[29-12-2017] A primeira edición do Torneo de Nadal de Fútbol Concello de Ames, que se celebrará os vindeiros 3 e 4 de xaneiro nos campos municipais de fútbol do Milladoiro e Bertamiráns, tivo lugar esta mañá na Casa do Concello. Organizado polo Concello de Ames, en colaboración co Bertamiráns FC, o torneo contará coa participación de 26 equipos, o que representará un total de 408 participantes. Haberá catro categorías: pre-benxamín, benxamín, alevín e infantil. O primeiro e o segundo equipo clasificado en cada categoría recibirá un trofeo colectivo. Así mesmo, todas as nenas e nenos participantes recibirán un obsequio por parte do Concello de Ames.
A presentación do primeiro Torneo de Nadal de Fútbol Concello de Ames correu a cargo do alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, quen estivo acompañado por persoal do departamento municipal de deportes. “A organización deste torneo responde a dúas motivacións: ofrecer alternativas ás familias para a conciliación e facilitar opcións para que as rapazas e rapaces continúen a practicar deporte, neste caso fútbol, durante o Nadal”, sinalou Miñones durante a presentación.
O alcalde tamén quixo destacar a amplitude da oferta deportiva e lúdica do Concello que abrangue todas as franxas de idade desde a infancia ata a mocidade. “Gustaríame recalcar, así mesmo, o carácter festivo e amistoso deste torneo, no que prima a participación fronte a competición, así como a resposta positiva que diferentes equipos da provincia mostraron ao quereren participar deste primeiro Torneo de Fútbol Concello de Ames”, engadiu Miñones.
O Torneo desenvolverase os vindeiros 3 e 4 de xaneiro nos campos municipais de fútbol do Milladoiro e de Bertamiráns. No Torneo participarán un total de 26 equipos, que aglutinarán 408 participantes de entre 7 e 13 anos. Haberá catro categorías: pre-benxamín, benxamín, alevín e infantil, que se repartirán entre os dous campos de fútbol. A arbitraxe correrá a cargo do Comité Técnico Galego de Árbitros. O primeiro e o segundo equipo clasificado en cada categoría recibirá un trofeo colectivo. Así mesmo, haberá un obsequio para todas as nenas e nenos participantes.
Competicións das categorías infantil, alevín e benxamín
O 3 de xaneiro terán lugar as competicións das categorías infantil, no campo municipal do Milladoiro, e de alevín e benxamín, no de Bertamiráns. Na categoría infantil participarán seis equipos, cun máximo de 18 xogadores por equipo. As regras para este nivel de fútbol 11 estipulan que cada parte do partido será de 30 minutos e que os cambios de xogador ou xogadora serán volantes e non contarán con restricións temporais. O primeiro partido será ás 16:00 horas, celebrándose a final ás 20:15h. A entrada de trofeos terá lugar ás 21:00 horas.
O día 3, os equipos das categorías alevín e benxamín xogarán no campo municipal de Bertamiráns, entre as 16:00h e as 19:45 horas, momento no que terá lugar a final. Os seis equipos integrantes de cada nivel competirán polo trofeo en partidos cunha duración de 25 minutos por parte. Cada un destes equipos só poderá ter un máximo de 15 participantes. A entrega de trofeos celebrarase ás 20:00 horas.
Participan 8 equipos de categoría pre-benxamín
O segundo dos días, o 4 de xaneiro, os oito equipos que conforman a categoría de pre-benxamín xogarán no campo municipal de Bertamiráns, entre as 16:00h e as 19:45 horas. Este nivel comparte as mesmas regras que as dúas categorías anteriores, por disputárense as tres na modalidade de fútbol 8. A xornada do 4 rematará ás 19:50h coa entrega de premios.
Co obxectivo de primar a participación por riba da competición, ningún equipo quedará eliminado no primeiro partido, senón que as eliminacións se realizarán en función da puntuación adquirida. Deste xeito, cada partido gañado implicará a obtención de tres puntos e cada empate a de dous.
“O Concello de Ames aposta pola repetición deste Torneo nos vindeiros anos, sobre todo vendo o éxito de participación desta primeira edición. Ademais, desde a Concellaría de Deportes valorarase a opción de dotalo de carácter solidario, como xa se vén facendo noutras actividades deportivas municipais”, destacou o alcalde de Ames, José Miñones, na presentación. Miñones tamén aproveitou a ocasión para convidar ás persoas interesadas a asistir aos partidos, que serán abertos á veciñanza.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "El Torneo de Nadal Concello de Ames reunirá a 26 equipos"
Lindeiros: "I Torneo de Nadal de Fútbol Concello de Ames"




