026
O Plan complementario de 2026 inclúe investimentos financeiramente sostibles. Neste plan inclúense 21 proxectos que contan cun orzamento base de licitación total de 3.796.780,91 euros. Ese plan complementario contempla actuacións nas parroquias de Ames, Biduído, Bugallido, Trasmonte, Tapia, Agrón, Ortoño, Covas, O Milladoiro e Bertamiráns.

Deste xeito, inclúense obras da pavimentación de viarios na aldea de Pedrouzos (327.094,01 euros); a mellora da seguridade viaria de Costoia-A Moniña e outro (232.289,80 euros); a execución de obras de drenaxe transversal (ODT) en Pedras (53.241,28 euros); o reforzo de infraestruturas do plan especial para dotación escolar no Milladoiro (289.847,95 euros); a mellora de viarios nas Buceleiras (176.284,95 euros); o acondicionamento do entorno recreativo da urbanización de As Mimosas (76.192,08 euros); e a mellora da seguridade viaria no acceso de Sorribas (97.971,73 euros).

Ademais, contémplase a mellora da seguridade viaria en Trasmonte-Sorribas (145.935,93 euros); a mellora da seguridade viaria dende Frenza ata a capela da Madalena en Tapia (153.967,51 euros); a pavimentación do viario Calo-A Garea e outro en Agrón (81.119,30 euros); a pavimentación de viarios no núcleo de Oca en Ames (206.033,48 euros); a mellora da seguridade viaria no núcleo de Sisalde (166.514,72 euros); a pavimentación da rúa Cereixos, no Milladoiro, e outra (137.444,88 euros); e os arranxos no Centro de formación do Concello de Ames (335.673,49 euros).

Por último, dentro do plan complementario recóllese o acondicionamento de marxes en Castelo-Lombao e outros (177.953,99 euros); o acondicionamento da Travesía do Pedregal en Bertamiráns (164.968,97 euros); a pavimentación do viario de acceso a Casanova, en Biduído, e outro (103.071,21 euros); a pavimentación de viarios en Ortoñiño (181.678 euros); o acondicionamento da Travesía da Moa, Eira de Abaixo e Seidón, no Milladoiro (159.753,11 euros); a substitución da cuberta no polideportivo de O Milladoiro (227.341,91 euros); e o acondicionamento da rúa Travesa, no Milladoiro (302.402,61 euros).

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Ames dedica a obras en el rural el 52% de los fondos de planes de la Diputación"

La Voz de Galicia: "O Milladoiro tendrá plan de movilidad tras reducir 10.000 coches en la N-550"

Preséntase o plan principal do POS+ 2026 que está dotado de 1.548.543,37 euros para sufragar seis proxectos e gasto corrente

Multimedia

  • Preséntase o plan principal do POS+ 2026 que está dotado de 1.548.543,37 euros para sufragar seis proxectos e gasto corrente
  • Preséntase o plan principal do POS+ 2026 que está dotado de 1.548.543,37 euros para sufragar seis proxectos e gasto corrente
  • Preséntase o plan principal do POS+ 2026 que está dotado de 1.548.543,37 euros para sufragar seis proxectos e gasto corrente
  • Preséntase o plan principal do POS+ 2026 que está dotado de 1.548.543,37 euros para sufragar seis proxectos e gasto corrente
  • Preséntase o plan principal do POS+ 2026 que está dotado de 1.548.543,37 euros para sufragar seis proxectos e gasto corrente