- Tematica
Esta mañá a biblioteca de Bertamiráns acolleu a presentación do cómic O misterio das pintadas invisibles, creado por Tomás Guerrero con motivo do 8M. Esta banda deseñada é froito da colaboración entre as Bibliotecas municipais e mailo departamento de Mocidade. Editáronse 1.600 exemplares desta banda deseñada. Unha parte dos cómics serán repartidos entre todo o alumando que cursa estudos de primeiro a cuarto da ESO do IES de Ames, en Bertamiráns, e do IES do Milladoiro. Outros 300 exemplares repartiranse nas bibliotecas entre as usuarias/os que estean interesadas. Esta actividade enmárcase dentro da programación elaborada con motivo do 8M.
O misterio das pintadas invisibles é unha banda deseñada creada por Tomas Guerrero con motivo do 8M e para darlle visibilidade á muller entre á mocidade amesá. Cóntase unha historia que sucede en Ames e na que se narra o misterio dunhas pintadas que aparecen en edificios singulares do concello. Tomás Guerrero é escritor de bandas deseñadas, ilustrador e animador 3D, que conta historias a través de imaxes e traballa neste sector dende 1995, con empresas a nivel nacional e internacional.
Editáronse 1.600 exemplares desta banda deseñada. Farase un reparto entre todo o alumando que cursa estudos de primeiro a cuarto da ESO do IES de Ames, en Bertamiráns, e do IES do Milladoiro. Esta mañá entregáronse os cómics nos institutos para que posteriormente se realice dito reparto. Outros 300 exemplares repartiranse nas bibliotecas de Bertamiráns e do Milladoiro, entre as usuarias e usuarios que estean interesadas. Esta actividade enmárcase dentro da programación elaborada con motivo do 8M.
Este cómic está dirixido ao público xuvenil, por iso se realiza un amplo reparto entre o alumnado da ESO. Ademais, é unha forma de dinamizar o fondo de banda deseñada que existe nas bibliotecas municipais e tamén de fomentar o traballo sobre cuestións de xénero nos centros escolares. Esta banda deseñada foi presentada esta mañá na biblioteca de Bertamiráns. En dita presentación participaron a concelleira responsable do servizo de Bibliotecas municipais, Natividade González, a concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, o autor da obra, Tomás Guerrero, a técnica da OMIX, Pili Villaverde, e mailo axudante técnico de biblioteca, Xoan Manuel Pérez.
Este cómic nace da colaboración entre as Bibliotecas municipais e maila Concellaría de Mocidade e Normalización Lingüística. Precisamente, a concelleira de Cultura e responsable do departamento das Bibliotecas municipais, Natividade González, explica que “este proxecto nace froito da colaboración entre os departamentos de Bibliotecas e Mocidade. Trátase dun libro de banda deseñada que encaixa a perfección nas nosas bibliotecas e para fomentar a igualdade entre a nosa mocidade, por iso se enmarca dento da programación do 8M deste ano. Cremos que esta banda deseñada pode axudar a visibilizar a temática da igualdade de xénero e a potenciar os fondos de banda deseñada da biblioteca”.
A concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, destacou que “para intentar conseguir que a igualdade sexa real e efectiva, dende as Administracións temos que facer iniciativas deste tipo. A igualdade é un tema transversal e deste xeito xurdiu a oportunidade de traballar coas Bibliotecas municipais para tratar de chegar ao sector da mocidade. Xurdiu a idea de achegar referentes, que son moi necesarios en certas idades, a través dun formato atractivo para as mozas e mozos como é a banda deseñada. Consideramos que a banda deseñada é un formato acaido para o público ao que vai dirixido. Seguramente moitas mozas e mozos se van identificar coa historia que se conta”.
Obradoiro de banda deseñada
Ademais, o autor deste cómic, Tomás Guerrero, impartirá un obradoiro de banda desañada nas bibliotecas municipais que están dirixidos á rapazada da ESO e de 3º a 6º de primaria. Os talleres desenvolveranse no Milladoiro o venres 11, ás 17:30 horas, para nenas e nenos de 3º a 6º de primaria e ás 19:30 horas para o alumnado da ESO.
En Bertamiráns, as sesións terán lugar o sábado 12, ás 10:30 horas para cativada de 3º a 6º e ás 12:30 horas para as mozas e mozos da ESO. Ata o 9 de marzo, pódese reservar praza a través do enderezo electrónico biblioteca@concellodeames.gal, ou ben a través do teléfono indicado para cada centro: para a biblioteca do Milladoiro, o 981 53 08 07, mentres que no caso de Bertamiráns, o 981 88 48 29.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Presentan un novo cómic de Guerrero para este 8M"