Pestanas principais

Preséntase o III Plan municipal de igualdade de oportunidades que se centra na conciliación, flexibilización e corresponsabilidade entre homes e mulleres

Xoves, 09 de marzo de 2017

[09-03-2017] Este pasado mércores, 8 de marzo, o goberno municipal presentou o terceiro plan de igualdade de oportunidade entre mulleres e homes e mailo programa "Falemos de Saúde" durante o acto de conmemoración do Día Internacional da Muller, que se desenvolveu no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. O goberno destacou a figura dunha muller amesá coma, Filomena Fraga, que foi a encargada de dar lectura ao manifesto da corporación municipal. Ademais, actuaron os grupos de pandereteiras das parroquias de Bugallido, Ameixenda e Trasmonte, pertencentes ao programa municipal Amessan, e mailo coro de mulleres Son Elas. Premendo na ligazón que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o manifesto da corporación do Concello de Ames con motivo do Día Internacional das Mulleres.

A sala de exposición do segundo andar do Pazo da Peregrina quedou pequena para albergar o acto co que o Concello de Ames conmemorou o Días das Mulleres. Este acto estivo dirixido e presentado pola asesora xurídica do Centro de Información á Muller, Maite Arufe. Foi un acto ameno e emotivo no que o toque musical puxérono as integrantes do coro de mulleres Son Elas e mailas pandereteiras das parroquias de Bugallido, Ameixenda e Trasmonte, pertencentes ao programa municipal Amessan.

A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, foi a encargada de facer a presentación do III Plan municipal de igualdade de oportunidade entre mulleres e homes 2017-2019. Luísa Feijóo explicou que “este terceiro plan de igualdade conta con 5 grandes áreas de actuación co seu correspondente obxectivo e 40 medidas encamiñadas a súa consecución, coa intención de que si somos quen de poñelas todas en marcha, que creo que si, farán que as mulleres e homes do noso concello teñan as mesmas oportunidades. Estas cinco grandes áreas son; gobernar en igualdade; emprego, corresponsabilidade e conciliación; educación, formación e sensibilización; benestar e participación; e compromiso na loita contra a lacra das violencias machistas”.

O alcalde de Ames, José Miñones, destacou que “con este terceiro plan de igualdade queremos expresar o compromiso que ten este goberno na loita por unha igualdade real entre homes e mulleres. Este ano quixemos dar un paso máis e presentamos un programa de saúde dirixido a mulleres. Hoxe non quero esquecer a xente máis nova coa que debemos traballar e sensibilizala porque sabemos que eles son o futuro e forman parte do motor do cambio para conseguir dita igualdade”.

Miñones engadiu “hoxe tamén é un día para a reivindicación, a reflexión, a crítica e a autocrítica, xa que aínda que a nivel lexislativo se produciron certos avances que garanten a igualdade, a realidade diaria e moi distinta porque as mulleres seguen sufrindo discriminación social, laboral e segue existindo unha importante brecha salarial. As mulleres seguen tendo ese teito de cristal á hora de conseguir determinados postos de relevancia e seguen sendo elas as que soportan as dificultades na conciliación. Por todo isto aínda queda moito camiño que percorrer e moito que avanzar neste eido”.

Programa Falemos de Saúde
Neste acto, a psicóloga do Centro de Información á Muller, Mónica Antelo, presentou o programa Falemos de Saúde, a través do cal se lle pretende inculcar á veciñanza amesá o concepto de saúde como un "valor", como unha crenza central e un dereito individual máis que unha obriga. O Concello de Ames vén desenvolvendo dende hai anos políticas de igualdade de xénero. Agora trata de dar un paso máis nesta dirección e propón para elo unha programación que abrangue os ámbitos de muller e saúde.

Deste xeito, vanse a desenvolver 12 charlas-obradoiros destinadas á promoción da saúde entre as mulleres, dende un enfoque integral, onde entre as súas actuacións se promova a saúde das mulleres ao longo do seu ciclo vital, dende un enfoque biopsicosocial. Estas actividades comezarán o vindeiro mércores 15 de marzo e impartiranse ata finais de ano. As charlas que se van impartir son: disfuncións do solo pélvico; autoestima e empoderamento; defensa persoal; sexualidade ao longo da vida; dieta saudable; o alzhéimer e outras demencias; control do estrés e ansiedade; técnicas de relaxación; a menopausia; prevención de drogodependencias; corresponsabilidade e igualdade; e adicións sen sustancia.

O goberno destacou a figura dunha muller amesá coma, Filomena Fraga, que foi a encargada de dar lectura ao manifesto da corporación municipal. O alcalde de Ames, José Miñones, e a concelleira de Igualdade, Luísa Feijóo, entregáronlle uns agasallos a Filomena Fraga en agradecemento a súa labor en defensa das mulleres de Ames. Asemade, Filomena Fraga, impartiu este mércores pola mañá unha charla sobre a súa obra A Cancela na biblioteca Carlos Nieto do IES de Bertamiráns.

Por último, cómpre destacar que a Plataforma Feminista Galega de Ames organizou este mércores ao mediodía un paro de mulleres nas prazas do Concello e da Maía, en Bertamiráns, ás que se sumaron moitas veciñas e veciños de Ames, así como persoal municipal e concelleiras e concelleiros do goberno e da corporación municipal.