[02-12-2015] Este mércores, 2 de decembro, realizouse a presentación do acordo ao que chegaron o Bertamiráns FC e o RC Deportivo, que se formalizou a través dun convenio de colaboración, que se levaba xestando dende fai un tempo, e que terá unha duración inicial de tres anos. O alcalde de Ames, José Miñones, recibiu na Casa do Concello ao presidente do equipo aurinegro, Rafael Budiño, ao secretario técnico de fútbol base do Bertamiráns, Sergio Penas, e ao director de formación do RC Deportivo, Alberto Gil Gálvez, que acudiu como representante do club herculino.
Na rolda de prensa, que tivo lugar ás 12:00 horas da mañá na Casa do Concello, presentáronse algúns dos obxectivos deste acordo que, como expresou Rafael Budiño, agárdase ''que dure moitos anos''. José Miñones introduciu ao Concello como ''o intermediario deste acordo. O alcalde de Ames incidiu en que, dende o consistorio, darase apoio ao equipo ''dentro das nosas posibilidades'', entre as que se atopa a planificación da construción dun novo campo de fútbol para os adestramentos do Bertamiráns FC.
O secretario técnico de fútbol base do Bertamiráns, Sergio Penas, sumouse ás palabras ditas polo presidente do Bertamiráns FC expresando o seu desexo de que o convenio se prolongue durante moitos anos e engadiu que isto faise ''polos rapaces, que son os que teñen a ilusión de chegar algún día a xogar en Primeira División''. Para o técnico amesán ''aínda que non todos os rapaces que vaian probar co Deportivo queden no equipo herculino seguirá sendo unha gran experiencia para eles''.
O convenio de colaboración consta de cinco aspectos fundamentais que articularán a colaboración entre ambos clubs: as reunións técnicas entre os adestradores do RC Deportivo e o Bertamiráns FC; a organización dun campus conxunto (evento que o club amesán leva celebrando dende fai cinco anos) con xogadores do RC Deportivo; a presenza de persoal do Deportivo nas instalacións amesás para seguir de preto o traballo dos xogadores; e a asistencia gratuíta dos rapaces do Bertamiráns FC aos partidos de competición que se celebren en Riazor. Ademais os xogadores amesáns visitarán de forma periódica as instalacións do Deportivo, nas que realizarán probas para un seguimento máis intensivo da súa evolución.
O interese na canteira do Bertamiráns FC por parte do club herculino xa se formalizou en varias ocasións. Como resaltou o director de formación do RC Deportivo, Alberto Gil Gálvez, ''sabemos que aquí hai talento''. Catro ex-xogadores do Bertamiráns FC militan na actualidade en distintas categorías branquiazuis: Hugo Novoa, Pablo Porúa, Jorge Queiruga e Yago García, algo que, como indica o director de formación ''xa é un éxito''.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Firmado el convenio entre el Bertamiráns y el Deportivo"