Pestanas principais

Preséntase a I Carreira da Familia cuxos beneficios irán destinados á Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (ASANOG)

Martes, 18 de xullo de 2017

[18-07-2017] O evento solidario foi presentado hoxe no Salón de Plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns. Na presentación estiveron o alcalde de Ames e concelleiro de Deportes, José Miñones, a concelleira de Servizos Sociais, Luisa Feijóo, o delegado en Santiago da Federación Galega de Atletismo e director técnico da proba, Iván Sanmartín , unha traballadora con nenas e nenos oncolóxicos no Hospital Clínico Universitario de Santiago, Mercedes Fernández, e a vicepresidenta da Asociación, Catalina Cadaya. O evento solidario deportivo celebrarase o vindeiro 30 de xullo, a partir das 10:00 horas, na Travesía do Porto do Milladoiro. O diñeiro das inscricións irá destinado a ASANOG.

O evento consistirá nunha carreira “simbólica” de tres quilómetros a través das rúas do Milladoiro e contará, tamén, con actividades lúdicas para toda a familia entre as que destacan unha festa con DJ, inchables, animación, obradoiros, premios e sorteos. A xornada comezará ás 10:00h, coa entrega de dorsais e bolsa regalo na propia capa da organización. Ás 10:30 darán inicio as actividades cunha sesión de música, animación e baile. Ás 11:00h haberá sesión de quecemento grupal, para ás 11:15h comezar a Carreira da Familia (que fai parte do calendario oficial de probas da Federación Galega de Atletismo). A partir das 11:45 h terán lugar actividades lúdicas para toda a familia, con inchables e xogos. Finalmente, ás 13:00h será o final de festa cun sorte de agasallos e a entrega dos premios.

A participación será individual ou en familia de 3 integrantes ou máis, compostos por avós, nais e pais e fillas e fillas. Para as e os participantes da proba deportiva haberá seis premios diferentes (por orde de chegada á meta): serán á familia máis numerosa, ao avó ou avoa de máis idade, á primeira ou primeiro en chegar á meta individualmente, á primeira familia de tres integrantes, á primeira de catro e á primeira de cinco (que nestes tres casos deberán chegar xuntas e xuntos).

O alcalde de Ames e concelleiro de Deportes, José Miñones, destacou durante a presentación o carácter solidario desta iniciativa: “Este evento máis que deportivo, é solidario, e así queremos que se entenda desde o Concello. Esperamos que o próximo 30 de xullo, gran parte da cidadanía amesá se achegue até a Travesía do Porto e participe desta iniciativa”. Pola súa banda a vicepresidenta de ASANOG agradeceu ao Concello a organización deste evento solidario: “Quero expresar en nome da Asociación o noso enorme agradecemento por esta iniciativa e pola implicación do Concello. Agradecemos moito estas iniciativas pensadas como un evento familiar, porque nós tamén somos familias e nos chegan especialmente este tipo de eventos solidarios pensados para todas e todos”.

O prazo de inscrición remata o vindeiro 27 de xullo
Para participar é preciso inscribirse a través da páxina web www.emesports.es. A data límite para facelo é o vindeiro 27 de xullo, ás 23:59 horas. O prezo da inscrición será de 5 € por participante adulto e 2 € por participante menor de 18 anos. Asemade, tamén existe a opción “Dorsal 0”, destinada a todas aquelas persoas que queiran doar diñeiro á organización, sen ter que participar da carreira. O propio día da carreira tamén se habilitará unha carpa da Asociación para poder colaborar e doar o que cada persoa ou familia desexe.