Pestanas principais

Preséntase a II Andaina e Carreira da Familia en beneficio da Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (ASANOG)

Mércores, 19 de setembro de 2018

[19-09-2018] Esta mañá presentouse na Casa da Cultura do Milladoiro a II Andaina e Carreira da Familia en beneficio de ASANOG. Este ano como novidade, ademais de carreira, poderase participar nunha andaina de 3 quilómetros. Na presentación estiveron o alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, a concelleira de Servizos Sociais, Luísa Feijóo, dúas representantes de ASANOG, Mercedes Fernández e Alba Álvarez, o presidente do Club de atletismo MillaRaio, José David García, e mailo director técnico da delegación en Santiago da Federación Galega de Atletismo, Jesús Silva. O evento solidario deportivo celebrarase este sábado, 22 de setembro, a partir das 17:00 horas, na Travesía do Porto do Milladoiro.


O evento consistirá nunha andaina e carreira “simbólica” de tres quilómetros a través das rúas do Milladoiro e contará, tamén, con actividades lúdicas para toda a familia entre as que destacan unha festa con DJ, inchables, animación, obradoiros, premios e sorteos. A xornada comezará ás 17:00 horas, coa entrega de dorsais na propia carpa da organización. Este ano, como novidade, cámbiase o percorrido do circuíto para que sexa máis plano, e deste xeito, máis axeitado para todos/as os/as participantes. A proba discorrerá pola Travesía do Porto, a parte baixa do polígono Novo Milladoiro, a estrada que vai cara Ventín, para volver ao aparcadoiro da Travesía do Porto, onde estará situada a liña de meta.

Ás 17:30 darán inicio as actividades cunha sesión de música, animación e baile. Ás 18:00h haberá sesión de quecemento en grupo, para ás 18:15h comezar a Andaina e Carreira da Familia. Percorrerase un circuíto de 3 quilómetros co obxectivo de que todos os integrantes das familias participantes poidan disputar a proba sen carácter competitivo. A partir das 18:45 h terán lugar actividades lúdicas para toda a familia, con inchables e xogos. Finalmente, ás 19:30h será o final de festa cun sorte de agasallos e a entrega dos premios.

O alcalde de Ames e concelleiro de Deportes, José Miñones, destacou durante a presentación “búscase que non só sexa un evento benéfico no tocante á recadación, senón tamén festivo en cando ao seu desenvolvemento, de aí que o puxésemos como andaina e non só como carreira”. Asemade, destacou o carácter benéfico do acto: “aqueles que pola razón que sexa, estean lesionados ou teñan algún impedimento para poder vir, poden colaborar igualmente a través da páxina web, facendo ese donativo no dorsal 0. Tamén hai que destacar o feito de que haberá actividades lúdicas, que non só é unha carreira”.

A concelleira de Sanidade e Servizos Sociais, Luísa Feijóo, tamén destacou o carácter familiar e benéfico desta carreira-andaina. “É unha forma estupenda de poder colaborar con unha asociación formada por familias de nenos oncolóxicos, e un xeito de en familia, colaborar e pasalo ben. O obxectivo é concienciar e sensibilizar, pero dun xeito lúdico”.

Pola súa banda, unha das representantes de ASANOG, Mercedes Fernández, agradeceu ao Concello de Ames a organización deste evento solidario. “O sábado instalaremos unha mesa no aparcadoiro da Travesía do Porto, para vender mercandaising, así como produtos que as nais e os nenos foron facendo no seu tempo libre. Agradécese que todo o mundo queira aportar ese gran de area, porque Asanog só, non faría todo o que está facendo, sen axuda das persoas que veñen a estes eventos, porque elas tamén nos axudan a sacalos adiante”.

O prazo de inscrición remata mañá 20 de setembro
A participación está aberta a todo o mundo, e este ano, para animar a máis familias tamén se pode participar cunha andaina con participantes de calquera idade. Os participantes menores de 10 anos deberán ir obrigatoriamente acompañados dun adulto. A participación será individual ou en familias monoparentais ou de máis integrantes, compostos por avós/avoas ou pai/nai e fillos/as.

Toda a recadación do día irá destinada a Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (ASANOG), unha asociación sen ánimo de lucro que nace en 2012 para contribuír no ámbito da nosa comunidade a mellorar o estado dos nenos oncolóxicos e as súas familias. As persoas interesadas en participar desta II Andaina-Carreira da Familia poden inscribirse, ata mañá xoves, 20 de setembro, ás 23.59 horas, a través da páxina web www.carreirasgalegas.com. Picando nesta ligazón podes acceder directamente ao apartado de inscricións.

Aínda así, reservaranse varios dorsais por se algunha persoa desexa inscribirse o propio día da carreira. O prezo da inscrición é de 5€ por participante adulto (ata o 18 anos) e de 2€ por participante menor de 18 anos (ata os 8 anos). Ademais, na propia páxina web de Carreiras Galegas tamén existe a opción “Dorsal O”, destinado a aquelas persoas que queiran colaborar ou doar diñeiro á asociación, sen ter que participar da carreira.

Por último, o presidente do Club de atletismo MillaRaio, José David García, incidiu en que “a xente veña cunha idea non competitiva, a idea principal é que veña a familia a correr, a andar ou o que poida, pero en definitiva a pasalo ben, que a competición non é o importante”. Ademais, Jesús Silva, director técnico da delegación en Santiago da Federación Galega de Atletismo, apuntou que “a distancia é axeitada para todo tipo de persoas con independencia da forma física de cada un”.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "A II Andaina e Carreira da Familia, o sábado en Ames"
Compostela 24 horas: "Ames organiza hoxe unha andaina solidaria en beneficio de ASANOG"