Pestanas principais

Preséntase no campo do Milladoiro o terceiro Campus da Fútbol de Fundación Celta en Ames

Xoves, 09 de xuño de 2016

[09-06-2016] Esta mañá o campo de fútbol do Milladoiro acolleu a presentación do Campus de Fútbol da Fundación Celta de Vigo, que se desenvolverá nestas instalacións entre 27 de xuño e o 1 de xullo. Á presentación acudiron o alcalde de Ames e concelleiro de Deportes, José Miñones, o director da Fundación Celta de Vigo, Germán Arteta, o presidente do Milladoiro SD, Vicente “Checho” González, o presidente da Peña Celtista do Milladoiro, Brais Alonso, e mailo responsable dos campus do Celta de Vigo, Alex Abalde.

É a terceira vez que o RC Celta de Vigo organiza este campus en Ames, e tamén a terceira na que conta co apio do Milladoiro SD para facelo. Ao longo de cinco mañás, en horario de 10:00 a 14:00 horas, rapaces e rapazas poderán traballar baixo as ordes de adestradores titulados e licenciados da disciplina do club. “Non só traballaremos con conceptos relacionados co fútbol en si, senón tamén en aspectos como o traballo en equipo, a integración ou o respecto mutuo”, explicou Germán Arteta. Todo isto sen deixar de lado en ningún momento o aspecto lúdico do deporte. Eses sons algúns dos obxectivos principais dos Campus de Fútbol da Fundación Celta de Vigo, dirixidos a nenas e nenos de entre 4 e 16 anos.

“O derradeiro día do campus, o venres 1 de xuño”, engadiu o director da fundación, “as familias, amigos e amigas dos participantes están convidados a vir para compartir unha comida”. Nesa última xornada repartiranse os diplomas aos rapaces e rapazas, quen recibirán ademais a visita de xogadores do club que lles falarán da súa experiencia. Algúns dos participantes terán a oportunidade de optar a unha beca para unha xornada de adestramento nas instalacións do RC Celta de Vigo.

Esta iniciativa xa tivo unha boa acollida nas súas dúas primeiras edicións, e en palabras do presidente da SD Milladoiro “nótase outra vez o interese a raíz de todas as chamadas que nos chegan”. En total ofértanse 80 prazas, cuxa solicitude permanecerá aberta até unha semana antes do comezo do propio campus. A matrícula pódese realizar de xeito telemático nesta ligazón: http://campus.fundacioncelta.com/a-coruna/ ou descargando e cubrindo o documento que podes obter a túa dereita, baixo o apartado de descargas. O documento escaneado deberase enviar ao enderezo info@fundacioncelta.com.

José Miñones agradeceu aos representantes do RC Celta de Vigo a presenza do club un verán máis no concello de Ames “onde apostamos moi forte polo deporte de base”. Engadiu que “esta é unha gran oportunidade para os xogadores e xogadoras, que acoden encantados”.

O prezo xeral do campus é de 130 euros, cun desconto para para os futbolistas e as futbolistas non só do Milladoiro SD, senón tamén para todas aquelas persoas con domicilio en Ames. Para eles e elas o prezo de matrícula é de 115 euros. Poderán optar así mesmo ao desconto as persoas membros da Fundación Celta de Vigo, subscritoras do RC Celta de Vigo, os irmáns ou irmás que se anoten xuntos, os fillos/as de traballadores/as de Critroen, Coca-Cola, Iberian Partners, Copasa, Recalvi, Estrella Galicia, Frutas Nieves, Deputación de Pontevedra, Inditex, Las siete torres ou do Concello de Vigo. A matrícula inclúe, ademais da equipación do campus, un seguro médico con Adeslas.

Recoméndase a todos os rapaces e rapazas que acudan cunhas botas de fútbol (multitaco con tacos de goma), unha toalla de aseo, champú e xabón, unhas chanclas, unha muda, unha gorra e crema de protección solar. A media mañá daráselles un refrixerio ás persoas participantes, acompañado de auga e de bebidas isotónicas.