Pestanas principais

Preséntase o Plan de Incendios para o ano 2022, cun mes de antelación como medida preventiva

Venres, 03 de xuño de 2022

O Concello de Ames presentou este xoves o Plan de Incendios para o ano 2022, no que quedan recollidos os pasos a tomar segundo a magnitude do lume e da situación de emerxencia, así como os medios dos que dispón o Concello, os diferentes grupos de intervención e os contactos e teléfonos das persoas e grupos que forman parte do dispositivo. A presentación do plan adiantouse con respecto a anos anteriores de xeito preventivo, debido aos varios lumes que sufriu Ames ao longo da primeira metade de 2022.

O Concello de Ames xa conta cun Plan de Incendios para este 2022, un dispositivo con pequenas modificacións con respecto a anos anteriores e que busca continuar coa coordinación e a implicación de todas as persoas e grupos implicados. O plan recolle ata cinco grupos de intervención con tarefas diferenciadas, actuacións segundo a categoría de lume sinalada no correspondente PEIFOGA, así como un inventario de medios e contactos de persoal municipal, así como a súa dispoñibilidade.

A presentación do dispositivo tivo lugar este xoves no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, coa asistencia dunha importante representación das agrupacións e persoas implicadas na prevención de lumes. Conduciron o acto o alcalde de Ames, Blas García, e o concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Manuel Lens, acompañados dos concelleiros e concelleiras das áreas implicadas, así como de representantes da Policía Local, da Protección Civil, do Distrito Forestal III e do conxunto de empresas privadas que aportan medios e material ao Concello.

“O máis importante é que a xente se coñeza e saiba que facer en caso de emerxencia, e con que medios contamos para poder actuar. Da mesma maneira que o 2021 foi un ano tranquilo no que respecta aos incendios, no que vai de 2022 xa levamos ao menos 7 lumes, e estamos preocupados aínda que foran de tamaños pequenos”, sinalou o concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Manuel Lens, que esperou que o dispositivo manteña “a todo o mundo implicado e a alerta”.

Pola súa banda, o alcalde de Ames, Blas García, explicou que a recente vaga de lumes ao longo da primavera foi o motivo de presentar o plan a comezos de xuño, cando o habitual é que se faga en xullo, e destacou a importancia de “manter a coordinación”. “Nos últimos anos non sufrimos moitos incendios, pero como comentabamos nunha reunión que mantivemos co director xeral de Defensa do Monte, agora pasamos por unha racha importante de lumes nunha mesma zona, e esa é unha das razóns pola que adiantamos este plan. É importante coordinar, saber que medios temos e poñernos cara”.

Coordinación dos grupos de intervención e listaxe de medios materiais

O Plan de Incendios recolle e organiza os medios persoais e materiais cos que conta o Concello de Ames para actuar de forma rápida e eficaz fronte aos posibles incendios forestais que poidan desenvolverse no concello.

Deste xeito, establécense cinco grupos de intervención con tarefas diferenciadas. Son o grupo de traballos preventivos, formado polo persoal de medio ambiente; o grupo de intervención, no que colaboran o Distrito III, a Policía Local, a Protección Civil e a brigada de medio ambiente; o grupo de loxística, formado pola Policía Local, a Garda Civil, a Policía Autonómica, a brigada de obras, o persoal CECOPAL, a Protección Civil e o GES-Brión; o equipo sanitario e de acción social, que inclúe persoal de servizos sociais e voluntariado, e o grupo de transmisións e coordinación operativa, formado polo persoal de informática e prensa.

Ademais, o plan recolle unha listaxe de servizos e medios materiais de xestión privada, coa súa respectiva dispoñibilidade para o Concello. O inventario inclúe camións e tractores cisterna, autobuses e transporte adaptado, ou servizos de xestión de augas ou de comunicacións. Como novidade, este ano incorpóranse ao dispositivo unhas ligazóns a Google Maps aportadas pola Protección Civil, no que se indican as localizacións dos hidrantes do Concello e das súas chaves e bocas.

Protocolo a seguir en caso de incendio

No protocolo establécense, ademais, tres tipos de situacións de emerxencia, segundo a magnitude do lume, os bens forestais e de natureza non forestal aos que afecten e as necesidades e medios que se precisen para atallalo. As situacións segundo o nivel en que se atope o lume son pre-alerta, alerta e emerxencia, establecidas segundo a situación do PEIFOGA. O plan define cada unha das fases e os pasos a seguir en cada unha delas.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames anticipa la presentación del plan de incendios como medida para prevenirlos"

El Correo Gallego: "Adelantan los protocolos del Plan de Incendios por la ola de fuegos sufridos"

Enfoques: "El Concello de Ames presenta su Plan de Incendios con un mes de antelación como medida preventiva"

Preséntase o Plan de Incendios para o ano 2022, cun mes de antelación como medida preventiva

Multimedia

  • Preséntase o Plan de Incendios para o ano 2022, cun mes de antelación como medida preventiva
  • Preséntase o Plan de Incendios para o ano 2022, cun mes de antelación como medida preventiva
  • Preséntase o Plan de Incendios para o ano 2022, cun mes de antelación como medida preventiva
  • Preséntase o Plan de Incendios para o ano 2022, cun mes de antelación como medida preventiva