- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes, colabora na organización do Campus de Nadal Nuria Rábano, que se vai celebrar no Milladoiro os días 26, 27, 28, 29 e 30 de decembro. Serán cinco días de adestramentos e convivencia que se van a desenvolver nas instalacións deportivas do Milladoiro. Esta actividade, que está dirixida a nenos e nenas de entre 6 e 16 anos, realizarase de 9.00 a 14.00 horas. Impartiranse máis de 16 horas de adestramentos e haberá unha hora diaria de multideporte. As sesións de técnica serán impartidas por Nuria Rábano. As inscricións poden realizarse premendo nesta ligazón. Na actualidade hai 25 rapaces e rapazas inscritos. As inscrición poden realizarse ata este mércores, 24 de decembro.
O salón de plenos da Casa do Concello acolleu esta mañá a presentación da primeira edición do Campus pola Igualdade de Nuria Rábano, que se vai a celebrar do 26 ao 30 de decembro no Milladoiro. No acto de presentación participaron a concelleira de Deportes, Susana Señorís; a organizadora do campus e xogadora profesional de fútbol do Utah Royals, Nuria Rábano; o técnico municipal de deportes; Alberto Viaño; e Julián Domínguez, de Koben Sports, empresa organizadora do campus.
A concelleira de Deportes, Susana Señorís, mostrou a súa satisfacción porque “conseguimos que fose adiante este campus. Nuria Rábano é veciña do Milladoiro e parece que non dabamos asentado un campus para que ela estivese cos veciños e veciñas de Ames. Todos sabemos o percorrido que tivo Nuria e moitas veces non se lle dá a importancia que se merece. Desexamos que o campus sexa todo un éxito e o primeiro de moitos, e que se abra cada vez máis o mundo do fútbol para as mulleres. Nuria loitou polo seu soño e conseguiuno. Animo a todos os rapaces e rapazas a apuntarse. Non só é fútbol, o deporte achega moitos valores. É unha boa forma de pasar as mañás destes días de Nadal”.
Nuria Rábano explicou “a verdade é que levaba moito tempo esperando poder facer este campus. Dou as grazas a meu pai por conseguir esta oportunidade. A Koben Sports e a Nagore por esta axuda. A día de hoxe teño que agradecer a axuda en todos os lados para que os nenos e nenas fosen conscientes de que chegou o campus. Espero que poida seguir moito máis tempo. Espero que desfruten os nenos e nenas no campus”.
Julián Domínguez, de Koben Sports, empresa organizadora do campus, dixo “estou agradecido por poder abrir as portas deste campus. Os rapaces e rapazas poderán adestrar polas mañás no Milladoiro. Ao final o fútbol é un vehículo para transmitir moitos valores. O obxectivo é formar e educar a través do fútbol. Ademais de fútbol haberá multideporte polas mañás para que desfruten e vaian a casa moi contentos. Nesta época queremos que desfruten e o leven de recordo como un regalo. Que estea Nuria é vital. Ata o mércores 24 aínda se poden tramitar novas inscricións”.
Metodoloxía do campus pola Igualdade de Nuria Rábano
Este campus de Nadal é unha boa forma de continuar cos adestramentos dunha forma profesional e con adestradores/as cualificados. A metodoloxía do campus basease en poñer ao xogador/a como eixo do programa. Ofrécese aos/as mozas a autonomía que necesitan para o seu día a día: normas, compromiso, traballo en equipo, e fútbol, moito fútbol.
O campus celebrarase os días 26, 27, 28, 29 e 30 de decembro. Serán cinco días de adestramentos e convivencia que se van a desenvolver nas instalacións deportivas do Milladoiro. Esta actividade, que está dirixida a nenos e nenas de entre 6 e 16 anos, realizarase en horario de 9.00 a 14.00 horas.
Impartiranse máis de 16 horas de adestramentos e haberá unha hora diaria de multideporte. As sesións de técnica serán impartidas por Nuria Rábano. Cada participante recibirá un kit de adestramento e terá incluído un seguro de accidentes e un almorzo diario. Tamén haberá diversos sorteos, regalos e sorpresas.
O prezo para os/as xogadores/as do Milladoiro SD é de 60 euros, mentres que para outros rapaces e rapazas a cota de inscrición é de 80 euros. As familias que inscriban a máis dun fillo/a terán un desconto do 5% no segundo membro. As inscricións xa están abertas e poden tramitarse premendo nesta ligazón.
Novas relacionadas:
Ames Go: "O Campus pola Igualdade de Nuria Rábano vaise celebrar do 26 ao 30 de decembro no Milladoiro"











