Pestanas principais

Preséntase o libro CD “Cousas de Papá” na Biblioteca de Bertamiráns

Martes, 20 de decembro de 2016

[20-12-2016] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Educación e Cultura, convida á veciñanza amesá á presentación do libro-disco: “Cousas de papá” de Raúl Goméz Pato con ilustracións de Blanca Barrio e música de Héctor Lorenzo. O acto, no que está confirmada a presenza de Héctor Lorenzo, terá lugar este venres, 23 de decembro, ás 17:30 horas, na Biblioteca de Bertamiráns. Ao remate, o propio Héctor Lorenzo cantará varias cancións do libro acompañado da guitarra. Esta presentación enmárcase dentro da programación con Apego do Concello de Ames e das actividades postas en marcha polas bibliotecas municipais.

Trátase dun libro que contén dezasete poemas para os lectores e as lectoras máis novas. Cousas de papá, así se titula o libro de Raúl Gómez Pato, que conta con ilustracións de Blanca Barrio e música de Héctor Lorenzo. Este libro xa se pode atopar nas librarías de Ames da man Edicións Xerais.

É un libro de poemas escritos por un pai algo tolo e moi divertido, que viaxa en vasoira, constrúe hidroavións de papel, escorrenta os pesadelos e domina á perfección a linguaxe da fantasía. Das dezasete composicións que conforman o poemario, dez están musicadas por Héctor Lorenzo no CD que acompaña o libro. Ademais contan con colaboracións de Ana Domínguez Senlle, Lucia da Fonte, Manolo Carballo, Paulo Silva, Sergio Tannus, Quim Farinha e Uxía.